Os que traballamos nisto do ensino non temos outra alternativa que aprender o oficio ollando para aqueles que o fixeron con excelencia e con especial coidado do idioma e a cultura propios. Así o fixo Olimpio Arca Caldas, a quen o pasado día 11 lle entregaban un dos premios San Martiño deste ano.
Os alumnos de Olimpio recibiron doses de orgullo no propio en tempos ben complicados para o poder facer. Así, alén de impartir aulas en galego, achegáballe aos rapaces o coñecemento daqueles que, aínda que non aparecían nos libros, serían os puntos cardinais das mellor historia que se lle pode ensinar aos rapaces. Da man de Olimpio os nenos da Estrada aprenderon quen foron Domingo Fontán, Ramón María Aller, o veciño García Barros, ou o estradense precursor da calculadora, Ramón Verea.
Na Revista Galega do Ensino tiveron a boa idea de adicarlle un merecido espazo no seu último número. Ao ler este artigo comprobamos que Olimpio non recibiu o seu mellor premio o pasado día 11, pois a verdadeira honra recíbea a cotío ao saber que os seus alumnos de onte lembran hoxe as súas leccións con cariño , admiración e agradecemento.
Para completar o post, recollo aquí unha súa conferencia, impartida o pasado 23/04/2010 no Recreo Cultural da Estrada, na que diserta precisamente sobre Ramón Verea.
Ramón Verea García por Olimpio Arca Caldas from A.C. Vagalumes on Vimeo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario