Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 5 de setembro de 2012

As perlas do Secretario Xeral de Política Lingüística

No programa 'Galicia informa' (7/7/2012) da canle Correo.tv fixéronlle esta entrevista a Valentín García, o secretario xeral de política lingüística. No transcurso da mesma soltou algunhas perlas que aparecen destacadas máis abaixo.




"As linguas non obedecen a decretos nin a fronteiras políticas". Promovendo a insumisión ao funesto decreto chamado de plurilingüismo?

"Normalización é un termo máis técnico, a dinamización é a parte máis popular da normalización". "Temos que andar cos tempos, a ninguén lle gusta que lle digan que o van normalizar.... a ninguén lle gusta que lle digan que hai algo anormal na súa vida"   (11:40). Profundizando na terminoloxía sociolingüística.

"Antigamente dicíamos dalguén que era inútil ou mutilado. Hoxe falamos de discapacitado. Por iso preferimos falar de dinamización que de normalización" (13:00). Insiste. Armando xa unha zaragallada que polo menos é algo perigosa ao comparar termos como 'inútil' e 'normalización'. Curioso para quen ostenta o máximo cargo da SXPL. Clarificador tamén.

"Os grandes núcleos urbanos históricamente sempre foron os máis desgaleguizados" (14:00). Históricamente? Non sería máis preciso falar da castelanización das clases dominantes? Dito así parece un proceso natural: o normal é que nas urbes se fale o castelán, foi sempre así. Bonita mentira nos beizos do normalizador dinamizador maior da Xunta.

"Nas enquisas contabilizamos un galegofalante a aquel falante monolingüe que fala galego e só galego da mañán ata a noite", pola contra en Euskadi consideran euskaldún a aquel que é capaz de falalo, de lelo e de ter unhas competencias mínimas en lecto-escritura"  (16:30). Claro que a primeira norma para a manipulación dunha enquisa consiste en non facer fachenda do asunto.

"Unha mesma persoa pola mañán fala galego coa súa familia, chega ao seu posto de traballo e fala castelán, logo cos compañeiros de traballo no xantar volve a falar galego,  pola tarde cos fillos con un fala galego e co outro castelán... agora hai moita máis xente deste tipo"   (17:50). Así que os que falan galego deixan de facelo no traballo ou no trato cos fillos. Chámase iso diglosia?

"Os nenos nas cidades falaban sempre en castelán, era máis tarde cando entraban en contacto co galego e cando se  instalan en galego" (19:30). Si agora hai moitos rapaces dese tipo. Basta consultar as enquisas dos hábitos lingüísticos nas idades máis novas... ou mellor, dar un paseo por calquera espazo de lecer habitual da mocidade en calquera cidade galega.

"Aínda que teñamos escolas nas que se ensina todo en galego, se o neno ou a nena, unha vez que sae do centro educativo,... está todo en castelán" (20:00). Claro que se fóra da escola xa está todo en castelán e despois reducimos tamén o uso do galego na escola...

"O decreto 79/2010 é un decreto máis,... pero o labor de verdade coa lingua teno que facer o docente" (22:05). Que docente? o de matemáticas?

"Cando o BNG di que as clases en galego non chegan ao 20% é porque se refire a entornos urbanos e puntualmente ás clases de infantil que todos sabemos que dependen da opción da lingua materna que marcan os pais e as nais...é evidente que aquí temos moitísimo por andar... que se impliquen tamén a falarlle na casa, non é só na escola" (23:00). Non entendo moi ben a lóxica desta parte. Estase afirmando que como o funesto decreto contra o galego aprobado polo actual goberno da Xunta determina que serán os pais os que decidan a lingua das clases de infantil, o resultado foi unha importante redución o uso do galego.. por iso reclama dos mesmos pais que o usen na casa??

"[na normalización] hai ámbitos moi difíciles como o da xustiza, e non só polas reticencias que poida haber con respecto ao galego, senón que a lingua da xustiza utiliza un léxico moi preciso" (27:00). Isto si, entendémolo:  o galego é unha lingua esencialmente imprecisa.

"Estamos traballando xa [sic] na tradución do programa Minerva, que é o programa co que traballan nos xulgados e das audiencias que agardamos que este ano poida estar listo" (27:30). O programa Minerva leva implantado case 3 anos e exclúe a posibilidade de facer os trámites dos xulgados en galego. Tal e como vexo o funcionamento da SXPL, aposto a que rematará o ano sen que ningún funcionario xudicial vexa a versión galeguizada do programa. E a ninguén lle estraña que a Consellería de Xustiza non mostre ningún interese no asunto?

"Máis de cen operadores da xustiza pormeteron, entre aspas [sic], incorporar o galego ao seu traballo" (29:00). Está claro: se non fose 'entre aspas', non o prometerían.

Menos mal que a entrevista foi realizada nun ambiente amable, desde un medio afín. Senón sairía algo coma isto.

6 comentarios:

  1. Prometer entre aspas debe ser algo así como ter os dedos cruzados... :-) Que bo!!!

    ResponderEliminar
  2. Si, parece increíble que esas frases fosen do SXPL. Indicativo de como está a política lingüística no noso país.

    ResponderEliminar
  3. Haiche demasiadas cousas que comentar... Da entrevista do xornal quedo con esta:
    "El de este Gobierno implica darle entrada a un tercer idioma, el inglés, de forma seria"
    Provoca unha vergonza infinita.

    ResponderEliminar
  4. Tes razón, hai demasiadas. Por iso optei por algúns comentarios breves.
    E que che sexa levadeiro o comenzo do curso.

    ResponderEliminar
  5. Eu o galego aprendino , na casa, falando cos meus avos, pais e veciños. E ensineillo as irmás, que son mais novas ca min.

    ResponderEliminar
  6. O galego como impreciso ... débese estar referindo a el mesmo cando se mira no espello.

    ResponderEliminar