Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 26 de novembro de 2014

Cando espertou, o conflito lingüístico inda estaba alí

por Xabier P. Iglesias, no Sermos Galiza:


Recoñezo que en ocasións gostei inmenso do tono incisivo e provocativo co que Rodri Suárez asina os seus textos. Como é sabido non gosto do gris, nin dos tonos medios. Porén, inda percibindo certo ánimo de deliberada impertinencia (no sentido político) do autor, discrepo case que totalmente da súa última columna publicada en Sermos Galiza. Non vou entrar en sinalar a contradicción inicial de soster tal alegato precisamente na "páxina" dun medio que supuxo o regreso do galego aos quiosques. Algo para nada menor nun cenario de total esmorecemento mediático do noso idioma, como el ben sabe.

A tese do autor é discrepar do discurso que pula por promover o consumo de produtos (culturais ou non) que sexan editados en galego, ao fío do lanzamento do filme A Esmorga. Entendo parte do razonamento, mais acho que ten base nun axioma errado que torce todo o argumentario até o conducir ao desnorte. Bate o Rodri contra quen anima a consumir produtos 'só' por estaren feitos na nosa fala. Falso. Fano, facémolo, salientando precisamente como valor engadido ese feito. Por suposto que hai malos libros (os da cultura oficial e tamén os pretensamente underground), filmes tostón, obras teatrais intragábeis, ou música aborrecíbel, editados na nosa lingua. Faltaría máis. Do mesmo xeito que acontece en calquera sistema cultural do mundo.
Logo cal é a diferenza? Pois unha non menor: o conflito lingüístico existente neste país. Animamos a consumir libros, música, cinema ou teatro no noso idioma, porque --por mágoa-- a cultura en galego non é nin de lonxe masiva nin hexemónica, como resultado dun asoballamento cultural e lingüístico que teima en desprazar a lingua propia para a substituír polo castelán primeiro, e agora tamén polo inglés (basta observar os consumos trending entre a xente moza).
É por iso, que diante da desertización que o españolismo promoveu historicamente e que mantén imparábel, o feito de que abrollen proxectos que adopten como lingua o galego é un valor en si propio. Non, non fai que a película sexa boa ou mala. Non determina a cualidade literaria dun libro. Non logrará que un goste dun estilo musica que detesta. Mais, con certeza, supón sempre un paso xigantesco rumo a normalización (no seu senso máis etimolóxico) do galego, avantando cara o momento no que poidamos vivir plenamente no noso idioma. Nada menos!
O problema do galego non é resultado da libre vontade dos e das galegas (como apuntei hai tempo nunha palestra). É consecuencia dun proceso histórico e político. É un problema colectivo. Incidir no seu contexto, alargando a oferta de produtos no noso idioma, axudar a dalos a coñecer e promover o seu consumo é indispensábel para facer posíbel a súa escolla polo público.
Non é patrioterismo endogámico, como insinúa o autor. É máis un xeito de practicarmos o noso compromiso coa causa normalizadora.

Ningún comentario:

Publicar un comentario