por Xosé González en Galicia Confidencial:
Contan as crónicas que rematada a guerra civil as autoridades franquistas da Coruña mandaron cortar a páxina do Rexistro Civil na que figuraba a inscrición de nacemento de Casares Quiroga. Con aquel xesto inútil quixeron os inquisidores do novo réxime borralo da historia. De pouco lles valeu, porque a a memoria restableceuse co paso do tempo.No caso de Enrique Peinador Lines os métodos empregados non foron idénticos, pero máis ou menos. Desde 1940, ano do seu pasamento, os historiadores e axentes económicos obviaron ou terxiversaron a grandeza dun home senlleiro na historia de Galicia. Se tiveramos que definir a contribución que Peinador Lines fixo ao desenvolvemento socioeconómico do País diríamos que foi o creador da fórmula I+D+i, invocada constantemente polos teóricos da economía .El engadíulle outro sumando máis, o “G” de galeguismo, que hoxe, oitenta anos despois, aconsella calquera manual das bos prácticas empresariais, coñecido como Responsabilidade Social Corporativa.
O balneario de Mondariz constrúeo Peinador Lines seguindo os exemplos doutros que en Europa gozaban de moita sona: Marienbad, Baden-Baden e Karlsbaad, en Alemania; Montecatini, en Italia; pero sobre todo os franceses de Aix-le-Bains, de Royart, e moi especialmente o de Vichy.Todos eles servíronlles de inspiración para construír un complexo hostaleiro de man do xenio creador do arquitecto Antonio Palacios.
Peinador Lines participou activamente en todos os cónclaves políticos e culturais do seu tempo. Estivo nas fundacións das Irmandades da Fala, Seminario de Estudos Galegos… e formou parte tamén das comisións constituídas polo Partido Galeguista para procurar apoios de vascos e cataláns para o Estatuto de Autonomía e negociar a súa tramitación parlamentaria en 1936. Anos antes participara no Pacto de Barrantes, un feito histórico descoñecido polo gran público e de gran transcendencia para Galicia. Foi un home respectado e amigos dos galeguistas máis sobranceiros que tivo Galicia.A súa derradeira e patriótica aposta foi apoiar e formar parte do Frente Popular en 1936.Esa actitude custoulle ser perseguido e desposuído das súas propiedades.Aínda así, intentou reconstruír con outros o PG na cladestinidade pouco antes de falecer, en 1940.
Cando nos propuxemos rehabilitar a memoria de Peinador Lines atopamos a colaboración entusiasta do alcalde do Concello, José Antonio Lorenzo, orgulloso do galeguismo do seu fundador. A Corporación nomeouno Fillo Predilecto a título póstumo e erixíuselle tamén un monumento. Editáronse varias publicacións que informan da súa biografía e bo facer como empresario comprometido co Pais.
O Alcalde, que ten unha afervoada admiración pola obra de Peinador Lines, é o mellor relacións públicas que ten o Concello,como o fora do Balneario Ramón Cabanillas. Coma eles, coida que o problema galego é un problema de personalidade, de liberdade e de dignidade. Sempre é un pracer visitar aquela Vila. Sería desexable que se organizasen unhas xornadas informativas para que a exemplar obra de Peinador Lines acrecente o orgullo e autoestima dos veciños, porque un pobo que respecta e coñece a súa historia é a mellor garantía para un futuro mellor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario