Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 14 de setembro de 2012

No Béarla. 24 horas na lingua propia.


Calquera dos que procuramos usar o galego todos os momentos do día, en todos os lugares e en calquer circunstancia sabemos ata que punto está ferida a normalización. Pero Galicia non é o único lugar do mundo no que sucede isto.Un pode facer un paseo nun autobús turístico por Dublín coa posibilidade de recibir información en sete linguas, porén ningunha delas é o irlandés. Isto non é máis que o principio deste capítulo de No Béarla (Non en Inglés)  un programa da TG4 no que se documenta a viaxe de Machán Magan, que intenta percorrer Irlanda falando únicamente en irlandés, unha lingua que é oficial nese país, mesmo con obrigatoriedade de coñecemento para o acceso á función pública ou á universidade.
Pero a situación social do irlandés non está para bortar foguetes e demostráse decote neste programa. Machán Magan é expulsado de locais, sérvenlle comida equivocada, roupa equivocada, fanlle cortes de pelo que non pedira, rinse del,... incluso chegan a ameazalo con que vai acabar no hospital se continúa a falar a súa lingua [1].
Sen dúbida a situación en Galicia aínda é moi distinta á de Irlanda, mais as características do proxecto trazado polo goberno galego nos últimos anos ten a vista posta nun horizonte como o que se presenta  neste vídeo. Un horizonte cunha sociedade monolingüe en castelán e cuns guetos, ou reservas no mellor dos casos, nos que os mantedores da lingua B vivirían o castigo pola súa fidelidade á lingua do territorio. É isto o que queremos?
 Polo momento xa hai un proxecto para a realización dun documental sobre o conflito lingüístico en  Cataluña que se presenta co lema "Son bojos, aquests catalans!?" Sería un moi bo exercicio o de facer un programa deste estilo en Galicia. Polo de agora xa houbo un intento argallado na plataforma crowdsourcing Galegolab. Foi o proxecto "24 horas en galego", do que xurdiu o vídeo "Co galego... ata o inferno".

Grazas a Ollapáro, pois dalí obtiven a maior parte da información. Recomendo botarlle un ollo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario