Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 25 de setembro de 2012

Memoria da lingua. Ano 1995.

por Marta Dacosta en Terra e Tempo:

Hai dezasete anos o curso escolar 1995-1996 iniciábase conflitivamente. O 14 de setembro publicábase unha nova regulamentación do uso da nosa lingua no ensino, recollendo que materias debían ser explicadas na nosa lingua e cantas outras debían propor os propios centros para a súa impartición.
A boa nova era que por primeira vez esta norma que desenvolvía a Lei de Normalización Lingüística adquiría o rango de Decreto e que nela se recollía que a materia de Coñecemento do Medio en Primaria, e as áreas de Ciencias Sociais, Ciencias da Natureza, Ciencias Medioambientais e a optativa ofertada polo centro en Secundaria debían ser impartidas no noso idioma.

Ao lado destes requisitos figuraba tamén que o alumnado debía cursar unha materia máis en galego, materia que sería determinada polo centro. Como logo nos explicaría un día Agustín Fernández Paz, nun curso de formación do profesorado, o que non se nomea non existe, e o Decreto 247/1995 acabou por fracasar na aplicación da maior parte do seu articulado, por non estaren concretadas as demais materias que debían ser impartidas en galego.
Mención a parte merece o artigo 4º. Dicía no seu apartado primeiro: “Na etapa de Educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria os profesores e profesoras usarán na clase a lingua materna predominante entre alumnos e alumnas, terán en conta a lingua ambiental e coidarán que adquiran de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo.” Quen redactou introduciu intencionadamente o termo lingua materna e deixou na indefinición a concreción da lingua ambiental ou como se coidaría que adquirisen o noso idioma no caso dos contextos castelán falantes. Unha indefinición que soamente serviu para obstaculizar os avances.

Naqueles primeiros días do curso, cando estaba a rematar o mes de setembro, o conflito estoupou en Palmeira. Un pai denunciou a dirección do colexio, simplemente porque cumpría a lexislación. Iniciouse entón un ir e vir de inspectores que entraban nas aulas sen avisar e un camiño de papeis que enredou o inicio de curso, serviu de carnaza mediática contra o noso idioma e contra as persoas que o defendían, e acabou meses despois coa única conclusión posíbel: o centro facía exactamente o que a lexislación prescribía, nin punto arriba, nin punto abaixo. Mais o dano difamatorio estaba feito, a opinión que di despectivamente dos que defendemos o noso idioma que somos “radicais, impositores, etc” construída e difundida. O Decreto comezaba con atrancos, atrancos que estaban ao servizo de coutar a vontade de quen quixese procurar o avance do noso idioma. Sempre as mesmas tácticas.


Foi entón cando coñecín ao finado compañeiro Mariano Vidal, que con firmeza e paciencia aturou os ataques contra del, contra o centro e contra o noso idioma. Foi precisamente esa firmeza un elemento fulcral na resolución do conflito no avance na defensa da nosa lingua.

A CIG-Ensino defendeu sempre que a aplicación do artigo 4º pasaba por establecer cal era a lingua da contorna e concretar unha porcentaxe para os contextos castelán-falantes. Levabamos anos participando en diferentes iniciativas para procurar o avance do noso idioma. Despois daquel setembro de 95, iniciamos o ano 1996 cunha campaña de Normalización Lingüística nos centros e a demanda de elaboración dun Plan Xeral de Normalización. Meses despois, en novembro de 1996, a CIG e a AS-PG organizaron en Compostela o I Encontro de Equipas de Normalización, acto no que se acorda constituír coordinadoras comarcais en todo o país e se establece unha coordinadora nacional integrada por representantes das coordinadoras comarcais existentes: Ferrol, Santiago, Pontevedra, Salnés e Costa da Morte.

Hoxe, 25 de setembro, quixen facer memoria dun inicio de curso que como tantos outros foi conflitivo. Entón por mor dos ataques aos cativísimos avances na nosa lingua, tan cativos que tivemos que seguir a organizarnos unha e outra vez para seguir reclamando o que en xustiza nos corresponde e que tanto se empeñan en nos negar. Os que afiaron os dentes contra o Colexio de Palmeira, seguen sendo os mesmos que esqueceron o seu voto en prol do Plan Xeral de Normalización e executaron unha lexislación aberrante que comezou por eliminar o instrumento fundamental para garantir o uso do noso idioma na Administración, demostrar o seu coñecemento nas probas de acceso. Son os mesmos que, malia seren cargos públicos da Consellaría de Cultura e Educación, agora que estamos en pre-campaña electoral se expresan en español publicamente para deixar clara a súa posición lingüística e apelan á liberdade para oprimirnos aos que defendemos o noso idioma ( porque para nós reservan a liberdade da que falaba Ismael Serrano naquela canción: “libre para venderme e caer morto onde a miña liberdade prefira”).

Memoria dos feitos, da loita permanente en defensa do noso idioma, das persoas que como Mariano Vidal ou Dores Gestoso hoxe xa non están con nós, mais desenvolveron un traballo fundamental, pois no papel que lles correspondeu procuraron que a nosa lingua estivese cada vez máis viva. Eles quererían de nós que seguísemos alerta, pacientes e incansábeis, reclamando o que é noso, poñendo en evidencia a quen nos agrede, reclamando o xusto castigo que as urnas lles deben dar, facendo medrar no Parlamento galego a voz de quen ten Galiza e o seu pobo como pensamento e tarefa, o BNG.

Ningún comentario:

Publicar un comentario