por Félix Soria en Galicia Confidencial:
Veño de ler o conto da inmersión de nenos na língua de Shakerpeare. Non teño nada na contra de aprender idiomas, ao contrario. A vida ensinoume que coñecer idiomas sempre é bo e ás veces, necesario. Pero o empeño da Administración galega en somerxer a uns centos de nenos no inglés e a insistente publicidade que o Goberno e os medios “de orde” outorgan á iniciativa abunda na mensaxe de sempre. Non fai falla repetila. Entrementres e non por causalidade, o idioma galego está a piques de deslizarse por unha pendente rodeada de muros da que dificilmente poderá saír.
Os que desprezan a lingua e máis os que na súa ignorancia o consideran inservible xa están a celebrar o trunfo da tese dos “bilingües”: o galego sobra porque non serve como vehículo de comunicación na economía globalizada, nin tampouco para a aprendizaxe e a aplicación de coñecementos técnicos e científicos que “nós non temos”, din… A cachola non lles da para máis.
Máis alá da comunicación
Os que defendemos a necesidade de manter vivo o galego estamos a un paso da derrota e chegados a este punto é absurdo negar que todos, sen excepcións, temos unha cota de responsabilidade na perda dun ben que vai máis alá de cubrir as necesidades de comunicación.
Non só estase a perder a lingua, tamén se están a esvaer unha forma de entender a vida e de comprender a fauna e a flora, os alimentos e as ferramentas, todo aquilo que forma parte da cotianidade. Pensar e expresarse nun idioma xera unha forma de relacionarse co mundo e un xeito de sociabilidade.
Ao integrarnos en Galicia, os que nos criamos e formamos noutras sociedades percibimos esas diferenzas con maior claridade que os propios galegos. Outro tanto aconteceulles aos nacidos galegos que emigraron, eles tamén comprobaron as diferenzas e son máis conscientes de que Galicia é un mundo e unha forma de ser.
Nin mellor, nin peor. Distinto
Non é un fracaso político, é moito máis grave.
Todo iso e máis estase a perder ao mesmo ritmo que se perde a lingua.
Non é un fracaso político, é un fracaso cultural, antropolóxico e polo tanto, máis grave porque afecta ao “instinto” das persoas e aos comportamentos colectivos.
É falso que o autodesprezo do que tantas veces se fala e escribe precedese ao declive do galego. Ao contrario, ese depurado autoabandono é vello, chegou de alén de Pedrafita e foi aproveitado por xente de casa cunha finalidade moi concreta.
Houbo un tempo en que se conseguiu frear esa deterioración. Pero chegaron tempos negros para a culturae para o país. Esa liña quebrada prolongouse varios séculos e a partir de 1976 abriuse outro período de recuperación, ou debería terse aberto.
Os feitos indican que temos fracasado, todos; tanto as entidades, partidos e persoas que se declaran nacionalistas coma os que non somos ideolóxicamente nacionalistas pero amamos as culturas. Non soubemos poñer en valor a complexa rede de bens intanxibles, mesmo de actitudes e sentimentos que se sosteñen en boa medida grazas ao idioma.
O esquecido valor da dúbida
Nunca me fixo sorrir o retrouso nin os chistes do galego que non sobe nin baixa. O famoso "depende". Os que desexamos manter viva a cultura galega nin sequera soubemos dar a volta a esa burda imaxe e impoñer o outro significado que subxace nesa actitude: a dúbida, a natural e ancestral propensión galega a non dar nada por certo, a cuestionar os dogmas, repensar as cousas, cuestionar ao outro e só cando está xustificado, corrixir.
Non ser de formación galega e ter vivido noutras sociedades permitiume comprobar que despois do "depende", despois de pensar e repensar, o galego común é máis constante nas súas convicións e actitudes que outras xentes.
Non é mellor, nin peor. É diferente
Na miña opinión, aí radica o esencial do noso fracaso. Non soubemos remarcar coa intensidade e habilidade abondo os significados esenciais e máis positivos da cultura, da forma de ser, da forma de entender e de expresarse dos galegos. Esas cousas están moi por enriba da política porque tocan terra, carne e sangue, formas de producir e economía, querencias e renuencias, sentimentos e razoamentos.
Só queda unha saída
Están a punto de gañar a partida os que derrotaron aos irmadiños e os que en Galicia só vían bos alimentos, madeira, minerais, poderío hidrográfico, etcétera e man de obra barata!O traballo de alienación foi longo, tivo altibaixos, pero a Galicia sen Galicia está a piques de dar o paso máis importante: empurrar o galego pola pendente.
Coido que só queda unha opción, que será difícil de tramitar porque o sentido de colectividade está practicamente esnquizado: toca saír das capelas, sexan políticas, estéticas, de clase ou lingüísticas. Urxe crear unha fronte, unha só!; un xeito de ProLingua que abrace a todos, algo que leve polo camiño da eficacia que tivo o Puntogal.
Ou somos un, ou o galego caerá pola pendente. E non só a lingua.
Apresentar como un éxito que un ou dous milleiros de xóvenes con títulos profesionais o universitarios falen inglés e que o 95 % deles marchen traballar lonxe de Galicia —como xa está ocurrir— é un exercizo de hipocresía política.
A quen queren enganar?
Ningún comentario:
Publicar un comentario