Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 4 de novembro de 2014

Os datos do IGE sobre o uso do galego nas familias. Algunhas tendencias

por Denís Vicente, nas Voces de Prolingua:


Hai uns días o Instituto Galego de Estatística publicaba os datos do uso do galego nas familias correspondentes ao ano 2011. Aínda que esta enquisa só se pode comparar a nivel estatístico coa do ano 2001, en función das variábeis que se presentan (sempre galego/ás veces/nunca) se repararmos tamén nos datos dos anos 1992, 2003 e 2008 con variábeis diferentes (monolingüismo en galego/máis galego que castelán/máis castelán que galego/monolingüismo en castelán) podemos percibir algunha tendencia común na evolución sociolingüística de Galicia.
En primeiro lugar, segundo os datos comparativos entre os anos 2001 e 2011, parece que o número de falantes que declara falar galego "sempre" ou galego "nunca" diminúe. Chama a atención a caída da resposta "galego sempre", que pasa do 57% ao 44% (-13%), mais tamén a caida das persoas que declaran que non o falan "nunca", cun descenso do 2% entre os anos 2001 e 2011. Se temos en conta que estas últimas son porcentaxes baixas, 13% e 11%, o descenso tamén é significativo.Esta tendencia no descenso dos monolingüismos mostrábase parcialmente xa nos datos dos anos 1992 a 2008, co descenso do número de monolingües en galego, que pasan dun 38,7% a un 31,6% (-7,1%). Porén, nesta enquisa o número de monolingües en castelán non diminúe, e incluso aumenta considerabelmente, pasando dun 10,6% a un 19,5% (+8,9%). Neste caso o número de monolingües en castelán case se duplica e na enquisa do 2011 o número de persoas que non falan galego nunca cae nun 2%. Deste xeito, ou ben entre os anos 2008 e 2011 o proceso de persoas que tornan monolingües en castelán se viu reducido ou nesta enquisa móstrase unha tendencia que pode ser non de todo real: que o número de persoas que non falan galego nunca verdadeiramente aumenta.Por outra banda, a porcentaxe de persoas bilingües parece aumentar segundo estes novos datos. Quen declaran falar galego "ás veces" chegaría ao 45% da poboación segundo os datos do 2011, un 15% máis que no 2001. Ao non se especificar nestes datos se esas persoas falan máis galego ou máis castelán, parece que a información de falantes de galego "ás veces" pode ser confuso, pois no mesmo barco entraria quen fala galego só coas persoas maiores ou en exclusiva no ámbito familiar que quen lle transmite a lingua aos seus fillos ou a emprega no traballo ou cando vai ao médico.Se analizamos os datos dos anos 1992 a 2008, esta tendencia de aumento do bilingüismo non aparece reflectida, incluso esa porcentaxe se ve reducida do 50,7% ao 48,9% (-1,8%). Nesta enquisa si se nos ofrecen datos de uso máis concretos na poboación que se declara bilingüe, permitíndonos ver que esa masa de falantes das dúas linguas mudou levemente na súa composición, aumentando os de predominancia castelán e descendendo os de predominancia galego (+0,9% e -2,7%). Así, de novo chama a atención o aumento dun 15% no número de bilingües que mostran os datos do 2011, que contrasta coa liña marcada polos datos dos últimos anos, nos que o número de bilingües caía levemente.En definitiva, se compararmos a evolución nos datos do 2001/2011 e do 1992/2003/2008 parecen certas dúas tendencias: a maioría dos bilingües actuais parten dunha situación de monolingüismo en galego, e as persoas que incorporan o galego partindo do español non aumentan ou, se o fan, é dun xeito moi pouco significativo nos últimos anos.Malia a lectura positiva tirada destes datos pola Xunta de Galicia, parece que a volta ao consenso marcado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e a aplicación dunha política lingüística activa e decidida a prol da normalización da nosa lingua continúan sendo máis necesarios ca nunca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario