Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 27 de agosto de 2012

Ciencia en galego

por Marta Dacosta Alonso en Terra e Tempo:

Un exemplo de autoestima, unha pequena publicación moi específica que chegou a todos os recantos do mundo na nosa lingua.O Consello da Cultura Galega acaba de publicar Escribir de ciencia en galego, volume coordinado por Francisco Díaz-Fierros e Xurxo Mariño que recolle as actas da xornada celebrada o 20 de maio de 2011 sobre este tema. A publicación inclúe un estudo do uso da lingua nas publicacións de diferentes entidades, Universidades, Administración, asociacións… no que se pode ver cantas publicacións empregaron a nosa lingua e en que proporción até o ano 2002 (un traballo do seminario de sociolingüística dirixido por H. Monteagudo). Fago referencia a esta publicación porque nese estudo queda reflectido brevemente o resultado dun esforzo de anos: a publicación en galego dun boletín científico sobre cetáceos, promovido pola CEMMA, iniciativa que coñezo en profundidade porque con ela colaborei na corrección de textos ou mesmo mediante a publicación dalgunha nota sobre toponimia.

O boletín chámase Eubalaena, tomando o seu nome do nome científico da balea basca, unha especie en perigo de extinción que foi alimento e fonte de riqueza para o pobo galego, entre outros, aínda que na historiografía oficial só nos falen dos baleeiros bascos. No seu día a CEMMA elixiu este nome como homenaxe á balea que tanto frecuentara as nosas costas e que hoxe rara vez se pode divisar. Cómpre dicir que o seu nome latino vén significar algo así como “balea verdadeira”. No momento en que se decidiu pór en marcha a publicación, decidiuse tamén que a lingua en que se publicarían todos os artigos sería a nosa lingua, o galego, acompañado dun breve resumo en inglés e en francés, algo habitual nas publicacións científicas.
A memoria di que non houbo debate e que publicar Eubalaena en galego foi algo natural. E non deixa de parecerme curioso hoxe, pois este tipo de eleccións adoitan ser conflitivas, especialmente cando a publicación ten como destinatari@s persoas e entidades científicas de todo o mundo. Mais é certo que tras esa naturalidade estaba a convición de determinadas persoas, que non dubidaron en pór en marcha aquilo no que crían. E así foi como unha publicación modesta naceu e saíu do noso país, levando canda ela novas sobre os cetáceos das nosas costas e na nosa lingua.


Que a onde chegou Eubalaena? Pois desde Cape Town a EEUU, de Arxentina a Londres. De volta viñeron cartas felicitando pola iniciativa, entre elas a dun brasileiro que sinalaba a facilidade de comprensión da revista ao estar escrita en galego, ou a dun americano que traballaba no Servizo de pesca e vida silvestre do Departamento do Interior dos Estados Unidos que tiña un amigo portugués que lle facilitaba a lectura. O caso é que a revista foi reclamada desde o Port Ellizabeth Museum de Sudáfrica ou desde a sección de bibliografía do Natural History Museum de Londres e chegou estar recensioanda na Wildlife Review que chegaba a 3300 centros de investigacións e bibliotecas de todo o mundo. En Eubalaena e en galego chegaron ver a luz artigos orixinariamente escritos en español desde Venezuela ou desde as Illas Canarias. En 1996 un colaborador madrileño escribía: “He estado leyendo el artículo traducido al gallego y no lo considero destruido, al contrario creo que está más completo con los datos que le habeis añadido. Me parece muy bien.” E desde Cataluña chegaban tamén as felicitacións “... deseo comunicaros que vuestro trabajo ha sido fuente de inspiración para el nuestro”.

Segundo sinala o estudo do Seminario de Sociolíngüística Eubalaena é unha das dúas publicacións científicas que se publica 100% en galego, entre as 7 que usan a nosa lingua. Simplemente porque Eubalaena foi o resultado da insistencia e da ilusión de quen creu no traballo que estaba a realizar e sempre pensou que coa nosa lingua e desde o noso país se podía chegar a calquera parte, sen pararse nas dificultades, antes ben buscando motivos para avanzar. E o caso é que aí segue, publicando ciencia en galego, hoxe xa só en formato dixital, porque a falta de recursos económicos xa non permiten nin unha miserábel publicación fotocopiada.

Ilusión, confianza e convición, foron os ingredientes. Son baratos e deron resultado. Oxalá tamén foran exemplo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario