Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 26 de novembro de 2014

Bícame, son galego

por Rodri Suárez no Sermos Galiza:


Foi despois dun concerto en Andalucía de Transportes Hernández & Sanjurjo, a alianza minimalista entre o cantante de Siniestro e o acordeonista dos Diplomáticos. Unha das persoas presentes estabeleceu contacto cos artistas -“asíname isto e o outro” e todas esas cousas- e durante a pequena conversa dixo: “Siniestro Total son moi grandes, é unha mágoa que canten en galego”. Mimá. No entanto, a frase contén gran información. Por exemplo sobre a capacidade do grupo vigués para crear un universo propio que pode provocar que un sevillano pense que cantan en galego cando a súa obra é moi maioritariamente en castelán. Ou sobre a constatación de que existe unha sensibilidade -por desgraza ben estendida polo Estado- segundo a cal todo idioma que non sexa o español convértese nunha eiva. En todo caso, Siniestro si ten cancións na lingua propia de Galiza. Unha delas, malia o título en castelán, chámase Bésame, soy gallego.

Existen múltiples camisetas ou lemas que utilizan ese reclamo do “bícame” como orde -bastante chunga, todo hai que dicilo- partindo dunha orixe concreta. Segundo Google, todo procede dunha moderna costume da irlandesa xolda de San Patricio (kiss me, i'm irish). Nin idea. Pero si sei que non resulta complicado atopar bastante xente que utiliza o que simplemente supón unha característica circunstancial para convertela nunha fonte de dereitos individuais (os colectivos son outra cousa). Explícome. Eu non quero que ninguén me bique ou me folle enteiro porque son da Coruña. E por iso tampouco pido que me lean ou me atendan no meu traballo como xornalista porque o faga en galego. Nunha reivindicaría iso case como unha esixencia.

A que vén todo este conto? Pois á reprodución nestes días dunha frase que agocha unha idea paralizante e acomplexada a pesar de que case todo o mundo que a pronuncia faino con boa vontade. Refírome a iso de “hai que apoiar e consumir cine en galego”; que anda na liña doutras como “hai que apoiar e consumir música en galego”; “hai que apoiar e consumir literatura en galego”; “hai que apoiar e consumir xornalismo en galego”, “hai que”, “hai que”. Pois non, non hai que. As ordes para os militares, a quen lle gusten. A min non.

Non, non falo do normativo apoio institucional, que está fóra de dúbida (cabe algún matiz, pero ese é outro tema). Non, falo de que se intente animar á xente marcándolle unha obriga patriótica que, en realidade, o que acaba producindo en demasiadas ocasións é a anulación da calidade do contido, que pasa a cuestión secundaria cando debería ser a principal, máis se falamos de Cultura, sexa iso o carallo que sexa. Non, eu non teño que ir a ningunha película que non me interesa o máis mínimo e de calidade canto menos cuestionable porque sexa en galego. Non, non estou obrigado a que o disco-pop ñoño que non me gusta en inglés teña que gustarme se é en galego. Non, que sexa en galego non me vai facer escoller un capítulo de Pratos Combinados antes que un de Frasier. Pagarei unha localidade para ver A Esmorga porque coñezo a grandiosa novela, porque ten boa pinta e porque xente da que me fío dime que paga a pena. Pero non por deber nacional.

Levo o exemplo a min mesmo. Valoren as miñas columnas ou reportaxes ou libro ou o que toque segundo o que lles parece. Se son magnánimos na crítica en función a que este xornalista pertence a esa minoría que apenas usou profesionalmente outro idioma que non sexa o galego nos últimos anos sentireime insultado. Porque ademais, se xa a elección lingüística asegura o público, para que preocuparse de facelo ben?
Neste país hai grandes cineastas, músicos (nos 90 o bravú fuxiu de calquera misión apostólica nese campo e limitouse a dicir que usaba o galego porque era o que eles falaban ou tiñan na casa, con normalidade, e xustamente así si foron quen de colocar o conflito riba da mesa nunha posición gañadora), escritores/as (e tamén xornalistas) que fan fantasticamente o seu. Por suposto que haberá que sacar o bate de béisbol se se lles marxina por usar o galego. E haberá que ir a saco contra o repugnante que renega e infravalora o propio por prexuízo. Pero pedirlle ao público trato de favor por cuestións idiomáticas é facer trampa. E auto-enganarse. Haberá que apoiar ou non as expresións en galego polos seus méritos, como todo. Só polo que valen, pola súa calidade ou por se prestan (logo os gustos xa son cousa de cada cu).

Porque coa escusa da galeguidade nos teñen metido moito tostón. E se teñen formado interesadas estruturas de comodidade que no fondo están a danar a difusión e o futuro da lingua. Por exemplo, algúns -diso falabamos hai uns días unhas xentes con bastante hábito de mercar determinado ensaio e narrativa- estamos reducindo a mínimos o consumo de libro en galego porque atopamos moitos máis estímulos nas novas editoriais en castelán. Así de triste. E a pesar do bo traballo de moit@s e un montón de iniciativas voluntaristas que van enchendo baleiros a base de esforzos e arroutos (niso sei do que me falo). En todo caso, de Cultura da Autonomía, dos conservadurismos culturais, de censuras por omisión e tal e pascual xa se falará outro día, e a ser posible alguén mellor do que poida facer eu.

Eu só digo que unha lingua galega que oferta máis esixencias e marróns que bos e plurais contidos non ten futuro. E sería imperdoable converter a un pobo con tanto talento nun soldado aburrido que cumpre ordes pouco atractivas mentres se vai deixando levar cara a morte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario