Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 18 de setembro de 2012

Lingua, ben común

por Manuel M. Barreiro en Prolingua:

Manuel Rivas agasallounos a imaxe do remador que, deitando os ollos no pasado, voga cara ao futuro. Os tuváns veno doutro xeito. Son 235.000 almas. Viven nunha estrema siberiana da Federación Rusa. Din “songgaar” para retroceder ou sinalar o futuro. Din “burungaar” para avanzar ou indicar o pasado. Cren que o pasado está diante das persoas e que o futuro queda ás costas. Garrett Hardin denunciou a traxedia dos comúns: a sobreexplotación suicida dos bens herdados. Iríanos mellor se estivese vivo o coidado do común que, noutrora, había en Galicia. Propiedade de todos, son do interese da comunidade, bens que o uso mingua ou deteriora e deben ser conservados na despensa colectiva para os que veñen detrás. Son as augas, os bosques, a biodiversidade... Para facer posible a igualdade, esa materia que aleita o común, debemos incluír neles a educación, a sanidade, a protección social e, tamén, capitais imprescindibles como a lingua e a nosa cultura. Nestes tempos incertos, temos que dicir, como os tuváns: “songgaar”; hai que retroceder para buscar o futuro e recuperar os bens do común para xeracións vindeiras. A lingua galega, entre eles. É o único ben que non se esgota co uso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario