Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
xoves, 30 de agosto de 2012
Mixólogo
" e unha vez que está deshecha, agregarle curaçao.... eso se leva ao conxelador a moi baxa [sic] temperatura.... botamos o xeo no vaso, se escurre el hielo sobrante para que no se quede aguao [sic] o resultado"
No programa da TVG "A Revista da Fin De Semana" entrevistaban a Iván Cortón, gañador, segundo informan, dun dos máis prestixiosos concursos de coctelería. O curioso do caso é a extraña lingua (?) que fala o coctelerio (ou mixólogo). Fai unha mestura tal de linguas que é moi complicado que a un non lle abaneen as orellas cando o escoita.
Non se trata de facer escarnio co alquimista de licores, senón mais ben de evidenciar con este exemplo o que cada día é máis habitual por culpa da política de exclusión da lingua galega tanto do ensino como do resto dos ámbitos da sociedade. Sobre todo nas cidadades (pero non só) cada vez é maior o número de analfabetos do uso do galego. Viven de costas a esa lingua, cun entorno que non o usa, informados por un enxamio de medios de comunicación en español, en relación cunhas administracións de galegas só teñen o nome (cando aínda o teñen), e cun ensino no que a presenza do galego é comparable á do francés. Os resultados reflíctense en persoas como este mixólogo que a forza de mesturar bebidas, acabou tamén mesturando linguas. Un pouco de galego porque é para a TVG, e grazas, porque cada vez esta deferencia é máis infrecuente; un bo grolo de castelán e as necesarias pingas de inglés, por iso de darlle importancia internacional ao cóctel. O resultado, velaí o temos, unha especie de interlingua que só serve para substituir á lingua B, un paso intermedio para a súa substitución completa.
Saber e usar o galego non é necesario, esa é a mensaxe que se espalla cada día con máis insistencia. Desafortunadamente os maiores valedores da mesma son os que ocupan cargos establecidos xustamente para o contrario. Desde a Xunta de Galicia, especialmente desde a Consellería de Educación e a súa SXPL están empeñados en restrinxir as posibilidades do emprego do galego a aquelas circunstancias nas que non se sinta incómodo ningún hipersensible castelán-falante.
Preguntémonos polas decisións tomadas nesta última lexislatura en materia de política lingüística. Eliminouse a esixencia de probas de galego para administración pública co obxectivo de establecer que a única lingua real das dependencias oficiais fose o hiper-protexido castelán. Organizouse unha campaña de desprestixio da defensa e o uso do galego identificándoo coa imposición ao tempo que se ligaba o castelán co uso libre. Decapitouse a promoción do coñecemento e o ensino da lingua galega cun funesto decreto co fin de que aqueles zunantes aos que lles molestaba o seu uso non tiveran problemas. Elimináronse ou reducíronse todos os ámbitos de normalización da lingua. Por poñer un exemplo, os Equipos de Normalización dos centros de ensino viron reducidas nun 80% as axudas nos 3 anos presupostados. Incluso chegou a proscribirse a palabra normalización. Estableceuse unha práctica de recuperación de uso do castelán en campañas publicitarias, declaracións institucionais, deturpación toponímica,...
As consecuencias non podía ser outra que o incremento dunha preocupante bolsa de mixólogos na sociedade galega. É isto o que queremos para o país?
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario