Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 10 de setembro de 2012

Memoria recente da destrución

por Mercedes Queixas, coma sempre, cargada de razón, en Sermos Galiza:

No idioma está a árbore xenealóxica dunha nación, sentenciou o escritor inglés Samuel Johnson.
A fala é a voz da terra / e máis do mar, / o vencello que nos xungue / no tempo cos que foron / e máis cos que han de ser, escribiu o poeta chairego Manuel María.
Tempos e espazos ben distantes entre si inspiraron, no entanto, nos dous escritores unha idea nuclear común para o seu pensamento e a súa obra literaria: lingua, fala e pobo como tríada indivisíbel.
No entanto, cómpre lembrarmos que na actual lexislatura -que ficará inconclusa faltando á súa palabra nin máis nin menos que o propio Presidente da Xunta de Galiza-, no seo da nosa sociedade, algunhas voces cuestionaron leis como a Lei de normalización lingüística –e os consensos que as determinaron e axudaron a construír, desde o compromiso global e as renunciais individuais e/ou partidarias-, cuxo obxectivo final foi a protección e promoción da lingua galega, coa aparente vontade de as acalaren paseniñamente debido á súa suposta falta de oportunismo ou mesmo anacronismo, pois non as entenden capaces de daren resposta á altura das demandas dunha sociedade galega que se precie a si própria e queira venderse como moderna, europea e cosmopolita. Todos los paletos fuera de Madrid cantaba Séptimo Sello naqueles sons musicais da movida dos oitenta. Pois aquí o mesmo ou é que imos ser diferentes?
Asemade, escoitamos outras intervencións, de marcado corte social, que teimaron en esixiren o respecto máximo pola aplicación e cumprimento da normativa vixente en materia lingüística como marco lexislativo refrendado desde o debate, o diálogo e o consenso que, os protagonistas de diferentes tempos políticos democráticos, souberon predicar e pór en andamento como exemplo. Voces que argumentaron, á luz dos datos que a sociolingüística, a pedagoxía e a demoscopia ilustran para nós con carácter reiterado, e debuxan a encrucillada interna ou a deleiba forzadamente premeditada polos negadores da lingua galega. Non hai mañá sen hoxe. Tamén para a lingua galega a función que esta representará na futura sociedade dependerá do papel que hoxe lle asignemos nesta páxina en branco que andamos a escribir conxuntamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario