23 de novembro do 2010. Sobre o "Ciclo Lingua e Xuventude, un debate para o futuro" promovido pola Deputación de Ourense, a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) informa que Anxo Lorenzo destacou que:
“O galego xa ten un prestixio cultural consolidado, agora cómpre insistir no seu prestixio social” e que [...]fixo fincapé na importancia de transmitirlle a lingua galega ás novas xeracións de falantes
Transmisión? Prestixio? Un pregúntase cal pode ser a credibilidade do autor destas palabras sabendo que é o mesmo que hai menos dun ano presentaba todo cheo de razón unhas Bases para o decreto de plurilingüismo no ensino no que establecía ideas tan favorecedoras tales como a desgaleguización das oficinas administrativas dependentes da Consellería de Educación ou o establecemento dun obxectivo fundamental unha redución do uso do galego no ensino ata situalo baixo unha cota superior do 33%.
Pero claro, sabendo que: esa mesma SXPL informaba, con data do 14 de setembro, que o propio Anxo Lorenzo xunto con Jesús Vázquez na súa visita a Bruxelas destacaban que:
A comisaria europea de Educación, Cultura, Plurilingüismo e Xuventude, Androulla Vassiliou, amosouse “plenamente satisfeita” pola política lingüística que está a desenvolver a Xunta de Galicia
e sabendo que: a prensa de hoxe informa que
Vassilou deixou claro onte que “non pode interferir en ningún caso nas políticas en materia de lingua dos estados nin autonomías ao non ter competencia na materia” [...]que “non pode valorar nin avalar” as decisións políticas, pero que “tampouco pode controlar as declaracións que se fan despois das xuntanzas” con ela.
un comenza a ter a certeza de que se le algunha información na web da SXPL, non se equivocará nada se considera que o contrario do que alí se afirma será o realmente certo.
P.S.: tamén pensei en titular este post como Certas mentiras
Ningún comentario:
Publicar un comentario