Vaia, a Ana María Fernández, concelleira de Cultura do concello da Coruña, acaba de agasallarnos con outra das súas ocorrencias. Lembran as do 2011 cando se estreaba como tal concelleira, aquilo de que "las fiestas del año pasado no tuvieron éxito por ser demasiado gallegas"? E non lle chegou con esa boutade, pois aínda se atreveu a engadir: "el bipartito programaba cosas demasiado gallegas".
Pois a ocorrencia deste ano, fiel ela ao seu ideario, tampouco ten desperdicio. Encheu a cidade con grandes cartaces e pancartas anunciando as festas de María Pita con frases e palabras dunha orixinalidade que nos puxo colorados despois da hilaridade inicial. Cinco grandes pancartas presiden a fachada do Pazo Municipal, destacando tres no balcón central. Na da esquerda, lemos: ¿Trouleas? E abaixo: ¿O vienes de fiesta? Redondos os slogans, pois son a demostración do prexuízo que esta edila e quen a acompañan, teñen do noso propio idioma, ao plasmar unha diferenza de significados que non hai na realidade. Trouleas, para eles, é palabra paleta (no seu argot). É mellor outra definición máis fina: ir de fiesta. Por iso tamén nos balcóns dos edificios da praza repiten a palabra "troulea" así, entre comiñas, a diferenza de todas as outras en español, que aparecen sen elas, é dicir, con normalidade.Uf, que inmensa cultura a desta xente. Viva Madrid y abajo la inteligencia. Que burros somos los de la aldea. (jeje, estamos de Entroido... digo, de troula).
Pancarta central: A cidade que dorme de pé. E logo!, para que despois nós, os que batallamos polos nosos dereitos e contra a colonización mental dos novos franquistas, non poidamos criticalos por non utilizaren o idioma propio. O mau é o que di a seguinte pancarta e as que enchen os balcóns da praza: Troulea, e de seguido: sonríe/baila/aplaude/ríe/celebra/salta/comparte/callejea/besa/abraza/come/bebe/ relájate/disfruta/ e... (non perdan a visión desta perla da creación) suéltate el pelo. E logo, non digan despois que esta muller non é orixinal e moderna. Pero, non sei se a xente de fóra que tanto di que a preocupa, e a de dentro, terá moitas ganas de facer todo isto agora que a edila e os seus xefes máximos, Raxoi e Negreira (fermosos apelidos galegos. Por que este último non o mudará, en correspondencia coa súa teima españolizadora e castrapista? O outro xa o fixo hai tempo e venlle de liñaxe) nos puxeron a todos e todas de forzados anacoretas. Pero como a máxima destes cavernícolas é negar sempre a realidade, pois iso, ale, a "gozar de la fiesta todo el mundo", que o di a modernísima Ana Fernández, a de Chantada pero "que vive en La Coruña, y donde esté La coruña..." Por certo, onde anda o aforro que tanto predican? Era necesario, inda por riba, que paguemos todo este disparate millonario, como tantos que xa levan nos poucos meses de desgoberno?Pensaredes que isto é todo e o maxín da señora e demais colaboradores (unha boa listaxe de amiguiños deles postos a dedo e pagados por nós), con tanta parida colonizadora xa ficarían satisfeitos. Pois nada diso. Aínda queda outra pancarta na fachada da que en teoría é a nosa Casa Grande. Ilustrada con outra palabra de ánimo e troula: Far/and/ule/ando. Tal como está escrita lerémola en partes ao xeito que aquí van separadas pola barriña, de forma que veremos algo en inglés, algo en galego e algo en español. Bingo! E despois, se somos agudos como os paridores da cursilada, acabaremos decatándonos da palabra completa. Unha creación maxistral, vamos.
Outro día contarei tamén as máximas enxeñosas que enchen os buses da Coruña para educar a "esos bárbaros que no respetan nada". Hoxe só adianto esta xoia: "Es mejor hacer cola en la parada que ir amontonádose y que luego no se sepa quien está primero, y segundo, y tercero... (Javier, 5 años)". Ou a campaña viaria de tan lucidísimo slogan: Este autobús se mueve.
O noso abraio non está tanto neste exhaustivo aparato de ideas e propaganda perfectamente estudadas, senón en que quen as fan son galegos e galegas, cos nosos cartos e baixo unhas directrices españolistas que ilustran á perfección o que cientificamente se coñece como mal de autoodio, polo tanto esas valoracións que raian no paiolismo, ou mellor, (que estamos a falar dese sector de poder que hoxe domina esta martirizada cidade de valoroso aguante), do pijismo e do ridículo. Insisten estes aprendices de señoritos madrileños en desgaleguizar pola brava unha parte da Galiza, obxectivo político que nunca verán cumprido, pois non se poden desnaturalizar séculos e séculos creados por quen nos antecederon con amor e personalidade pefectamente definida, do mesmo xeito que non se pode transformar por arte de maxia o acento propio que nos dá ser e personalidade, noutro que no complexo exarcebado nos parece máis fino, e diso tamén sabe moito a concelleira, a quen, ao final, lle quedou híbrido o seu (acento curuño, vamos: el peerro, daqueella, eso yo no te lo entiendo... etc.).
A Coruña é Galiza e quen renega da nosa cultura e idioma propios, aínda que non se atreva a dicilo e o disfrace con artimañas ou mesmo baixo razoamentos de democracia e modernidade, que colla a maleta e vaia para o lugar onde poida cumprir as súas ansias de medre e sometemento. Os galegos e galegas nunca nunca poderemos aceptar que traten de borrar e destruír o que nos define como tais, en harmonía coa historia e co futuro de riqueza polo que traballamos cada día, porque iso sería matar a variedade cultural coa que se colorea o mundo. Unha salvaxada, vamos. Ou xenocidio. E aínda que nos queiran impoñer o alleo, sufridas coruñesas e coruñeses, boas e galegas festas sempre.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
martes, 7 de agosto de 2012
Trouleas?
por Lois Diéguez en Terra e Tempo:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario