Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 4 de novembro de 2014

A lingua estándar

por Helena Villar Janeiro, en El Correo Gallego:


A MAIORÍA dos falantes de Galicia expresábanse nos seus dialectos e nas súas variantes. Eran analfabetos na lingua que falaban, por incapaces de lela e escribila. É doado rastrear as fontes das súas aprendizaxes máis formais, pois cambian de idioma en contextos non habituais, por exemplo, para repasar unha conta. "Tres por siete veintuno y me llevo dos". Aínda hoxe, sábese en que lingua están alfabetizando un escolar pedíndolle que conte os dedos da man. Son aprendizaxes enraízadas nunha poboación que non adoitaba usar a súa fala con quen consideraba máis culto e facíao nunha lingua estándar allea á súa vida, que aprendía na escola, nas igrexas e nos escasos medios de comunicación que tiña ao seu alcance. Crían parecer máis lidos e importantes cando utilizaban unha lingua distinta á que falaban coa súa xente, coa súa veciñanza e na maioría do seu trato cos que lles eran iguais.

Acontecía, pois, que trataban de transmitirlle á prole aquela lingua allea, ás veces mal aprendida, por considerar que se falaba igual en todas partes, que estaba nos libros, que lla ían esixir na escola e que lle permitiría mellorar de estatus social. A situación dos pais que falan cos fillos nunha lingua allea a eles era vista con total normalidade pola xente. O galego era a "lingua proletaria do meu pobo" (Celso Emilio Ferreiro), que non se falaba igual no Ribeiro que en Camariñas, á que lle había que superpoñer outro estándar para dar a talla de cidadán preparado. O gaiteiro de Lugo –repertorio popular galego por excelencia– traía nunha copliña crítica con tal situación: "Hai quen non vale un pitillo/ nin sementa un gran de millo/ nin ha de heredar un rego/ e dálle azoutes ó fillo/ pra que non fale galego".
Pero hoxe o galego posúe xa a variedade estándar, que é o nivel culto que os falantes dunha lingua abandonada á súa sorte precisaban buscar noutra. Ese é o galego no que se imparten as clases, se dictan as conferencias, se escribe na prensa e se utiliza –se hai vontade de facelo– en calquera institución. Esta lingua supera os dialectos orais, que foi a maneira de falar de sempre. E todos os rexistros dun idioma son compatibles. Os cántabros non falan como os andaluces, mais os xornais publicados en ambas comunidades escribiranse igual. Porque iso é o que pasa con todas as linguas do mundo cando conviven en normalidade cos seus falantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario