Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 18 de setembro de 2012

Àlia


Edu3.cat


Estamos co inicio do curso 2012-13. Velaquí un recurso educativo moi ben pensado, con obxectivos claros e próximo á realidade da aula. Trátase de Àlia, unha serie de 13 capítulos para TV3, a televisión catalana, na que se desenvolven diversos aspectos das matemáticas de secundaria. Cada un dos vídeos vén cunha guía didáctica (por exemplo) que foi elaborada por Creamat.
No vídeo que se presenta aquí Ália, a protagonista, é fai o papel dunha reporteira da televisión local que debe retransmitir unha manifestación a favor da ampliación do número de mesas de xadrez nos parques da cidade. Pero ten un problema, o de calcular o número aproximado de manifestantes.
A serie incide nun dos problemas máis importantes que ten o ensino das matemáticas consistente no bloqueo que moitos estudantes teñen frente a aparente inutilidade do que están a estudar. Cantas veces os profesores non teremos oído a pregunta: "e isto, para que serve?" !. A resposta nunca é doada e estes vídeos poden ser de moita axuda para descubrirlle aos alumnos, aínda que sexa de esguello, a utilidade de moitas das leccións que deben estudar.

E en Galicia, que?
Galicia é un terreo completamente ermo, e non porque aquí non haxa ninguén con capacidade como para realizar traballos como o de Àlia. Pensemos, por exemplo no excelente programa radiofónico de divulgación científica Efervesciencia.
O problema para a inexistencia de recursos didácticos amparados pola Consellería de Educación é a propia Consellería de Educación. Onde hai algún departamento adicado á creación dos mesmos? Pode alguén atopar por todo o entramado da Consellería algo semellante ao Creamat catalán? O único que podemos atopar é o remexido Abalar (unha mestura de todo o que se pode arrapañar pola arañeira da rede) ou trapalladas coma ésta que baixo o epígrafe 'Crea obxectos dixitais' accedemos a unha inútil restra de captura de pantalla ou a traballos do MEC presentados como se fosen da Xunta. Acaba de sair un triste plan Proxecta, outra recompilación de actividades que xa se realizaban e que non aporta nada novo; a demostración disto pode ser, por exemplo, o programa de distribución de froitas frescas, cuxo prazo de solicitude rematou o 15 de xullo mentras que o plan Proxecta saiu publicado o 31 de agosto.
A cuestión é, polo tanto, dar coas razóns para que a Consellería de Educación presenta tal estado de desprezo polo traballo educativo. De certo que haberá máis, pero só vou destacar unha. De establecerse un departamento de innovación con resultados prácticos, tería que ofrecer proxectos recursos didácticos en galego, e claro, iso non interesa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario