Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 8 de novembro de 2010

Adiante e atrás

por Carlos Callón, no Galicia Hoxe, continúa co repaso á historia da política lingüística dos últimos anos que comenzara a tratar no seu artigo da semana pasada:

No lustro que vai de 2004 a 2009 prodúcense máis movementos que en ningún outro momento da autonomía sobre a posibilidade de estender o uso do galego no ámbito educativo. Cando o quieto se sentiu movido, acendeu todas as súas alarmas para impedir calquera adianto.
É unha historia moi recente, mais faise necesario relembrar o que aconteceu, fronte ao confusionismo do poder e a algúns tópicos que ameazan con instalarse para presentarnos unha cronoloxía diferente da que se produciu.
2004 - 2007
En setembro de 2004, o Parlamento galego aprobaba por unanimidade o Plan xeral de normalización da lingua galega. Alberto Núñez Feijóo era, nese momento, o vicepresidente da Xunta de Galiza. O Plan chegaba con 21 anos de atraso, pois xa o artigo 23 da Lei de normalización lingüística, de 1983, sinalaba: "O Goberno galego estabelecerá un plan destinado a resaltar a importancia da lingua como patrimonio histórico da comunidade e a pór de manifesto a responsabilidade e os deberes que esta ten a respecto da súa conservación, protección e transmisión".
No acordo parlamentar de 2004 sinalábase como obxectivo que o 50% do ensino non universitario fose a través do noso idioma e, en concreto, púñase a materia de matemáticas como unha das disciplinas que deberían ministrarse na lingua do país.
A aplicación do Plan exixía, polo tanto, a promulgación dun novo decreto, que substituíse o vixente, de 1995. Porén, nos dez meses que transcorreron até o final desa lexislatura non se adoptou ningunha medida gobernamental nese sentido. A pesar diso, o movemento cidadán en defensa da lingua si conseguiu algúns éxitos, grazas á vía xudicial iniciada pola Mesa contra a Xunta e a varias exitosas mobilizacións impulsadas por esta asociación e protagonizadas polos estudantes. Por vez primeira, o Goberno galego comezaba a dar instrucións -tímidas e sen seguimento, mais instrucións- para que se cumprise o decreto do 95.
Nese momento, xa verán de 2005, as eleccións levan ao executivo autonómico a un bipartito conformado por PSOE e BNG. No seu acordo programático de goberno, comprométense a aplicar o Plan do ano anterior.
No entanto, o PP comeza a mudar aos poucos o seu discurso sobre a lingua. Xa a comezos do novo mandato, leva preguntas ao Parlamento onde fala de imposición do galego, a pesar de que o marco legal é aínda o mesmo. Os medios de comunicación que lles son próximos ao PP e que teñen a súa sede fóra de Galiza atizan con moita máis forza nese sentido. Ademais, dentro da comunidade estanse a reorganizar, galvanizados polo PP e a FAES, os grupúsculos contra o galego que xa existían con anterioridade.
A pesar da promesa, desde o bipartito tárdase en pór en andamento o Plan e desde os movementos sociais obsérvase certo continuísmo. Ante esa situación, para novembro de 2006 convócase un paro estudantil que reivindica a aplicación do Plan e da Carta Europea. A mobilización é un éxito histórico: segundo cifras oficiais, secundárona máis de 60.000 estudantes.
Tras a greve, desde a Consellaría de Educación iníciase un proceso de diálogo cos tres partidos con representación parlamentar. Aínda que o PSOE e, especialmente, o BNG estaban dispostos a un marco xurídico máis ambicioso, en prol do consenso secundan a proposta do PP, que pon como límite apoiar un decreto igual que o aprobado por este mesmo partido nas Illes Balears, que estipulaba un mínimo dun 50% do horario no idioma propio (na liña do dito no Plan xeral, polo tanto). A conselleira e dous deputados de cada partido comparecen ante os medios de comunicación para explicar a proposta que se levará ao Diario Oficial de Galicia.

2007 - 2009
Porén, poucas semanas máis tarde daquela presentación, e escudándose nalgúns matices menores realizados polo informe xurídico do Consello Consultivo, o PP desanda o camiño e rexeita frontalmente o decreto que negociara e consensuara. Dun día para outro, nunha pirueta política que supón un xiro copernicado na postura pública deste partido en Galiza, acusan esta norma de eliminar a "libertad lingüística" e "imponer el gallego". O PP mesmo chegará, por vez primeira en 30 anos de autonomía, a participar en manifestacións contra a lingua galega (a máis coñecida, que non a única, foi a convocada por Galicia Bilingüe un mes antes das eleccións autonómicas).
O decreto entra en vigor no curso 2007/08, mais desde a Xunta non se desenvolve ningunha campaña para explicalo nin defendelo das acometidas que estaba a padecer. A ofensiva mediática é enorme e coincide no tempo con outras accións de grande calado contra a diversidade lingüística no Estado, como o cinicamente chamado "Manifiesto por la lengua común". Ante esa situación de ataques, en maior de 2008 realízase unha multitudinaria manifestación en defensa do galego, a maior nos últimos 20 anos.
Ademais do indefenso decreto, desde a Xunta bipartita póñense en andamento dous proxectos concretos que son pioneiros para educación infantil. Por unha banda, na etapa de cero a tres anos, promóvese a creación das Galescolas, centros públicos onde os pequenos e as pequenas, ademais dun plan pedagóxico moi ambicioso, terán contacto lúdico e educativo co galego. De tres a seis, créanse programas iniciais polos cales en varias escolas das cidades, de xeito voluntario, se poderá recibir o ensino tendo como lingua vehicular a de Galiza.
En decembro de 2008, o Consello de Europa avalía o nivel de cumprimento da Carta en Galiza. Valora o feito até o de agora como "insuficiente", aínda que salienta de forma positiva o camiño percorrido co decreto e na educación infantil, de forma moi especial nas Galescolas.
Mentres, diferentes estudos oficiais (do Instituto Nacional de Estadística-Instituto Galego de Estatística, do Consello da Cultura Galega, do Consello Escolar de Galiza e da Real Academia Galega) conclúen que a escola continúa a ser un axente de desgaleguización. As etapas educativas finalízanse con carencias comunicativas na lingua de Galiza (fálase mesmo dun 20% de analfabetos funcionais en galego entre os adolescentes). Ademais, escolas infantís, colexios e institutos inciden en que as nenas e os nenos que falan galego nas súas casas acaben abandonando o seu uso.
En marzo de 2009, o PP consegue nas eleccións autonómicas de novo a maioría absoluta (aínda que, lembrémolo, por só un escano e a pesar de obter menos votos que a suma de PSOE e BNG). Un dos seus cabalos de batalla era a derrogación do decreto, aínda que sen concretar cal era a súa proposta alternativa. O primeiro curso deste novo goberno desmantélanse as Galescolas, mais mantense formalmente a vixencia da norma de 2007, mentres se preparan unha nova para substituíla. En maio e outubro de 2009 prodúcense mobilizacións sociais masivas en defensa da lingua galega; calcúlase que a última destas manifestacións é unha das maiores de toda a historia de Galiza e, sen dúbida, unha das tres maiores da etapa autonómica..

Ningún comentario:

Publicar un comentario