Por fin! Véxome na obriga de darlle as grazas á SXPL (Secretaría Xeral de Política Lingüística) por facilitarnos o novo corrector Galgo 2.0 desenvolvido pola empresa Imaxin que, polo momento, é a única contribución da Xunta de Galicia para conseguir algunha das metas do PXNL.
Esta boa nova pon máis en evidencia a defenestración da normalización lingüística levada a cabo polo goberno da Xunta nesta lexislatura. É como se a Consellería de Educación se gabara da súa oferta de prazas de profesorado por ter creado unha que non tiña previsto... despois de a.eliminar outras 1.000 das que non dá conta ningunha.
Desafortunadamente os funcionarios non van poder agradecerlle á Xunta a difusión do Galgo 2.0 pois a primeira medida tomada encol do galego foi eliminar as probas que garantían o seu coñecemento nos procesos de acceso á función pública. Tampouco poderán facelo os profesores de matemáticas, nin os de tecnoloxía, nin os de ciencias en xeral pois o decretazo contra o galego tiña como principal obxectivo destrozar todo o traballo realizado nos últimos 20 anos baixo a sombra do carballo da normalización no ensino. Pero é que na xustiza pasa outro tanto. Os traballadores e os utentes dos xulgados xa sabían o complicado que era usar o galego en calquera trámite. Pois desde hai 3 anos o galego está completamente excluído dos xulgados ao non darse ningún paso para traducir o programa de xestión Minerva.
Resulta que os políticos que nos gobernan non van sentir a neceisade de descargar a ferramenta que nos ofrece a SXPL. Non o farán deputados nas cortes, ao que, como Ana Pastor (deputada pola provincia de Pontevedra) nunca lles oín unha palabra en galego. O mesmo podemos dicir de alcaldes como Carlos Negreira ou Abel Caballero. Noutros exemplos, estamos a falar da práctica xeneralidade dos conselleiros, usar un galego ocrrectoiría encontra dos seus principios políticos pois, recuperando a distinción sociolingüística que facía Castelao, eles non falan en galego por galeguismo, nin tan siquera por ruralismo, senón que o fan en exclusiva por oportunismo.
Os comerciantes non estarán entusiasmados co novo corrector. No seu dia, cando se aprobou a Lei do Comercio non se fixo nela ningunha referencia ao uso da lingua galega. Excluíuse calquera proposta de normalización. Tendo en conta o panorama comercial non será neste sector desde onde se proclamarán palabras de agadecemento pola difusión do novo recurso. Tampouco poderán utilizar o Galgo 2.0 todos os periodistas que están agora no paro procedentes dos medios en galego que había a comenzos da lexislatura. Chegados a este punto cheguei a pensar que os únicos que podían estar ilusionados serían os promotores de plataformas como a Mesa, ProLingua ou a CGENDL. Mais, a pouco que o consideremos, todos eles son profundos coñecedores das máis íntimas tripas da lingua.
Tendo presente que os meus coñecementos da lingua galega son máis ben pobres debido principalmente á inmersión lingüística en castelán que sufrín durante toda a miña época escolar. Ésta é a razón pola que finalmente chego a unha ineludible conclusión: que se non lle agradezo eu á SXPL que puxera ao meu dispor a ferramenta Galgo 2.0, creo que prácticamente ninguén vai estar en disposición de lle ofrendar tal agradecemento. Así que, unha vez máis, grazas á SXPL
Ningún comentario:
Publicar un comentario