Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 9 de agosto de 2012

Por unha lingua sen límite I

Un acertadísimo artigo de Mercedes Queixas Zas no Sermos Galiza (non perder a continuación):

Por unha lingua sen límite 1991-2011 é o recente título que recolle as palabras pronunciadas na xornada de celebración dos vinte anos dos equipos de normalización lingüística que, organizada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, tivo lugar en Compostela o 5 de xuño de 2011.

Un volume que ve a luz grazas á colaboración económica de máis dun cento de persoas que acreditan na necesidade de deixar testemuño impreso dun tempo histórico no decorrer da normalización lingüística no ensino galego e no que un bo cesto de soños e utopías doutrora foron modelándose, con esforzo anónimo case sempre e desde o vértice común do compromiso coa normalización lingüística, até se proxectaren como experiencias tanxíbeis que cómpre non deixarmos engaiolar polas coplas do esquecemento.

Que veinte años no es nada clamaba o coñecido tango de Carlos Gardel. Efectivamente, non son nada para a permeabilidade da desmemoria actual, para a anestesia inoculada mediante un continuum de perdas e derrotas ao vermos esfarelarse, con vontade e aposta ideolóxica política -porque a estas alturas ninguén pode deixarse enganar con aquela vainica das resolucións estritamente técnicas...- as conquistas de dereitos sociais básicos que viñeron convertendo cada xeración nun bocado máis libre ca anterior e cada momento histórico nun intre máis coherente cos principios de xustiza social.


Mais nesas longas dúas décadas das que moit@s profesionais do ensino somos ben conscientes, unha cantidade inmensa de traballo viu a luz por medio dunha multitude de propostas conducentes á recuperación social da lingua galega desde o elo inicial natural, a infancia, interrompido xa en moitas familias, e no lugar onde habita e respira a artesa das palabras, a escola.

Como exercicio de memoria que foxe da nostalxia ou como acto de celebración ceibe de ladaíñas morriñentas ou de agoiros funestos, segundo anuncia o limiar, este volume é crónica ilustrativa, testemuñada en anexos con documentación histórica, aínda que tamén incompleta, porque é imposíbel rexistrar nun espazo limitado coma este todo o inxente repertorio de propostas e mais de persoas, quer individual quer colectiva e organizadamente, que empeñaron na tarefa de dotar o galego de maior vitalidade interminábeis doses de tempo persoal, compromiso, traballo e ilusión, desde os diferentes sectores converxentes no marco educativo.

Mais tamén son, asemade, estes dous centos de páxinas unha radiografía de momentos importantes que foron concretando e visibilizando, aos poucos, o carácter progresivo que a Lei de normalización lingüística determinou xa en 1983 e que aínda está ben lonxe de ser desenvolvida – e mesmo cumprida- na súa totalidade malia o tempo transcorrido.


Os artigos, de autoría representativa das diferentes etapas deste particular maratón lingüístico noso, sucédense nunha travesía de abordaxe
cronolóxica en que paseniñamente -ou demasiado amodo- os elos da cadea que artella o avance normalizador van tomando corpo e vertebrando estrutura.


A primeira estación resitúanos na década dos setenta e oitenta, tempo de contestación, ilusión e esperanza, vizoso en iniciativas organizativas á procura da restitución para a sociedade do ser identitario galego -o idioma e todas as manifestacións culturais que nel, como substrato, se conciben e alimentan- e a cuxo agromar non permaneceu allea a escola.

Urxía daquela elaborar materiais pedagóxicos e o voluntarismo cívico foi quen de o conseguir desde a necesaria perspectiva da renovación pedagóxica. No entanto, o respaldo oficial e lexislativo era fundamental para alicerzar solidamente o proxecto de restauración do idioma negado e este chegou, por fin, logo da aprobación do Estatuto da Autonomía, articulado na Lei de normalización lingüística e nas disposicións legais que emanaron dela.
Sendo imprescindíbel comprendermos desde unha perspectiva transversal, como un totum global e retroalimentador, a cuestión da normalización lingüística, isto é, a capacidade de vivirmos neste país plenamente en galego, no sector educativo a Administración delegou desde o curso 1991-1992 parte da responsabilidade, ás veces incluso a propia e polo tanto irresponsabelmente, nos chamados inicialmente Equipos de Normalización Lingüística.
Unha andaina de experiencias moi diferentes en cada centro, corolada por acertos e desacertos, debido a razóns endóxenas -a formación escasa dunha parte moi importante do profesorado no ámbito da normalización e dinamización lingüística- mais tamén, ou sobre todo, esóxenas -ausencia dunha auténtica planificación lingüística por parte da Consellaría de Educación que impedía os avances no obxectivo normalizador escolar e social. Moitos destes equipos souberon resolver, desde a vontade e o compromiso, e procurar estratexias de actuación conxunta que facilitasen o traballo de base, a optimización de recursos e a incidencia do esforzo. Superar o illamento e a soidade a partir da construción de proxectos colaborativos e dinámicos foron o cordón umbilical que alimentou as diferentes coordinadoras locais e comarcais que se foron espallando pola xeografía de noso: Pontevedra, Ferrolterra, A Coruña, Costa da Morte, O Salnés, O Morrazo, Melide, etc. até chegarmos á constitución en 1996 da Coordenadora Nacional de Equipos de Normalización Lingüística.
Liamos, por aquel entón, nunha folla de rota oficial navegante de mares inertes, viciados nunha política erraticamente instalada en Galiza polo Partido Popular de don Manuel Fraga, que non acababa de apostar por un futuro vital e desacomplexado para a lingua galega que a tornase da devalo infinito, senón que se sostiña no escaso avance da competencia lingüística en galego e no manifesto incumprimento -e consentimento por un sector maioritario da Inspección educativa- da lexislación, constatado finalmente nos resultados daquel desolador Inquérito sobre o uso do galego.
Semellaba tocar fondo para retomar rumbo novo o 22 de setembro de 2004 coa aprobación no Parlamento de Galiza, por unanimidade, do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Un documento nuclear, transcendental, consensuado e elaborado por un amplísimo abano de expertos e axentes sociais que ofrecía unha radiografía da saúde da lingua galega na sociedade e presentaba centos de propostas acaídas a cada sector analizado.
No sector referido a Ensino, familia e mocidade recóllese que os ENL son un importante potencial para a normalización da lingua nos centros educativos, mais tamén repasa os puntos febles no seu funcionamento, que chegará a reforzar o informe do Consello Escolar de Galicia, Evolución e estado actual do sistema educativo en Galicia (curso 2002-2005) ao cualificar de “fracaso insólito” a política lingüística educativa posta en práctica até esa altura e reclama da Administración a formación e reforzo do status dos Equipos de Normalización Lingüística.
O horizonte ampliábase, a ollada enxergaba novos compromisos, a linguaxe tornábase ambiciosamente sandadora e a ilusión remanecía expectante.
E entón a lectura deste libro prende en min desde a páxina 55 dun xeito diferente, porque de todo o que aquí se dá proba e testemuña participei con entrega e emoción; porque aínda son quen de visualizar escenarios, encontros, conversas, contaquilómetros, debates, apertas, correos electrónicos, reclamos e, sobre todo, proxectos.
Porque aínda presinto olladas e palabras de alento que foron verdade. Si, verdade ignorada e negada hoxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario