Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 24 de setembro de 2012

Bolechas versus monicreques



Os Bolechas de Pepe Carreiro son agora os protagonistas dunha nova serie na TVG. A serie de televisión estará presente nas faixas do almorzo e merenda, de luns a xoves, dentro do programa 'Xabarín Club'. Esta famosa familia podemos atopala por todos os recunchos da arañeira da rede pois xa contaba cun web oficial, ademais de ter páxina de facebook e conta de twiter.
Todo o mundo coñece aos Bolechas por ser un éxito editorial desde hai 10 anos. Son un referente para os nenos galegos. Como proba disto están os 200 títulos publicados cun millón de exemplares distribuídos. Curiosamente a editorial que editaba os materiais 'Bolechas', A Nosa Terra, liquidouse hai un ano e nestes días circula pola rede este enorme listado de libros de saldo desa editorial co fúnebre anuncio de que aqueles exemplares que non se recollan serán reciclados para papel nos vindeiros dias. Velaí que os Bolechas están nun contedor mentras os cartos dos nosos impostos nunca se usaron en apuntalar unha ben establecida industria cultural. Mais ben ao contrario.
Coherentes con ese tipo de políticas atopamos as liñas do decreto 79/2010, o do plurilingüismo, que retirou toda a promoción do ensino en galego para substituíla por unha consulta que derivou na redución inmediata da súa presenza especialmente na etapa infantil, especialmente nas cidades, onde precisaba un maior impulso para evitar o que agora se está fomentando: unha fractura social. A falta de toda ética permitiulle aos máximos responsables destas políticas intentar zugarlle o prestixio acada polos Bolechas como normalizadores no proceso de aprendizaxe lector dos nenos galegos. Só poden enganar a aqueles que acrediten máis  nos contos que na realidade.
Cando vemos aos que cargan sobre as súas costas coa eliminación das liñas de galego collendo da man a un dos membros da familia Bolechas, non podemos facer outra cousa que preguntármonos quen son os monicreques.

Ningún comentario:

Publicar un comentario