Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 19 de novembro de 2014

A placa de Zennor (Cornualles), ou a tristeza pola morte dunha lingua. ¿Levamos en Galicia o mesmo camiño?

por X. M. Lema, nas Voces de Prolingua:


A ‘doma e castración’ do córnico
Segundo Philip Payton, na súa Cornwall’s History (2010), o idioma celta de Cornualles tivera un desenvolvemento normal e puido resistir a presión do inglés ata mediados do séc. XVI. Como consecuencia da ruptura do rei Henrique VIII co papa, que deu lugar ó nacemento da Igrexa Nacional de Inglaterra (o anglicanismo), impúxose pola forza a lectura da Biblia en inglés nas igrexas, substituíndo o latín. En 1549, con Eduardo VI, imponse a Act of Uniformity (‘Acta de Uniformización’), xunto co Book of Common Prayer (‘Libro da Oración Común’), que supoñía o uso obrigatorio do inglés nos rezos e na liturxia da Igrexa Anglicana. Os eclesiásticos córnicos protestaron aducindo que o seu pobo non entendía o inglés, pero o arcebispo de Canterbury retrucoulles dicindo que o latín aínda o entendían menos. Os córnicos chegaron a defender a súa lingua coas armas na man, pero o seu exército sería derrotado en Exeter e os ingleses iniciarían decontado a pacification of Cornwall, que lembra moito a “doma e castración do reino de Galicia” polos Reis Católicos, anterior no tempo. Executáronse prisioneiros en masa e penduráronse da forca cregos e bispos rebeldes de Cornualles.
Ó contrario do galés, a outra lingua celta de Gran Bretaña, a Igrexa de Inglaterra non traduciría ó córnico nin o Libro da Oración Común nin a Biblia. A imposición do inglés acabaría triunfando en Cornualles pola brava, e da lingua córnica foi caendo en picado en pouco máis dun século: contra o 1600 había uns vinte mil falantes, catorce mil en 1650 e tan só cinco mil en 1700. Mesmo se lle puxo unha data ó seu enterro: 1777, ano en que morreu a súa última falante monolingüe coñecida, Dolly Pentreath, mariñeira da pequena vila de Mousehole.
A placa de ZennorNunha etapa máis da nosa ruta anual polas ‘fisterras’ atlánticas europeas, o 25 de agosto de 2011 estabamos 50 excursionistas do Seminario de Estudos da Costa da Morte de visita na igrexa da aldea de Zennor, na costa norte córnica, que no seu interior garda unha vella cadeira de madeira cunha serea esculpida (The Mermaid Chair, de 600 anos de antigüidade), da que se conta unha lenda moi semellante a dúas galegas: a da orixe da familia fidalga dos Mariño e a da furna da Buserana de Muxía.Apegada a un dos muros exteriores desta igrexa, mirando ó cemiterio, hai unha sinxela placa de mármore escrita en inglés, que aproximadamente di o seguinte:“Para honrar a memoria de JOHN DAVEY, de Boswednack desta freguesía (nado en St. Just en 1812, falecido en Bosdwednack en 1891), que foi a derradeira persoa que tivo un coñecemento notable da lingua córnica, e isto [grazas] a seu pai e instrutor JOHN DAVEY, de St. Just (nado en Boswednack en 1770, falecido en St. Just en 1844), matemático e mestre de escola moi coñecido; os dous xacen enterrados preto. Colocou esta lápida a Sociedade Cornualles Antigo de St. Ives. 1930.” [como remate, dúas liñas en córnico]Repárese en que non se nos di que os Davey falasen córnico, senón que tan só tiñan certo coñecemento desta lingua. Cando a estabamos ollando, un veciño da aldea interesouse pola nosa visita, e ó dicirlle que eramos galegos o seu interese aumentou, pois deu a casualidade de que se trataba do Sr. Nigel Hicks, membro dun activo movemento que, con moito esforzo, está tratando de “resucitar” (sic) o seu idioma propio, celta, a partir de documentos antigos e aproveitando as analoxías estruturais co galés e co bretón, os seus parentes máis próximos. Díxonos con orgullo que en Cornualles xa había unhas trescentas persoas (a poboación total é de medio millón de habitantes) que xa podían manter unha conversa fluída neste ancestral idioma, quizais o máis antigo de Inglaterra, da que Cornualles forma parte (aínda que observamos un activo movemento identitario reivindicador do recoñecemento oficial de Kernow (nome córnico de Cornualles) como a quinta nación do Reino Unido, en pé de igualdade con Gales, Escocia, Irlanda do Norte e a propia Inglaterra; a bandeira córnica coa cruz branca de san Piran sobre un fondo negro ondeaba por todas partes, con ou sen a británica).

¿Imos camiño dunha placa semellante en Galicia?Os excursionistas da Costa da Morte tivemos así o privilexio de escoitarmos unhas palabras en córnico nos beizos de Mr. Hicks, que ademais é membro do Comité Europeo para as linguas minoritarias. Nós correspondémoslle cuns versos de Rosalía, que agradeceu. O señor Hicks envexaba a situación da nosa lingua, unha lingua ben viva, infinitamente mellor cá da súa, loxicamente. Por vergonza, non lle falamos das impresentables medidas desprotectoras e agresivas que o “noso” goberno galego xa daquela iniciara contra o idioma que estaba obrigado a defender. Non o entendería.¡Como se valora un ben cando xa se perdeu! A placa de Zennor fíxonos reflexionar, e concluímos que á maior parte dos galegos –mesmo ós que son castelanfalantes- non lles gustaría que nun futuro próximo ou remoto en Galicia se inaugurase unha placa semellante, certificadora da morte da nosa lingua milenaria. Sería unha gran tristeza, pois significaría o noso fracaso colectivo como pobo por non sermos quen de transmitir un idioma creado polos devanceiros e que nos veu dado de xeración en xeración. Alguén comentou en voz alta que as nosas autoridades autonómicas si que lles “molaría” presidir esta inauguración, con gaiteiros, carne ó caldeiro e foguetes: unha ansia fóra (para elas).Por iso falei da placa de Zennor ó remate do meu breve discurso na recepción do premio en Vigo, ante uns 350 convidados e co presidente da Xunta na primeira mesa. Custoume facelo, pero a situación do galego, cada vez máis preocupante, sería un cargo de conciencia silenciala, e aí están os recentes datos do IGE, deprimentes, por moito que se queiran adozar. Por iso, no canto dunha reivindicación preferín facer un simple rogo, e faría unha súplica se fose preciso: que se volva ó consenso. Galicia necesítao con urxencia. A placa do cemiterio de Zennor debera servirnos de reflexión colectiva –e non só para as autoridades- para que en Galicia nunca teñamos que colocar outra semellante. Mellor que nos decantemos pola lauda cunqueirana do camposanto mindoniense coas esperanzadoras mil primaveras máis para a lingua galega. ¿É tanto pedir?

Nota: O pasado 11 de outubro, no meu texto de recepción do Premio da Crítica Galicia na modalidade de Creación Literaria, fixen alusión á placa de mármore de Zennor (Cornualles, Gran Bretaña). Como pouca xente a coñece, vou falar dela, pois está relacionada coa historia do córnico, idioma celta desaparecido hai xa máis de 200 anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario