Olimpio Arca, falando de Ramón Verea no IES Pintor Colmeiro |
El sempre estaba disposto a colaborar coa Asociación Cultural Vagalumes, así que non foron poucas as ocasións nas que asistín a actos nos que participaba Olimpio Arca. Lembro presentacións de libros como éste de Carlos Mella, impartindo conferencias como ésta sobre o antroido da Ulla, ou participando en actividades sociais e culturais da que escollo como exemplo a posta en coñecemento do roteiro Castelao na Estrada. Pero o que máis gravado me quedou foi cando hai 2 anos acudira ao IES de Silleda a participar nun dos actos do Día da Ciencia en Galego que aquel ano tiña como figura homenaxeada ao estradense Ramón Verea, o primeiro en construir unha máquina de calcular que realizaba produtos e divisións sen ter que facer sumas reiteradas.
Olimpio Arca escribira unha biografía sobre o inventor estradense e elaborara unha presentación para divulgar a figura do inventor. Como mostra da súa xenerosidade, deixounos a presentación para que a puidéramos compartir na rede.
Aquela tarde en Silleda demostrou Olimpio que era un mestre excelente, tivo aos rapaces enganchados cun tema que nun principio era pouco atractivo para eles: a biografía dun periodista con coñecementos de mecánica de finais do XIX.
- A ver, quen me sabe dicir onde está Moalde? -preguntou Olimpio
Unha chea de mans se levantaron. Comenzou un barullo de explicacións. Claro que o sabían, Moalde é unha das parroquias de Silleda.
- Pois á beira de Moalde hai outra parroquia da Estrada, Curantes. De alí era Ramón Verea, en concreto do lugar de Esmorís. Hoxe no adro da Igrexa de San Miguel hai unha escultura como ésta de aquí- comentaba sinalando o busto que tiña ao seu carón.
A estratexia é simple, pero hai que ter unha profunda alma de mestre para poder facelo. Primeiro ofréceselle a oportunidade de que os alumnos nos falen de algo que saben, unha cousa coñecida. Despois, xa os ten da súa man, é o momento de que o mestre lles conte o que lles quería contar. E non o fixo só unha vez. Recuncou, e aínda con máis éxito:
- Quen é do Barcelona?
Xa podedes imaxinar un fateixo de mans erguidas e polo menos outras tantas caras de disgusto.
- E quen é do Real Madrid?
Os descontentos eguen agora victoriosos as mans, os outros protestan.
-Pois moi mal! Facedes moi mal!
Fican todos desconcertados... e expectantes.
- Todos vós -continúa Olimpio-, todos!, tiñades que ser do Feminino de Silleda
Olimpio sabía que o equipo local de fútbol sala estaba dando moito que falar por ser o único equipo feminino nunha liga de 18. Algunhas das compoñentes eran compañeiras estudaban nese mesmo instituto. O alumnado estaba sorrinte e convencido. Entón era o momento da mensaxe:
- Eu vivín un empo en Barcelona e alí ninguén falaba do Deportivo nin do Celta. Estaban orgullosos do seu!
Ese día o meu alumnado de Silleda si que aprendeu cousas. Aprendeu que nos roubaran a historia, "os galegos descoñecemos a nosa historia e así non nos pode ir ben. En todas as escolas fálase do submarino de Isaac Peral que hoxe é o buque insignia de Cartaxena. Todos os libros de texto falan do autoxiro de Juan de la Cierva. Dá a impresión de que os galegos non somos quen de inventar nada. Non é así! O que pasa é que se nos escondeu a impresionante figura de Ramón Verea."
-Sabe alguén onde queda Bermés?
Claro que había alguén que sabía: "De alí é meu tío". O resto xa se pode imaxinar; continúa o mestre: "de alí era tamén Xosé Rodríguez, o matemático que estuda en París e realiza diversos traballos de carácter internacional como a medición do globo terrestre. Rodríguez foi profesor de Domingo Fontán, o xeógrafo de Portas, o que fixo o mapa de Galicia. É unha mágoa que estes científicos, tan importantes, nos resulten completamente descoñecidos". Aínda que a desculpa era falar de Ramón Verea, naquela xornada de outono Olimpio o que fixo foi reforzar o orgullo polo propio dos rapaces de Silleda.
Ao día seguinte cando volvín á aula, o primeiro que me preguntaron foi cando volvía o mestre D. Olimpio para darlles clase. É moi difícil ser bo profesor. E el érao.
Ningún comentario:
Publicar un comentario