De entre as achegas pola morte de Francisco del Riego, quédome con esta, por X. H. R. Corcón, no Xornal:
A negra sombra de Rosalía de  Castro volve a proxectarse sobre nós, sobre os galegos cun sentido do  deber para coa nosa historia. Porque en tempos onde andamos tratando de  fixar un rumbo claro para a travesía da nosa lingua e a nosa cultura, a  carta mariña está perdida ou foinos roubada, e sen ela é difícil, e  mesmo moi perigoso trazar o rumbo da navegación. E cando isto sucede só é  posible que o barco chegue a porto sen encallar nos descoñecidos  acantilados ou sen fender o casco nos agochados baixos, se no buque hai  un patrón que sexa quen de navegar de memoria, sen precisar seguir o  rumbo marcado na carta mariña, un patrón que coñeza o mar e a costa  mellor que os ollos da súa amada, que saiba onde está cada pedra baixo  as augas e onde cada saínte da costa penetrando no mar, sen un patrón  así a embarcación quedará á deriva.
Nestes tempos sen cartas mariñas para a cultura galega, un dos homes,  dos patróns que era quen de navegar a cegas, nas tempestuosas augas do  autoodio que segue instalado no subconsciente de moitos galegos, do  retroceso no uso da nosa fala, do desprestixio orquestrado das nosas  letras e das nosa artes, e nas proclamas desorientadas de galegos ben  intencionados, era Don Francisco Fernández del Riego, porque isto foi o  que fixo toda a súa vida, navegar só guiado pola súa prodixiosa  intuición e en diálogo coas estrelas, e sobre todo navegar posuído pola  valentía dos navegantes máis intrépidos, aqueles que se atreven antes  que ninguén a ir a mares nunca navegados. Navegacións intrépidas,  arriscadas e valentes foi as que sempre realizou de xeito teimoso, sobre  todo despois do trinta e seis, cando a galerna fascista sucou os mares  todos destruíndo unha flota enteira de naves dispostas para traer á  terra unha captura de ideas necesarias para o progreso e a prosperidade.  Don Francisco na ponte do navío Galiza, navegou tendo que improvisar o  rumbo no transcurso da propia navegación, e incluso tivo que inventar el  mesmo os portos aos que chegar: O porto de Galaxia, de Grial, do 17 de  Maio, da Fundación Penzol, da Academia Galega... e a todos estes portos  conseguiunos levar con ben, que hoxe son portos indispensables na costa  cultural galega. Pero o pasado día 26 o patrón da nosa nave foi relevado  do seu posto, que o barqueiro das almas veu a chamalo para transportalo  na súa barca ao outro lado do horizonte, e cando o barqueiro chama non é  posible rexeitar o convite, e aínda podemos darlle grazas ao barqueiro  que tardase tantos anos en chamar a Don Francisco, e que así puidésemos  navegar sen medo tanto tempo sabendo que el estaba na ponte.
Agora volve a negra sombra a escurecernos e a tentarnos co medo por  sabernos sen rumbo e sen patrón que manexe con destreza o leme, pero a  este patrón debémoslle tanto que non podemos, baixo ningún concepto  defraudalo, e temos que seguir a súa ensinanza. Ensinounos a navegar en  mares tan adverso facéndoo no canto de con sextante co orgullo de ser  galegos. Por Don Francisco Fernández del Riego temos a obriga de  sentirnos orgullosos de ser galegos, e non o imos a defraudar, non  podemos.

 
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario