Héitor Picallo a quen vemos nesta foto da A. C. O Fervedoriro da que un dos seus alicerces, veciño de Cuntis, e destacado membro de ProLingua, recibiu o pasado venres o premio xornalístico Reimóndez Portela.
Como é habitual déronlle o premio no transcurso da Feira do Moble d´A Estrada. Como podedes ver nesta reportaxe de Catrogatos.com estaban presentes entre outros ao alcalde d´A Estrada e membro directivo da Rede de Dinamización Lingüística José López, varios concelleiros, Víctor Freixanes quen actuou como mantedor, Neira Vilas, Valentín García, Xesús Palmou...
O discurso de Héitor Picallo, tirado de Galicia Hoxe, é excelente, asi que, aínda que é un texto un pouco longo, cómpre lelo enteiriño pois non ten unha coma de desperdicio. Nel recuperan o seu significado palabras como democracia, xustiza, igualdade, fraternidade, liberdade... e normalización.
Para unha reflexión aparte estaría a comparación entre este discurso e o relato da noticia tal e como aparecía no portal da Consellería de Educación onde non aparece ningunha referencia á democracia, nin á xustiza, nin á igualdade, nin á fraternidade, nin á liberdade... nin, por suposto, á normalización.
Parabéns polo premio, ben merecido, e polo discurso, que os asistentes tamén o tiñan merecido.
"Ben,… Primeiramente, efemérides:
Como dirían dende Radio Estrada, hoxe cumpren anos: Carlos Torres (un moi bo amigo) e Luís Picallo Durán (o meu pai, que quedou na casa porque che hai moito que facer, aínda que gustaría de estar aquí). Por certo, saúdos aos autónomos e traballadores das pemes.
Benqueridos amigos e amigas, benqueridos irmáns e familia de Cuntis, da Estrada, e da contorna, benqueridos sexades ao que é un dos momentos máis emocionantes da miña vida e no que voz e pernas treman coma corras. E deixádeme comezar por vós, polos amigos, pola sociedade que te quere e respecta, polos labregos e xornaleiros, madeireiros e serradores, carpinteiros, ebanistas, tallistas e escultores, polos arrieiros, canteiros, costureiras e xastres, polos estudantes, educadores, taberneiros, gandeiros, desempregados e desempregadas,… pola sociedade de todos os días, dignísimos compañeiros –ilustres meus– nesta miña viaxe proletaria ao longo dunha franxa celeste ao pé da Nación Atlántica.
Quero agradecer, asemade, a presenza dos membros do goberno municipal da Estrada, representantes políticos e das institucións galegas, do escritor Víctor Freixanes (nesa Galaxia enorme de estrelas que capitanea xunto a un universo branquiazul), da Fundación do Moble da Estrada, dos familiares do egrexio escritor Manuel Reimóndez Portela, e dos membros do xurado que tivo a ben escoller estes meus artigos como dignos de seren valorados e recoñecidos con honra tan distinguida.
Non me podo esquecer, tampouco, de agradecer a existencia de medios de comunicación libres, medios independentes, medios sinceros que saben respectar as opinións particulares por enriba dunha liña ou disciplina editorial. Os meus agradecementos, tamén, para o Diario de Arousa, páxinas das que xorden estes artigos premiados e onde tantos domingos me atopo tremendamente cómodo (dende os tempos de Gonzalo Bouza-Brei), e o Galicia Hoxe (lugar no que te fan sentir coma un máis do fogar).
E que significa para min recibir o Reimóndez Portela? Forte pregunta, xa que este persoeiro é un daqueles marabillosos seres que soubo bicar o seu idioma dende a normalización lingüística, dende un idioma para el próximo, n’A Estrada Rural, xunto aos símbolos glitográficos e os testemuños arqueolóxicos, os cruceiros e a torre da Barreira en Riobó. Velaí un home de ciencias, letrado nos complicados mundos da medicina, que sabía vivir normalmente en galego, escribir e investigar no idioma de seu. E por iso é tan valioso e significativo para min este premio. Amais disto, Reimóndez foi unha persoa desinteresada e altruísta, amigo dos indefensos, dos pobres de pedir, dos do anaco de pan (coma nos Reis do Panchiño, de Olimpio Arca Caldas),… E eu sei disto non porque apareza polo tecido da internet, senón porque o sentín moi próximo e de viva voz naquelas xornadas sobre o médico rural, na Estrada, xa hai ben tempo,… Ouvino na palabra do meu amigo Xosé Luís Caeiro –colega de Reimóndez no xeneroso oficio de ser medico de aldea. Porque vaia se está ben bautizado este premio de normalización!! Normalizar non é reducir o idioma ao eido da cultura, senón amplialo a todos os campos posíbeis: xustiza, medicina, enxeñería (e que complicado é neste universo da técnica onde eu resido!), e na igrexa, e nos deportes,… Por que senón Víctor Freixanes entrevistou a Monseñor Arauxo, tal e como se recolle na súa obra Unha ducia de Galegos?Enorme honra ficar aquí na listaxe dos anteriores galardoados: Vicente Araguas, Neira Vilas, Olimpio Arca (de Caldas de Cuntis no camiño que vai á Estrada), Lema Suárez, Francisco Fernández Rei, Francisco Castro, Jaureguizar,… merecedores todos eles deste premio que nos une dende a lingua de Xelmírez, e que nos chanta e fai medrar no medio do xardín dos codesos e dos fentos. Nesa lingua que protexe Queremos Galegos e, outrosí, a plataforma na que habito dende a acción e o aplauso aos bos e xenerosos que gustan de loitar pola dignificación do noso idioma. Refírome, evidentemente, a Prolingua: plataforma apartidaria e plural. Dende ela recordei como pedalea Ezequiel Mosquera (rubindo a Bóla do Mundo coa voz que nos resulta próxima), descubríronme un Gómez Noia na súa carreira atlética de defender incondicionalmente a lingua dos seus entregos. Pero tamén gustamos de comunicar o feito de que o actual bispo de Ourense non se prive de declarar o seu respecto ao noso idioma,… Volverán curas como Zernadas de Castro, Xoán Antón Posse Varela (rescatado dende a escrita de Lema Suárez), López Ferreiro, Basilio Álvarez,…? E por que non? Quizais sexa así: velaí están o crego do Courel, Xesús Mato (fundador de Fuxan os Ventos) e o dos Xermolos da Terra Cha (no gume da navalla de Manuel María), Afonso Blanco Torrado,…
Difícil resulta falar nun momento cargado de tanta emoción. E que estraño que che outorguen un premio por algo –a defensa do galego– que non debese ser motivo de recoñecemento senón de coherencia cidadá, xa que falar e defender o que é teu, o que é patrimonio comunitario, debera ser natural. Que é normalizar, cando a miña vida é normal? Eu son normal, levántome como galego, penso en galego, respiro do xeito que respiraron centos de xeracións anteriores á miña e gusto de durmir e soñar coma elas: coa ilusión de termos un día un idioma de noso, de fachenda, de orgullo, nunha patria liberada,… Porque o resto das linguas, valiosas todas sen exclusión, non deberan ser máis que unhas outras ferramentas comunicativas de cara aos veciños, por iso evidentemente de utilidade, abofé. A nosa cerna é Galiza e a ela debémoslle a reverencia, o respecto, a loita, o ímpeto, o pulso, a tensión e o aloumiño, o suspiro e a aperta sincera, o bico e o murmurio dende o verso de Rosalía… Non a outra terra que non sexa a nosa, só á Nosa Terra (a de Castelao, Díaz Pardo, Marcial Valladares, Avelino Pousa e Novoneyra), a máis grande porque é a que pisamos, pero non inferior ou superior a calquera outra que sexa allea á nosa realidade. O que importa é o equilibrio dende os xeitos diversos de ver o mundo, pero partindo dende a cerna da nosa árbore señorial: Galiza.Sentila é sentir canda nós o espírito daqueles que falaron pola boca comunal dun pobo que soñaba e non tiña o peito enxoito, pola boca de Xoán Airas, de Pardo de Cela e de Faraldo, pola de Paio Gómez Chariño, Avelina Valladares, Kenkeirades, Xohán Xesús González, Blanco Torres, Ánxel Casal, Bóveda, e incluso no noso imaxinario pola boca de Balbino nas Memorias dun neno labrego (creación de Xosé Neira Vilas),… Sentir Galiza é ouvila na voz de todos os seres anónimos que termaron do idioma no baluarte da palabra, coma un gallardete no navío avanzando cara ás illas de mazás coloradas, cara a Ávalon, cara a San Borondón,… na busca de reunir as cinzas de todos os deuses mortos (Navia, Deva, Vero Breo, Bandua, Edovio, Lug,..) para erguermos coas nosas mans fendidas polo arado ou o teclado un novo templo de noso no que harmonicamente habitar. Mais o mundo que nos toca vivir é difícil, tremendamente duro e complicado. Varios rapaces galegos fican en prisión en Madrid non se sabe por que motivo, sen xuízo, illados,… e xa pasa de 9 meses. E isto é
Democracia? Isto é unha outra cousa que ninguén quere pronunciar. E, aviso, non quero facer apoloxía de nada, só é un chamamento á que prevalezan os Dereitos Humanos. Quizais en breve varios sindicalistas, membros da CIG e da CUT, ingresarán en prisión por defender os traballadores e traballadoras galegos. E todos caladiños, sen dicir nin un chío,… chissss!!Ben, e agora que imos pola metade do discurso, cando xa o tempo anda ao boi, igual é a quenda de mudar para o castelán, como fan algúns alardeando dese bilingüismo falaz. Imaxinádevos a imaxe: Ánxela Merquel dirixíndose aos seus cidadáns alemáns en lingua romanesa. Porque deixémonos de paifocadas, e preguntémonos: Señores, que queren? Somos xente con conciencia (algúns de ciencias e outros de letras), que lles importa que teñamos decidido hai tempo colocar sobre a nosa árbore de nadal unha única estrela, a galega, nesta nosa única e continua Pascua que celebramos todos os días en comuñón con aqueles que xa se foron, os nosos maiores, pero que incluso hoxe están aquí connosco –liberando os seus espíritos en conclave pacífico.
E a Xustiza? U-la? Pouco se ve,… cando defensores do idioma, como aqueles Equipos de Normalización Lingüística, son denunciados por certa organización que nin merece ser nomeada. Xustiza? Cando apuntan coa denuncia e a pluma a persoas enormes que incondicionalmente defenden as 24 horas do día as verbas que pronunciamos: Valentina Formoso, Miguel Louzao Outeiro, Román Cerqueiro Landín,… Alguén se preguntou por que non prevalece en certos asuntos o dereito á honorabilidade? Pois responderei eu, porque o galego que todos amamos é mirado de esguello por algúns, por se acaso encerra en si algunha reivindicación perversa. Porque… que ten de perverso querer o que é teu? Ou acaso eu non quero aos meus sobriños Xosé e Andrés, á miña Eva, aos meus pais e irmáns, avós, tíos e amigos? Que ten de perverso querervos a vós, aos que aquí me acompañades e tedes posta a sensibilidade na palabra de vello que hoxe transmitimos? Que de perverso hai en que teña un buxo no xardín da Poesía no Colexio do Foxo, e outras persoas gocen doutras plantas –unha oliveira, coma a de David Otero– símbolos da nosa cultura e idioma ancestrais? Que ten de perverso AMAR?Xustiza?, cando un colectivo –composto por persoas librepensadoras– como é O Fervedoiro aparece riscado por innomeábeis en aras de ter feito o concurso "Na Nosa Lingua" (ollo de Normalización Lingüística), concertos presididos baixo a bandeira de "Na Lingua Nai", "Cen por cen galego" ou "Lingua proletaria do meu pobo… eu canto porque si"; por ter realizado conferencias como A Canción como protesta impartida por Paulo Tobío, Senem Outeiro e Vicente Araguas (este último Premio Reimóndez Portela 2008). Que ten de perverso? Ren de ren. Mais hai xente que lle proe o galego, que lle estorba, porque igual o vincula a un pasado non moi afastado no que os seus maiores –dos que quizais se avergonzan– non eran de feito monolingües en castelán.
Igualdade?, cando se lle resta ao noso idioma o estatus xurídico que se merece, porque é a lingua propia de todos nós, porque a crearon os nosos devanceiros e con ela amaron e morreron nas súas últimas verbas. Acórdome daquela vez que nun debate sobre a Reforma do Estatuto de Autonomía de Galiza (organizado pola Asociación O Fervedoiro), Xesús Palmou –daquela Deputado no Parlamento Galego– afirmaba que non era lóxico que o idioma tivese un estatus xurídico inferior ao castelán. Pero ben, xa se sabe que dende a diferenza tamén se pode aprender. Recordo ese día –no que participei como moderador no debate– como persoas nacionalistas, outras de Esquerda Unida e o citado deputado souberon compartir palabra –dende o respecto– e, logo do acto, uns pinchos de tortilla e un viño do país. A chave está no diálogo, na confrontación de ideas e a crítica, aínda que non todas as persoas gustan deste método, por desgraza,... Incluso algunhas empregan o galego como arma arreboladiza.Por iso, os que cobren por defender a lingua que loiten por tal propósito, por mudar o seu raquítico e escuálido estatus xurídico. Outros farémolo dende a gratuidade e o altruísmo, dende o activismo cultural de base e o estímulo social, aínda que nos tachen do que queiran. Porque aviso; os que estamos aquí, non cobramos por falar en galego, falámolo dende a honra aos nosos maiores e o respecto a esta Matria enorme que nace ao pé do Atlántico baixo as ondas de Manuel Antonio e Antón Zapata (na voz de Miro Villar), xusto incluso debaixo da estrela que alumeou o dolmen de Eduardo Pondal. Nós, curiosamente, gastamos o idioma a diario –como quen gasta zapatos novos con fachenda unha mañá de domingo– e canto máis gastamos, máis se conserva e estende.
Igualdade cando o español supera en estatus xurídico ao noso idioma nacional, pai do portugués e das variantes brasileira, angolana, caboverdiana,… como dirían Xosé Lois García e Luís Gonçáles Blasco? Igualdade cando se quere que o inglés teña máis importancia nas nosas vidas que a lingua coa que bicamos e coa lle damos nome a toda a xeografía dende o mesmo momento en que deixamos no horizonte pousada a nosa vista?… U-la? Non a vexo.Günther Dauwen, amigo de noso e director da European Free Aliance, grupo do Parlamento Europeo que une esforzos cos Verdes, encargábame hai unhas semanas realizar unha caricatura ou viñeta para certa campaña lingüística internacional: Unha gran quenlla (que representa o inglés) pretende devorar as 22 outras linguas europeas (simbolizadas por medio de rapantes, lorchos, xardas,…). Mais aquí uns peixes de estado engolen as nosas linguas nacionais, e aqueles depredadores –de se despistaren– han ser eliminados pola gran quenlla sagrada, reverencia e símbolo da globalización que eu non amo.
Fraternidade? Onde están os irmáns? Falta ese espírito de irmandade e unión que debéramos sentir todos e só se afirma, reafirma e confirma nalgúns. Que mal senta o galeguismo cando non se sente! Houbo algún presidente da Xunta que esixise a todos aqueles que aldraxaron ou aldraxan o noso idioma que pedisen desculpas públicas? Non… Porque cando se mofan do noso idioma ou de cada unha das nosas persoas, fano con todos nós, e incluso con eles mesmos –os que non esixen desculpas. Que pasaría se un país estranxeiro a España o fixese co castelán? Conflito internacional, e todos coma lobos comezarían a ouvear en manada. Velaí o feito. Pois logo que non se asuste ninguén cando algúns ouveamos, e lanzamos o berro de que amamos a nosa lingua por enriba de que calquera cousa material, prezo, salario ou dote. Somos galegos no mellor e no peor sentido da palabra por obra e graza do idioma.Fraternidade,… cando día si, día tamén, van pechando xornais como A Nosa Terra, Galicia Hoxe, A Peneira, Xornal de Galicia… e subvenciónanse editoriais alleas? Así, deste xeito, elimínannos os medios de expresión, os vehículos de voz e de sentir, para deixarnos mudos. Porén, o noso país é coma a lendaria ave fénix,… rexerámonos dende as borrallas e farémolo mil unha veces, se fai falla: xa están aí Praza Pública, Sermos Galiza, Galicia Confidencial, Novas da Galiza, Galiza Contrainfo,… E velaí vén O Quinteiro xa guindando buxainas no camiño! Somos xente creativa e creadora, non acreditamos na destrución senón en facermos espazos habitábeis para as nosas vidas sociais e culturais.
Liberdade? Se non nos deixan selo. Se as súas normas, estruturas e aparatos condicionan as nosas existencias e o progreso da nosa terra e cultura. Liberdade para pensar? Se por querer gustarían de facelo por nós. Eles foron libres –nós non– para sacarnos a pesca, o gando, as caixas de aforro e a forza do vento,… e eles queren selo para furtarnos o máis comunal deste noso paraíso: a linguaxe na que ecoan por entre os piñeiros os rumorosos sons de hai máis de 1000 anos.Para rematar, quero dedicar este premio a un par de irmáns que hoxe xa están na Grande Ribeira, que defenderon ao longo da súa vida a palabra de noso e que, outrosí, foron para min estímulo e estereotipos a imitar: o irmán Isaac Díaz Pardo (este si, bo e xeneroso, ben o saben Maka Arca e Ana Mosquera) e o irmán Avelino Pousa Antelo (este tamén, bo e xeneroso, sábeno os da Tribo da Quenlla). Pero tamén o premio vai en recoñecemento de dous colectivos vivos e activos neste mar de lingua. Os seus nomes: os Equipos de Normalización Lingüística e a miña casa no amor á palabra, a Asociación Cultural O Fervedoiro.
Por iso dende aquí, dende a verdadeira República, a República dos irmáns e a Palabra, agradézovos –amigos– a vosa presenza, tempo e amizade. E ínstovos a todos e todas, asistentes e institucións, xentes de dereitas e de esquerdas, persoas do sol ou das estrelas, progresistas ou conservadores (todos e todas facemos falta e ninguén sobra!) a que non vos apartardes da singradura pola que debera avanzar a nosa dorna, impulsada pola lingua na súa vela (salgada de azul e vento), para dende a lealdade á esta Terra, sexamos sempre, Galiza Sempre, Sempre en Galiza,… Lingua patria e Nazón de Breogán".
Ningún comentario:
Publicar un comentario