Non podía deixar de reproducir aquí a Carta de ProLingua aos partidos e organizacións políticas:
Os azares do calendario fan que esta Asemblea Xeral de ProLingua cadre cos movementos iniciais dos diferentes partidos e agrupacións políticas para a elaboración dos seus programas electorais, logo de seren convocadas para o vindeiro 21 de outubro as eleccións ao Parlamento de Galicia.Nestas próximas semanas, as organizacións políticas concretarán os puntos dos seus programas electorais. Sabemos que neles van ter que reflexionar sobre as políticas públicas orientadas á defensa e promoción da lingua e á cultura de noso. De aí que lles escribamos hoxe esta carta pública.Durante os anos desta lexislatura que remata, vimos como se estragaban e se deturpaban moitos dos avances que traballosamente se foran acadando en anos anteriores, e tamén como o goberno do presidente Núñez Feijoo esfarelaba con teimosía os consensos básicos forxados arredor da lingua propia de Galicia, incumprindo os mandatos vixentes na nosa lexislación básica.Asistimos ao baleirado de contido dos artigos da Lei de Normalización Lingüística de 1983, así como á utilización espuria de termos como liberdade ou imposición, ao modo da neolingua de George Orwell, para opoñerse e desprestixiar as políticas de igualdade que sinalan o Estatuto e a LNL.Estas agresións continuadas, esta difusión de mentiras que contradín os datos da realidade, crearon unha situación social que favoreceu o retroceso e o desprestixio da lingua. A maiores, o pretexto da crise económica, foille moi útil ao goberno de Núñez Feijoo para reducir e desprestixiar no posible as políticas de promoción social do galego e para afogar as manifestacións culturais que se expresan na lingua de noso.Mais tamén asistimos neste tempo ás máis grandes mobilizacións populares en defensa da lingua propia de Galicia. Ignoralas indicaría unha actitude de desprezo cara ao pobo galego que mostrou con claridade a súa vontade de rexeitar con contundencia as agresións que a lingua galega estaba a recibir.Diante dunha situación como a actual, faise imprescindible un cambio nas políticas públicas respecto da lingua, que inclúa, cando menos, a recuperación dos consensos sociais e políticos básicos que fixeron posible o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, e tamén a reposición dos marcos legais que se foron destruíndo nestes anos. Por estas razóns, ProLingua desexa enunciar os contidos mínimos, aprobados por unanimidade na Asemblea celebrada o día 15 de setembro de 2012, referidos á defensa e promoción da lingua que todos os partidos deberían levar nos seus programas.
1. Asunción por parte dos cargos públicos do seu deber, no exercicio do seu cargo, de empregar o galego e potenciar a súa utilización nos diversos ámbitos sociais.
2. Esixencia do coñecemento da lingua galega (mínimo, CELGA 3) por parte de todos os cargos públicos.
3. Substitución do chamado Decreto de Ensino Plurilingüe por outra normativa que dea resposta ao mandato básico da LNL (garantir a adquisición da dobre competencia nas dúas linguas oficiais), que elimine prohibicións absurdas como a de impartir matemáticas e outras materias científicas en galego, e que desenvolva as liñas consensuadas pola totalidade do Parlamento de Galicia, presentes no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (promovido por un goberno do PP e aprobado durante o seu mandato).
4. Esixencia do coñecemento da lingua galega a todo o funcionariado, especialmente a aqueles sectores que exercen o seu labor en contacto coa cidadanía (SERGAS, Administración de Xustiza, representantes e axentes culturais etc.). Paralelamente, dotación a estes sectores das ferramentas precisas (programas informáticos, cursos periódicos de formación) para facilitar o desempeño do traballo en galego.
5. De existiren as axudas públicas aos medios de comunicación, condicionalas a un incremento significativo no emprego da lingua propia de Galicia.
6. Deseño dun programa específico de actuacións públicas que busquen desmontar os prexuízos sobre a lingua e fomenten as actitudes positivas. Nese programa incluirase o recoñecemento dos danos causados ao galego como consecuencia das mentiras difundidas desde o goberno e da falta de celo coa que se xestionou a política lingüística.
7. Políticas públicas de apoio e promoción ás industrias culturais que empregan o galego como vehículo de comunicación (industria editorial, musical, teatro, audiovisual...) por seren, ademais dun importante sector económico, esenciais para a presenza e promoción internacional de Galicia.8. Medidas para garantir o uso normal da lingua en calquera ámbito ou situación, con especial atención ao mundo laboral.9. Elaboración dunha norma/lei de uso do galego no comercio que poña a lingua galega en situación de igualdade co castelán na sinalética, etiquetaxe e toda a información comercial escrita.10. Aprobación dunha norma/lei que obrigue a industria e o comercio que ten implantación en Galicia a respectaren a toponomia vixente.
Casa da Cultura de Teo, 15 setembro 2012
Ningún comentario:
Publicar un comentario