por Malores Villanueva, nas Voces de Prolingua:
O galego vende e vendería aínda máis se crésemos no seu valor desposuído dese medo intrínseco, dese discurso de trincheira, desas cancións de derrota que sentimos entoar tantas veces, porque por moi baixiño que as cantaruxemos prenden nos oídos de quen nos rodea.
Hai un par de semanas tiven a sorte de asistir en Vigo á obra de teatro infantil Os tres porquiños, de Educateatro Producións. Dende o día anterior penduraran o cartel de “Entradas esgotadas”. A cidade olívica non parece o lugar máis propicio para este éxito do teatro galego, se atendemos ás enquisas que nos din que a poboación galegofalante perde peso e que entre os máis cativos a situación é alarmante. E é certo, pero nesa cidade foi onde un domingo calquera de outono 1.800 persoas entoaron cancións en galego e seguiron o conto clásico narrado na lingua do país.Algún dos derrotistas, hai moitos neste país, pensará que de balde a xente acode a calquera lugar e se hai comida aínda máis, son frases que se repiten unha e outra vez para xustificar os éxitos e non atribuílos ó produto, senón á casuística pintoresca. Neste caso haberá que buscar outras razóns, pois as entradas tiñan un prezo único de seis euros que cos gastos de xestións sumaba aínda un euro a maiores. Á saída da función ó pé de duascentas familias mercaron o libro CD co conto, coas cancións e con diversas actividades lúdicas e educativas, unha cifra que non desprezarían as grandes editoras galegas.O galego vende, e por iso esta fin de semana as salas de cine estaban cheas con motivo da estrea da película dirixida por Ignacio Vilar, A Esmorga, baseada na gran novela de Eduardo Blanco Amor. Esta cinta, en galego, logrou con 35 copias ser a segunda mellor recadación media por cine de toda España, polo que, segundo os entendidos, só nesta fin de semana pode facturar 100.000 euros.Sen dúbida non son casos illados e teñen en común o bo facer e unha incrible campaña de publicidade que é o que tanta falta lle fai á nosa lingua, tan necesitada de visibilizar discursos en positivo, de mostrar unha lingua que triunfa e, o máis importante, na que se pode triunfar. Non podemos descansar no traballar diario polos nosos dereitos, por reverter situacións inxustas, por conseguir que a lingua propia sexa unha lingua de máximos; pero seguro que gañaremos máis apoios se o sorriso cambia de bando, parafraseando a un líder político que tamén sabe moito de marketing.
Ningún comentario:
Publicar un comentario