Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 8 de agosto de 2012

A calculadora de Ramón Verea

Como profesor de matemáticas, en moitas ocasións teño que explicar o funcionamento de determinadas funcións dunha calculadora. Neses casos non podo deixar de lembrar a figura de Ramón Verea. Como teño a certeza de que é un descoñecido vou deixar aquí algúns apuntes sobre quen foi ese home.

Nun acto celebrado en novembro do 2009 e organizado polo Foro Enrique Peinador ([1], [2]), homenaxeouse a Ramón Silvestre Verea García, natural da parroquia de Curantes (A Estrada) do que se destacaba o mérito de ser o inventor da calculadora. Despois do descubrimento dun busto realizado polo escultor Manuel Molares interveñen o historiador Ricardo Gurriarán e o mestre Olimpio Arca Caldas, autor do libro Ramón Verea.




Para sermos máis precisos convén matizar o título que se lle asigna en moitos lugares a Ramón Verea como o de ser o inventor da calculadora. Non hai ningunha persoa á que se lle poida atribuir en exclusiva este invento. Os precursores xurdiron no XVII. Un deles foi o reloxo calculador de Wilhem Schikcard,, outros foron os  artefactos dos  ilustres matemáticos Leibniz e Pascal: a máquina artimética do primeiro e a pascalina do segundo.  No XIX patentaríanse moitas máquinas de calcular e faríanse importantes aportacións ao desenvolvemento da tecnoloxía do cálculo. Unha delas viría de Ramón Verea. Concretamente o seu invento, patentado no 1878 ten o mérito de poder realizar produtos directamente pois ata o momento realizábanse mediante unha repetición de sumas. Segundo as palabras do propio Verea:
A miña máquina, ademais de sumar e restar, multiplica e divide polo sistema abreviado que usamos, coa vantaxe de multiplicar todo o multiplicando á vez por cada número do multiplicador
Reivindicar a este noso veciño é tamén reafirmarse no orgullo do propio, do noso. Ramón Verea, un veciño da parroquia estradense de Curantes, mestre e redactor dun xornal, director doutro, escritor, tradutor, inventor e empresario, actividades que realiza en Cuba, Estados Unidos, Guatemala e finalmente Arxentina, onde morre no 1899.
Se un profesor de matemáticas coma min, quixera aproveitar a figura e a proximidade de Verea para facer agromar ese orgullo aparellado á reafirmación da lingua de noso, tería un serio problema pois para facelo deberá enfrentarse aos ditames da Consellería de Educación. Creo que non hai que volver a recordar os funestos mandatos do decreto 79/20120, o chamado decreto do plurilingüismo que prohíbe, entre outras,  as clases de matemáticas en galego. E aínda Valentín García, o secretario xeral de política lingüística é quen de dicir que os decretos non son importantes. Pois na súa mesma lóxica tampouco importará cambiar un por outro e por comenzar a facer algo (non se sabe de nada que fixera ata o día de hoxe), Valentín García, que asistiu ás xornadas correspondentes ao acto do vídeo, podía promover a normalización das matemáticas no ensino por medio da descoñecida figura de Ramón Verea.

2 comentarios:

  1. Manda truco! Non che coñecía nada desta historia, Cibrán. Ben interesante.

    ResponderEliminar
  2. Perdón polo retraso... é que levo tempo desconectado.
    Eu entereime cando foi o acto na Estrada

    ResponderEliminar