Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 22 de novembro de 2014

Gamma 13

Desde que se presentou a finais de setembro tiven a intención de escribir unha referencia ao número 13 de  Gamma, a revista da Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA).
Por primeira vez esta revista publícase dixitalmente e sen restricción de acceso aos seus contidos. Un acerto desde o meu punto de vista pois é unha excelente oportunidade de achegar aos non profesionais do ensino das matemáticas os traballos e intereses destes.

Artigos
Seguro que a moitos lles sorprenderá que o primeiro dos artigos comence cunha referencia a Uxío Novoneyra.  Tamén teño a certeza de que será un artigo do que calquera persoa allea ás matemáticas pode gozar.
Moi distinto é o que repasa algunhas das aportacións de Euler á teoría de números. O seu autor foi profesor meu de matemáticas e nas súas liñas podo achar o que para min é o seu inconfundible estilo, cargado dunha beleza precisa e núa. Posiblemente o único artigo que non recomendaría a quen non teña ansia polas materia.
Hai tamén un artigo adicado ao xogo do Mancala, que eu descubrira naquelas revistas Cacumen, outro sobre os números nos billetes, no NIF, no IBAN e nos códigos de barras, un máis que relata unha experiencia educativa dentro do marco e-Twining e para rematar unha oferta ben diversa, o cuarto e último capítulo dun dicionario de matemática escolar.

Seccións
O apartado PRENSAndo as matemáticas recolle noticias de prensa desde unha mirada matemática.
blogosfera matemática achéganos unha lista de 37 blogues con referencias matemáticas, 8 deles en galego, toda unha heroicidade.
No apartado audiovisual ofrécenos unha recompilación de momentos da serie de debuxos Os Simpsons con cortes matemáticos.
A arte do origami vén cun relato que nos leva a construir unha rá saltarina.

Actividades
Na caixa das actividades atopamos unha serie de concursos (Olimpíada, Rebumbio), encontros (Feira, Seminario federal, xornadas) e congresos que dan boa medida do interese do profesorado de matemáticas pola mellora profesional e o achegamento deste tantas veces deostado saber ao resto da poboación, especialmente ao alumnado.
Unha das achegas "Léxico matemático galego en Secundaria" fai referencia a unhas xornadas celebradas hai case un ano na Facultade de Matemáticas na que se fixo unha primeira aproximación ao estado da cuestión.

4 comentarios:

  1. Non sabía que o Moreno Castillo fora profesor teu, en realidade pensaba que sempre traballara en Madrid. Mira ti.
    Sobre a blogosfera, xa sabes o que penso, é triste que moitos dos blogues se manteñan en estado latente...
    Sobre a Gamma, pareceume moi bo o nivel, e o artigo de Manuel foi o que máis me prestou.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A miña idea ao escribir isto é divulgar a revista e os seus contidos a xente de fóra do ámbito das matemáticas.
      Ricardo Moreno estivo moitos anos en Ribeira, incluso fóra director do instituto. A min dérame clase un par de anos. Eu disfrutaba nas súas clases. Despois estivo no Rosalía, en Santiago.
      É unha mágoa que algún outro blogue de xente de aquí o publiquen en castelán, quen así o fai é porque renega do compromiso co próximo... unha mágoa, deberían pensalo mellor.
      Artigos coma o de M. Vilariño, cargado profundamente de divulgación, serían o ideal para o achegamento da sociedade ás matemáticas.

      Eliminar
  2. Grazas compañeiros polo que me toca e parabéns polo voso traballo, tan constante e brillante. Terra, Lingua e Mates!

    ResponderEliminar