Escrito sobre a entrega de premios do certame do audiovisual OUFF, organizado polo Concello de Ourense e coa colaboración da
Consellería de Educación e a
Secretaría Xeral de Política Lingüística. Está asinado polos centros IES A Cachada (Boiro), IES Félix Muriel (Rianxo) e CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro):
Os centros de ensino que asinamos este escrito acudimos o mércores, día 19 de novembro, ao acto de entrega dos premios Ouff Escola de Ourense e saímos da “gala” indignados e decepcionados, de feito estamos convencidos de que non volveremos participar neste certame mentres non detectemos que o modo de facer as cousas mudou de modo substancial.
Referímonos, para ser máis concretos, a un certame destinado a premiar “os mellores traballos audiovisuais en galego realizados por escolares”. Segundo rezan as bases, OUFF Escola está convocado pola Concellería de Cultura, Normalización Lingüística e Festival de Cine Internacional do Concello de Ourense xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. En teoría, por tanto, debe entenderse como un evento que debe coidar as formas, tanto a nivel de contido como de organización. Pero nada máis lonxe da realidade.En primeiro lugar, a gala poder resumirse como un acto mal deseñado e peor estruturado. Centros de toda Galicia percorremos centos de quilómetros en autobús coa expectativa de asistir a unha gala que fose, cando menos, unha festa digna, onde se mantivese durante toda ela esa “emoción” de agardar un premio, sobre todo pensando na rapazada, que se ilusiona moito con estes actos. Pero non. Os premios desveláronse en dez minutos, a todo correr, un tras outro, co esquema máis vulgar e pouco imaxinativo que se poida pensar. Nome dos centros gañadores, entrega de cheque e diploma por parte das autoridades e aplausos de cortesía. Por suposto, nada de crear un clímax adecuado que lle dese emoción ao asunto, nada de proxectar os traballos finalistas antes de anunciar as mellores curtas. Semellaba que o único que importaba era a fotografía das autoridades para os medios. E que o auditorio non estivese baleiro. Alí o alumnado non era o protagonista. Era parte do decorado, o atrezzo da súa función.Pero máis alá de aspectos organizativos que podemos desculpar con certa dose de benevolencia, hai detalles aínda peores, que ofrecen moi mal exemplo ao alumnado. Detalles de pésima educación por parte de quen debería dar exemplo máximo de cortesía. Parécenos unha falta de respecto absoluta que as autoridades que entregaron os premios “desaparecesen” por arte de maxia das súas butacas xusto no intre en que se apagaron as luces para proxectar, un tras outro, os vídeos gañadores. Parécenos unha falta de tacto que, cando rematou a proxección, non houbese ningún responsable da organización que subise ao estrado para dar as grazas aos centros educativos pola súa asistencia, e para agradecer o bo comportamento das rapazas e rapaces, que, máis alá de que fosen premiados ou non, demostraron saber estar moito máis que os representantes políticos e culturais.En segundo lugar, e desde o respecto que nos merecen todos os traballos premiados, non pode deixar de sorprendernos que na categoría de traballos de Educación Secundaria, a curtametraxe escollida como gañadora estivese protagonizada por actrices e actores profesionais (grupo Chévere), o cal semella unha vantaxe evidente con respecto ao nivel de interpretación doutros proxectos onde os protagonistas si eran rapazas e rapaces dosinstitutos. Por suposto que consideramos moi positivo que exista cooperación entre o ensino e o mundo da cultura profesional, pero, ben as bases, ben o xurado, deberían regular este tipo de intervencións, para que os traballos non supoñan un agravio comparativo.Igual neste momento algún lector ou lectora considera que este artigo expresa un resentimento particular por non obter ningún galardón para os nosos centros educativos. Nada máis lonxe da realidade. De feito, como docentes, estabamos máis convencidos de que os nosos traballos non eran merecedores dun premio antes do inicio da gala que despois de asistir á mesma.Por último, un tema tamén moi grave, cando menos desde a perspectiva sociolingüística. O certame, convocado como se viu arriba por entidades que foron creada para promover o noso idioma, di nas súas bases, e en primeiro lugar, que ten como obxectivo impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade. Loable causa, pensabamos nós. Ademais dise claramente que os traballos “deberán estar en lingua galega”. E aquí é onde nós non conseguimos entender case nada do que vivimos esa mañá na cidade das Burgas.Por exemplo, resulta unha contradición evidente que o alcalde de Ourense comece o seu discurso de benvida en perfecto castelán, e que logo se pase ao galego durante uns segundos, para rematar cunha frase antolóxica que resume todos os seus prexuízos sobre o seu uso do idioma: Eu falo habitualmente en galego, pero, non sei por que, cando falo con rapaces, sáeme sempre o castelán”. Brillante discurso normalizador, abofé que si. Case tan brillante como o da presentadora da gala, que, no transcurso do acto, decidiu abandonar a maquillaxe do galego institucional para regresar ao idioma que lle resultaba máis cómodo.Menos se entende aínda que unha das curtas premiadas co segundo premio na categoría infantil (moi digna e interesante a nivel artístico) presentase un evidente desleixo no coidado do idioma, de tal feito que as nenas e nenos que narraban a historia alternaban frases en galego e outras en castelán, nunha mestura semellante ao castrapo. Obviamente, isto non é responsabilidade da rapazada, pero o xurado si debe valorar se usar mal o galego debe ser premiado nun evento onde a lingua non pode ser usada de calquera xeito, como algo que se pode deformar sen que pase nada.En definitiva, consideramos que a gala de entrega de Ouff Ourense resultou unha triste sombra do que podería ter sido, e que o acto institucional ficou reducido a unha parodia de festa cutre, feita só para cubrir un expediente administrativo e publicitario.Por iso, porque queremos asistir a actos onde algo positivo aprendemos, prometemos non volver.Asinado: IES A Cachada, IES Félix Muriel e CPI Eusebio Lorenzo Baleirón
Ningún comentario:
Publicar un comentario