Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 17 de setembro de 2012

Memoria recente da destrución II

por Mercedes Queixas  que nos achega a segunda parte deste artigo (aquí a primeira) no que coa precisión dun bisturí separa o tumor do corpo san, isto é, lémbranos os principais vieiros polos que se desenvolveu a política galega nos tres últimos anos. No Sermos Galiza:

In memoriam Dores Gestoso
Compañeira e amiga
Naquela banda do río,
ten meu pai un castiñeiro,
bota castañas no outono
uvas no mes de xaneiro.
O cantigueiro popular galego adoita ser unha lección maxistral a partir da recompilación do ser, pensar e actuar de noso. Malia ser un fértil corpus creado pola sabedoría popular ao longo da historia, a súa atemporalidade está garantida e non hai contexto ou situación actual que non poida levar aparellado un instrutivo e graficamente acaído refrán, dito popular, cantiga, etc.
Achegándonos ao noso tempo inmediato, porque contextualizar sempre é necesario, especialmente nesta sucesión de días e noites en que acontecen a ritmo vertixinoso tantos dramas individuais e colectivos que só procuran acrecentar o noso medo ao que aínda está por vir, iso si, irremediabelmente e fóra de toda orde ideolóxica política, máis ben semella estarmos a recibir o tempo frieiro do entroido do que este fin de verán -non desesperen que aínda está por vir o veranciño de San Miguel!
E han preguntarse por que? Pois porque os ditos e os feitos dalgún candidato á cita do 21-O andan a exhibir un disfrace moi propio destes tempos preelectorais en que algúns deben pensar que o pobo é parvo e non distingue a mofa e a trola do rigor e da verdade.
O presidente Feijoo, que goberna desde os primeiros meses de 2009, comeza a dar os primeiros titulares engaioladores -que non programa de traballo, ollo!. A súa campaña electoral, a do PP, será “moi galeguizada e galeguista” -é neste momento cando lembro o meu desconcerto doutrora diante da ausencia dalgunha explicación que me axudase a comprender por que os catálogos comerciais de disfraces para o tempo do entroido incluían o traxe tradicional galego, ás veces identificado coa etiqueta de “Pastora” (?).
Entendo que nesta precampaña, e sobre todo na inmedita campaña, calquera gobernante orgulloso de telo sido, debería comezar a pór enriba da mesa aquel seu contrato inicial de compromiso co país, rubricando a estela de obxectivos conseguidos, malia as circunstancias internas e externas adversas. E a sociedade aplaudiría, porque tería sido obxectivamente receptora deses logros e melloras colectivas.
A verdade triúnfa por si propia, a mentira necesita sempre complicidade, sentenciou Epicteto, filósofo griego, que viviu parte da súa vida como escravo en Roma.
Pode vestirse de galeguidade quen ten no seu haber persoal a maior listaxe do deber negacionista para o galego?
Cómpre non esquecermos o programa de deslexitimación planificada que nos primeiros nove meses da actual lexislatura do PP na Galiza -porque non semella procedente falar nestes termos dun PP galego (!)- se foi ditando e materializando en forma de medidas concretas que tiveron como albo incisivo a lingua galega, mais non como correspondía a un goberno galego, orgulloso de ser tal, desde o compromiso promotor, desde o apoio e o impulso que esta precisa como lingua propia infravalorada, minorizada e cun uso social claramente regresivo, de xeito moito máis preocupante nos ambientes urbanos, nas xeracións máis novas e cunha quebra transmisora interxeracional moi preocupante.
Os resultados daqueles primeiros noves meses dun tempo lexislativo “embarazoso”, que agora vai camiño do THE END fílmico máis agónico, ficaron visíbeis para a sociedade:
1.Os aspirantes a traballadoras/es públicas/os en Galiza xa non teñen que demostrar no proceso selectivo a súa competencia práctica para desenvolver o seu traballo na lingua propia deste país e garantir así os dereitos dos usuarios.
2.Redución drástica da partida de compra de libros en galego para repartir entre as bibliotecas públicas e escolares.
4.Desaparición da música en galego de todos os estilos dos espazos primordiais da programación da canle principal da Radio Galega e tamén da televisión pública: Lume na palleira, Aberto por reformas, Extrarradio...
5.Eliminación progresiva dos programas de carácter cultural da grella da televisión pública galega: Libro Aberto, Onda Curta, Miraxes...
6.Cancelación de axudas públicas que nos permitan ler na nosa lingua obras literarias estranxeiras e mais exportar o noso sistema literario a outras redes lectoras foráneas.
7.Transmisión desde os diferentes poderes públicos do galego como atranco, obstáculo, limitación e impedimento para o avance, a proxección e o medre individual e colectivo.
8.Agravio continuado e persecución ao colectivo profesional docente –desde a perspectiva de ente manipulador, non profesional e sectaria- e posta en dúbida da lexislación educativa a respecto da aprendizaxe das dúas linguas oficiais da comunidade, especialmente centralizado nos ataques ao do Decreto 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego, finalmente derrogado e substituído polo Decreto 79/2010 de xeito unilateral e obviando o auténtico e visíbel clamor social.
9. Cancelación dos programas piloto de liñas de educación infantil en galego para contornos castelanófonos, fixados no PXNLG, caracterizados pola elevada demanda social, así como invisibilización das Galescolas, rede pública de atendemento e formación infantil para o período 0-3 anos, atrincheiradas posteriormente baixo o nomenclator d´A galiña azul.
10.Anulación das axudas destinadas aos procesos de formación do profesorado en activo organizadas desde os movementos de renovación pedagóxica, fachos normalizadores no ámbito do ensino.
11.Cuestionamento continuado e vacilación para o respecto público diante do uso oficial dos únicos nomes lexítimos dos nosos lugares, aldeas, parroquias, vilas, concellos e cidades.
Ben sabemos que a nómina de despropósitos e medidas involucionistas para avanzarmos cara a unha vida vivida en galego non deixou de fluír con forza, coma o curso alto dun río, ao longo da presente lexislatura, e cumprirá telas ben presentes porque son a carta de despedida do actual goberno galego e o probábel punto e seguido para un outro tempo que necesaria, responsábel e democraticamente, deberiamos converter nun punto e á parte.
Novos, ou non tan novos, retos afronta a nosa lingua milenaria que actualizan as palabras dun dos científicos máis transcendentes do século XX, Albert Einstein: Triste época a nosa! É máis fácil desintegrar un átomo que un prexuízo.
Voltamos hoxe a este foro de encontro guiados polo espírito da xurista coruñesa Concepción Arenal: Colectividade que non sabe pensar, non pode vivir.Máis unha vez, a lingua galega na centralidade do debate. E o seu futuro nas nosas mans. Eis o reto responsabelmente ilusionante!

Ningún comentario:

Publicar un comentario