Desde as contas das plataformas sociais os partidos políticos defenden e espallan as súas ideas. Saben que cada anotación vai chegar a centos de persoas polo que procurarán redactalas con coidado para que a súa mensaxe sexa clara. Outra característica destes perfís é a súa inmediatez. En consecuencia as súas anotacións, no caso de non estar intervidas polo control do aparato do partido, poden revestidas dun certo carácter informal. Isto é o que lle sucede á conta de Twiter do PP de Galicia polo que nos permite bucear baixo a pantalla formal que ofrece o seu marketing oficial.
O dia 13 desde a conta @ppdegalicia divulgaban unha noticia sobre as listas electorais aparecida no ABC. O habitual é reproducir o texto do titular: 'Elecciones gallegas 2012: El PP ultima las listas con dudas en el número uno por Lugo y Coruña'. A zunia antigalega substituiu o último topónimo por *La Coruña.
A mensaxe que se transmite é que o PP de Galicia mantén unha postura soterrada contra a Lei de Normalización Lingüística. Oficialmente dise todo o contrario. Na práctica política diaria o que sucede é xusto isto que acabamos de ver aquí. Por unha banda ofrécese unha cara de promoción e defensa do galego porén as medidas que se toman na política lingüística consisten son as dunha toupeira furando os cimentos da normalización.
Con todo, o máis preocupante é o radicalismo anti-galego que están a demostrar os mantedores desta conta de Twiter. O normal sería lanzar unha mensaxe de desculpas polo erro cometido. Deste xeito conseguíase manter unha faciana amable a respecto da lingua galega e, a un tempo, lanzar unha nota ideolóxica de desprezo polo estatus do galego pois o chío de *La Coruña xa fora espallado pola rede. Todo sería ganancia. Velaí que a forma de proceder do @ppdegalicia é o primeiro indicio dun novo escoramento contra o galego.
Por se a mensaxe non foi aínda o suficientemente clara hai un segundo capítulo.
Unha forma de amosar menosprezo por unha lingua é usala sen coidado. Sabido é que as mensaxes do Twiter non pode exceder os 140 caracteres. Por esta razón é ben difícil escribir un texto nesta plataforma que conteña catros erros ben evidentes: *linguísticos [por lingüísticos], *qué [por que], *a [por á], *retornais [por retornades]. O esforzo doulles resultado.
Agora temos que pensar que os mesmos que manteñen esta conta de Twiter son os que están sentados nas cadeiras da Consellería de Educación e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Ningún comentario:
Publicar un comentario