Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 5 de setembro de 2012

Fragas, pazos, linguas

Un gozo ler a alguén que fala da normalización e con termos acaídos. Por Rubén Pardiñas en Praza Pública:
Antonte escoiteino de novo, en Lapamán, a un homiño bastante alporizado que co seu discurso estridente rachaba coa apracible dinámica dunha mañá na praia: “O tema non son as linguas, son os falantes. O español non está en perigo, claro que non; tanta política de normalización lingüística o que fai é impedir que poidamos exercer os nosos dereitos, por exemplo á hora de escolarizar aos nosos fillos na lingua que elixamos”, dicía nun galego do Morrazo bastante bo. Decateime axiña da vitalidade dun argumento que eu imaxinaba afundido xa na prehistoria de UPyD. Pois resulta que non, que callou ben. E se aínda abrolla entre primas de risco, rescates, subas do IVE e recortes varios, non é aventurado pensar que dificilmente nos abandonará. Cómpre, iso si, cuestionar o que non deixa de ser un slogan exitoso.


As persoas primeiro, é a letanía dos gardiáns da liberdade lingüística. Empecemos por sinalar que non sempre foi así. Cando o lema “as linguas carecen de dereitos” non capitalizaba o debate, algún dos seus defensores máis ilustres e publicitados non tiña problema en escribir, usando expresións que todos entendemos, que “non cabe dubidar dos dereitos de tales linguas a ser defendidas e prioritariamente promocionadas nas súas respectivas áreas, de xeito que se corrixa o desequilibrio que privilexiou durante demasiado tempo ao castelán no seu detrimento.” Era Fernando Savater en 1984, dicindo benditas obviedades sobre o obxectivo fundamental das políticas a prol de linguas minorizadas –daquela e tamén hoxe- coma o galego.

Visualicemos, na procura doutra perspectiva, esa imaxe tan familiar para calquera galego urbano ou vilego: un casco vello de pedra afogado por un ensanche de cemento que non deixa de medrar. E preguntémonos: que pensamos de medidas coma a prohibición de pór letreiros luminosos nas fachadas dos edificios históricos, de sobrepasar a altura dos inmobles lindeiros, ou de limitar as cores das carpintarías exteriores a gamas que ofrezan certa homoxeneidade estética? Estamos dispostos a estas perdas de liberdade? “Os edificios non teñen dereitos; as persoas que os habitan, si”; non é? Mais tamén é ben sabido, especialmente polos propietarios de vivendas declaradas Ben de Interese Cultural, que un non pode nestes casos decidir libremente pintar a fachada da súa cor favorita, arrombar tabiques, engadir andares ou calquera outra reforma que a un lle pete.

Sacrificar determinadas cotas de liberdade para protexer cousas que paga a pena conservar non é excentricidade, moito menos tiranía. É, pola contra, un valioso legado da Ilustración. As leis de normalización lingüística (tamén no eido do ensino) son cotas do mesmo tipo que as leis de patrimonio -que nos impiden pintar de verde un pazo do século XVIII- ou que as leis de protección medio-ambiental -as cales nos prohíben construír unha urbanización nas Fragas do Eume (ou queimalas). Como hai casas dabondo para pintar de verde, lugares dabondo para construír urbanizacións e ámbitos na sociedade dabondo para aprender castelán, podemos permitirnos restrinxir as liberdades en determinadas situacións, para deste xeito acadar determinados obxectivos: edificios barrocos conservados o mellor posible, paraxes naturais non contaminadas, e cidadáns (empezando polos estudantes) competentes en galego.

Trátase, por suposto, dunha opción política, nin máis nin menos democrática que obviar por completo a noción de patrimonio (xa se sabe que se pode ser simultaneamente demócrata convencido e perfecto ruín). A pregunta, sinxela coma poucas, é: queremos realmente protexer a nosa lingua igual que protexemos os nosos monumentos e paisaxes singulares? A meirande parte dos políticos que gobernaron Galicia dende 1981 responderon que si, e por iso fomentaron políticas de normalización lingüística: para protexer o idioma que tal precisaba.

Mais neste mundo neoliberalizado até o extremo de que ás linguas se lles negan dereitos ao tempo que se lles esixe unha competencia pseudodarwinista entre elas, nada indica que esa protección vaia ser eterna. Estámolo a ver, de feito. Ben sabemos que os que se senten amolados polas leis que non permiten arramplar con fragas e petroglifos de 3.500 anos de antigüidade non son antidemócratas. Esta non é a palabra. Son outras moitas as que os definen con precisión. De veras queremos asumir eses cualificativos en relación á nosa actitude coa lingua galega?

Ningún comentario:

Publicar un comentario