Comunicado da AELG sobre o caso da agresión á lingua galega no concello de Cee:
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega declara publicamente o seu apoio ao manifesto Queremos galego na administración local de Cee e fai un chamamento a usar, apoiar e impulsar a nosa lingua propia, lingua en que se expresaron as e os poetas do noso país, algúns deles fillos desa comarca de Fisterra.
Van alá máis de cento cincuenta anos de afáns para devolver a nosa lingua ao lugar que ocupou e que lle corresponde como ÚNICA LINGUA PROPIA de Galiza, tamén recoñecida como OFICIAL polo Estatuto de Autonomía galego. Somos quen somos por termos criado esta lingua. É por ela que somos recoñecidos como galegas e galegos e así o queremos seguir sendo. É grazas á lingua oral -base da nosa cultura e raíz do noso sistema literario- que desde a escrita nos é permitido transmitir elementos patrimoniais que, de ficaren restrinxidos á vía oral, fariamos hoxe parte dunha xeración moito máis enmudecida.
Por iso non podemos máis que refugar os argumentos que pretenden impedir a súa necesaria potenciación para inverter a actual tendencia decrecente que nos fai preguntarnos con preocupación polo seu futuro.
Preocúpanos a insensibilidade de quen se estende en citas xurídicas para negar unha realidade evidente, o retroceso social por infravaloración marxinal da lingua galega, tan evidente que até todas as organizacións políticas foron quen de se pór de acordo en favor da nosa lingua nos marcos lingüísticos legais e de referencia. como é a Lei de Normalización Lingüística ou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. En relación con isto non podemos comprender como eses acordos que se aceptan e asinan non son logo colectivizados polo conxunto das persoas que conforman esas organizacións, para seren defendidos por todos e cada un dos seus representantes públicos en todas as administracións.
Asemade, pretender xustificar o inxustificábel de todo punto de vista, como é restrinxir a igualdade lingüística apelando á escrita de obra literaria en castelán por parte de Rosalía de Castro ou Álvaro Cunqueiro resulta intelectualmente deshonesto, pois ignora que esta actuación tivo lugar de forma non libre, precisamente en momentos de non regulación ou, propiamente, prohibición e desamparo da lingua galega, o que implica un maior valor para a súa vontade de escrita e publicación en galego, ademais de seren autores destacados na defensa da normalización lingüística.
En todo caso o que si é obriga das institucións galegas é garantir o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística, que protexe o dereito da cidadanía a se dirixir en galego ás distintas administracións, o que, para ser efectivo, precisa de potenciación da lingua entre os traballadores e traballadoras da Administración. Tamén é necesario que as administracións apliquen tres actitudes sociolingüísticas que foron recollidas no seu día no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade do Parlamento Galego en 2004, a saber: oferta positiva, oferta informativa e cortesía, e que podemos resumir como actitude favorábel ao emprego da nosa lingua, que será a lingua en que as administracións se dirixirán ao público.
Como escritoras e escritores galegos reclamamos unha potenciación real e efectiva da nosa lingua, accións que redunden nunha ampliación do seu uso, medidas que sirvan para que a nosa lingua sexa a lingua en que fale o futuro, garantía imprescindíbel de supervivencia.
O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
Ningún comentario:
Publicar un comentario