Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 3 de setembro de 2012

ORAL ou como a Deputación de Pontevedra exclúe o galego

Non  vou  comentar aquí o evidente atraco aos veciños da Estrada que supón o incremento do 100% nos recibos do IBI (os do catastro) cando ademais xa temos asegurada unha subida posterior para o vindeiro ano doutro 20%.
Non vou comentar o caso de quen tivera que pagar un recibo de 200 € o ano pasado e pase a ter que aportar agora 400 € ou 480 para o vindeiro ano nunha situación social de características verdadeiramente alarmantes ao contabilizarmos un incremento dos parados do concello de case un 50% nos tres últimos anos.
Non o vou facer porque do que se trata nesta ocasión é de denunciar que unha vez máis as administracións públicas, neste caso a Deputación de Pontevedra, gasta os cartos dos contribuíntes en aplicacións informáticas nas que se exclúe por completo o galego. Trátase da oficina virtual para o cobro de tributos (ORAL). Claro que cando se anunciou a posta en funcionamento desta oficina virtual, explicárase que estaría dispoñible tamén en galego. E non o está.
Outra vez anunciase unha cousa e finalmente acabamos sufragando a imposición do castelán, incluso para pagar, en todos os eidos da administración pública. Con estes exemplos non é de estrañar que falar de trasladar a normalización lingüística á iniciativa privada é un insulto á intelixencia dos cidadáns.
O procedemento é sempre o mesmo. De cara á sociedade proclamamos palabras de amor e de defensa do galego. Pola contra a realidade demostra que despois se trata con desprezo e minusvaloración. En concreto neste caso simplemente bótase ao lixo e non se ten en conta máis que para destacar o caro que nos custa a normalización. Mentras, os cartos que se recaudan cada vez con máis iniquidade revirten sempre na ominipotente persistencia do español. Entón un pregúntase para que serve a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Ningún comentario:

Publicar un comentario