Último dos tres artigos da serie que Callón lle adica no Galicia Hoxe a valorara a política lingüística desde a época da transición. Os outros artigos foron "25, 33, 50..." e "Adiante e atrás".
Pecho con este a serie de tres artigos-síntese cos que pretendín  presentar unha panorámica xeral dos procesos de galeguización e  desgaleguización do ensino desde 1995 até hoxe. Finalizo, como non  podería ser doutro xeito, abordando o decretazo contra o galego, que xa  varias veces foi motivo de análise nesta páxina, mais sobre o que cómpre  voltar. Esta norma supón o perigo máis forte contra o que se enfronta o  noso idioma, en especial porque acelera a súa perda nas zonas urbanas e  porque estende a idea diglósica de que o idioma de Galiza non é válido  para todos os coñecementos. 
Unha norma rexeitada 
O  penúltimo día do ano 2009 a Xunta deu a coñecer o seu rascuño de  decreto para derrogar a norma de 2007 pactada polas tres forzas con  representación no Hórreo. Desde o principio até o final do proceso, a  agresiva e unilateral proposta do PP contou co rexeitamento unánime de  todas as comunidades educativas: todos os sindicatos do profesorado,  todas as organizacions estudantís, todos os movementos de renovación  pedagóxica e -excepto unha- todas as asociacións de nais e pais de  Galiza. 
No primeiro semestre do ano en que nos encontramos, 2010,  producíronse dúas manifestacións contra o chamado "decretazo contra o  galego"; en ambos os casos, desbordáronse as rúas de Santiago de  Compostela, na liña do que acontecera o 18 de outubro do ano anterior. 
No  proceso, a Xunta tamén se encontrou co rexeitamento da mesa sectorial  de Educación, do Consello Escolar de Galiza e do Consello Consultivo.  Xorda e inflexíbel, seguiu adiante co seu proxecto de decreto, aínda que  no camiño introducise algúns cativos matices. 
Os eixos desta norma pasarán a ser: 
1.  Prohíbense as experiencias educativas en galego na educación infantil  que se puxeran en andamento de xeito voluntario durante o bipartito e  que contaban cunha demanda crecente nas cidades. 
2. Na educación  infantil, as familias serán preguntadas sobre a "lingua materna" da nena  ou do neno e, segundo cal for a resposta maioritaria, todo o ensino  será nese idioma. No entanto, esa cuestión formúlase nun anexo á  matrícula, xunto con outras preguntas e sen indicar cales son as  consecuencias da resposta. Con esta forma de actuación, o que se  pretende é varrer o galego nesta etapa nas cidades, xa que o decisivo  pasa a ser cal é o idioma que se utiliza no día a día familiar, non o  que se pode elixir no ensino. 
Dito doutro modo: unha familia  (declarada) castelán falante non poderá solicitar educación en galego. O  matiz é importante; véxase, se non, na práctica dos datos até o momento  existentes neste curso escolar: un 40% das familias das sete cidades  responderon "galego"; porén, polo xogo de maiorías e minorías, só un 10%  das aulas nesta etapa nas sete cidades galegas son neste idioma. Este  nivel de desamparo para quen quere educación na lingua propia non se  produce en ningunha outra comunidade autónoma do Estado. 
3.  Prohíbese a docencia en galego das materias científico-técnicas:  matemáticas, tecnoloxía e física e química. Esta exclusión é explícita  tanto para o proceso oral de ensino-aprendizaxe como para a  recomendación de materiais. Nunca en 30 anos de democracia se produciu  situación semellante en ningún lugar do Estado español. 
4. O  ensino en galego en primaria e secundaria pasa a ter un tope do 50% e,  se un terzo do horario se impartir en inglés, o máximo pasaría a ser o  33%. Dito doutra maneira: a presenza teito é a que os decretos de 1995  ou 2007, de que falamos nos artigos anteriores, consideraban mínimo.  Porén, fontes sindicais -non negadas pola Administración, que non ofrece  datos- calculan que a porcentaxe de docencia en galego no ensino non  universitario non chega ao 25%. 
5. O novo decreto denomínase do  "plurilingüismo", aínda que tal nome foi fortemente criticado por falaz,  xa que a limitación ou mesmo prohibición da lingua propia en  determinadas áreas nega a diversidade idiomática que se di promover.  Este nome ten unha finalidade propagandística: dar a entender que o  obxectivo deste decreto é mellorar o ensino de inglés (a ecuación  subxacente é perversa: saberemos máis inglés canto menos galego  soubermos). 
Mais a realidade é que as aulas deste idioma na  primaria e na secundaria continúan masificadas. O único que se fixo foi  crear unha liña de axudas para que os centros de ensino poidan pasar a  ministrar unha parte das súas materias en inglés. A maioría dos 52  centros que se acolleron a este programa son privados. Parte deles,  reservan o galego nos seus proxectos educativos ás materias de educación  física ou relixión. A verdade é que o plurilingüismo se configura só  como unha camuflaxe para reducir a presenza educativa do idioma galego. 
Menos dereitos que en Francia 
Ao  final dalgúns dos puntos antes sinalados indicaba que hai restricións  que padece o galego con este decreto que non teñen parangón en ningunha  outra comunidade autónoma do Estado español en 30 anos de democracia.  Goberne quen gobernar estas comunidades, habería que acrecentar,  pensando por exemplo nos modelos de Nafarroa ou València. 
Mais  hai un punto que me gustaría subliñar con especial énfase: que esta  norma coloca o galego moi por debaixo das posibilidades educativas que  teñen por exemplo as linguas que no Estado francés nin tan sequera  contan con recoñecemento oficial, como o vasco, o catalán ou o bretón.  Non é hipérbole: na xacobina Francia non se prohibe, como aquí, que unha  familia teña a opción de escolarizar a súa crianza no seu idioma  propio. E iso que, como é ben sabido, o Estado francés está considerado,  con exactitude e xustiza, como un dos que menos recoñece e protexe a  súa diversidade lingüística e cultural. 
E agora que? 
Galiza  encóntrase nestes momentos cun modelo lingüístico no ensino que pon en  serio perigo o presente e o futuro do idioma propio do país. A  aprendizaxe do inglés, que é un obxectivo que todo o mundo comparte,  está a ser utilizada como escusa para reducir a presenza da lingua de  Galiza. 
A comunidade galega é o primeiro territorio do Estado  onde, pola vía dos feitos, se está a ensaiar o desmantelamento da  oficialidade dunha lingua recoñecida xuridicamente a partir da  restauración democrática. Porén, todo parece apuntar a que existe un  proxecto estatal para estender esta involución a outros lugares. Así, o  PP nas Illes Balears comezou a mudar o seu discurso sobre a lingua no  ensino e, igual que fixo este partido en Galiza, pasa a considerar que o  decreto do 50% (que esta formación promulgou cando gobernaba ese  arquipélago) é unha "imposición" e atenta contra a "libertad  lingüística". Se se consumará ou non a ofensiva é algo que aínda está  por ver, porque ambos os territorios contan cunha resposta social moi  importante.

 
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario