Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 22 de novembro de 2014

A esmorga, un salto de xigante

por Francisco Rodríguez no Sermos Galiza:


Necesitamos falar de nós, construírmos unha imaxe, tamén cinematográfica, do noso mundo, o mundo galego, un anaco de humanidade con dereito a expresarse en plenitude. Desta necesidade proveñen os mellores logros artísticos cos que temos contribuído como pobo no campo da literatura, por exemplo. A esmorga de Blanco Amor, publicada en 1959 pola editorial Citania de Buenos Aires, é un deses logros, significativo por moitas razóns. Gustaría de subliñar un dos seus aspectos centrais, a forza motriz que a orixinou. Ten moito a ver co noso papel pasado e actual como pobo, coa emigración como fuxida e coa reintegración real ou soñada desde a distancia. Tamén co tipo de sociedade que somos: unha sociedade implícita e explicitamente opresiva, sometida a fortes doses de violencia. E como non, como todo pobo negado ou desprezado, moi necesitados de cronistas que, desde dentro, sexan quen de facer aboiar a nosa verdadeira historia, aquela que as crónicas oficiais ignoran ou desprezan a mantenta.

Quero dicir que Blanco Amor escribiu A esmorga como un exercicio de simbiose entre a súa conciencia da opresiva violencia padecida polas clases populares galegas, o medo perante ela, que o incitou á fuxida a entón modernidade cosmopolita de alén mar, como saída e, ao cabo, a asunción da necesidade de regreso ao país para non ser un desterrado, sen integración tampouco fóra. Non é este o noso drama colectivo? A esmorga é o produto dunha catarse persoal, unha preparación para a volta á patria, asumíndoa na súa dureza colonial. Dicía Xosé Luís Gavilanes Laso (Grial, nº 69, 1980): “…o leitor experimenta a sensación perdurable de que quenes representan o poder exérceno en calidade de achegados frente a indefensos indíxenas, nunha especie de sometimento colonial”. E tiña razón, por máis que se intentase reducir, no momento da súa edición na Galiza (Galaxia, 1970) a mera arte de entretemento e xogo, troula retranqueira, ledicia, humor….picaresca.
Por desgraza, non casual nun contexto como o noso, A esmorga, na versión en español do propio autor, La Parranda (Júcar, 1973) acabou sendo adaptada ao cine baixo a dirección de Gonzalo Suárez en 1977. As limitacións obxectivas da nosa realidade cultural e social, as miserias económicas que padecía Blanco Amor, as súas contradicións persoais, reforzadas polos factores devanditos, axudan a explicar o feito. Porén, Eloi Lozano, cineasta galego entón mozo, adaptara A esmorga nun guión que contaba co placet de Blanco Amor. Lamentabelmente, cando quixo formalizar o trato, Eduardo xa vendera os dereitos de adaptación ao cinema a uns laranxeiros valencianos. Así foi como acabou por realizar o filme Gonzalo Suárez. Durante a rodaxe en Asturias, Blanco Amor xa exteriorizaba o seu desacordo, a súa insatisfacción. Consideraba “trangalleiros” a uns artífices cinematográficos que nin o tomaban en consideración. Era consciente de que o espírito, a intención, d´A esmorga só podía ser reflectido por coñecedores da nosa sociedade. Aquela adaptación cinematográfica comezou por desconsiderar tanto a atmosfera empírica como a económico-social e psicolóxico-cultural da novela. Ficou malamente coa anécdota. O filme acabou sendo unha traxedia estraña...

Afortunadamente, agora temos a proba da diferenza. En certa maneira, cúmprese un soño de Blanco Amor, expresado após o fiasco de La Parranda española: unha adaptación cinematográfica d´A esmorga cun guión en galego que respecta o seu espírito e a súa intencionalidade, rodada na Galiza, coa equipa técnica e artística do país. O seu director e produtor é Ignacio Vilar, un home empeñado en demostrar que pode haber unha industria cinematográfica galega, filmes orixinais na nosa lingua, imaxe de nós, fundamentados na nosa base cultural, na nosa historia , na nosa realidade, e por iso con potencialidade para saíren ao exterior. O empeño aspira, primeiro, á conquista da sociedade propia, na potenciación do mercado interior. Nada pode triunfar de verdade fóra, se non é asumido masivamente dentro. Un cinema galego só é posíbel co compromiso e a vontade da propia sociedade. Os precedentes eran esperanzadores. Ignacio Vilar tivo sempre clara a función social e cultural da imaxe, como elemento chave para dotarnos de conciencia sobre nós propios. Os seus dous últimos filmes, con virtudes (Pradolongo) e defectos (Vilamor), tiñan a pegada do amor polo país, unha intencionalidade didáctica positiva. Foron, ademais, experiencias incisivas na procura de públicos, na conquista de espectadores, no compromiso da participación popular para o lanzamento publicitario. E con resultados. A Esmorga é un salto cualitativo no seu cinema e no cinema galego en xeral. Desde todos os puntos de vista: técnico, artístico, económico, publicitario…É de esperar que o sexa tamén do punto de vista do impacto social, dos espectadores que acudan ás salas de cine espalladas por todas as cidades e vilas do país. En todas elas estréase hoxe, 21 de novembro de 2014, marcando un fito tamén na recuperación territorial do cinema da man dunha fita orixinal galega.
A esmorga cinematográfica, como toda adaptación dunha novela, moito máis se é de envergadura, é unha escolla, unha visión. Porén, podemos dicir que a opción escollida respecta o sentido, a intención básica, do texto literario. Están todos os espazos simbólicos do percorrido, aparecen os personaxes principais e os secundarios, a súa caracterización e a súa función, transmítese o ambiente meteorolóxico, o psico-social , o ideolóxico e o moral. E, poderosa novidade –un dos maiores valores do filme-, a imaxe dunha natureza impresionante e dun patrimonio histórico asombroso, que a cámara recrea coa habelencia da maior apertura de mirada e a sabia incardinación dos seres humanos neles, formando unha unidade visual sorprendente. Vemos un país exuberante, rico, á vez que decadente, vello e desestruturado, fragmentado socialmente. Tendo presente o descoñecemento da Galiza polos propios galegos, moitos espectadores, en especial mozos, ficarán sorprendidos coa atmosfera natural, patrimonial, do filme, coa súa forza expresiva, como elemento complementario decisivo, que dá cobertura e coherencia ambiental á historia que se desenvolve perante os seus ollos.

A esmorga cinematográfica demostra moita capacidade técnica e artística, moito empeño e convicción por unha causa, a de contarmos con cinema galego
Máis concretamente, a opción do director foi privilexiar o aspecto lineal da narrativa, o climax in crescendo para chegar á traxedia final, o ambiente dos espazos en que se desenvolve, a caracterización dos personaxes, a partir das súas relacións entre eles e coa sociedade. Ademais, desenvolveu un aspecto que na novela é marxinal ou está máis relativizado, o da natureza, o do medio rural, que parece cercar con persistencia a imaxe de rueiros, calexas e prazas, e espazos interiores –cafés, prostíbulo, pazos, igrexa…-, converténdose en parte fundamental do percorrido de 24 horas. De feito, a parte final, a traxedia inexorábel, está enfiada en paralelo cun río desbordado, o Arenteiro, nun medio natural de bosque autóctono, con moitas pegadas de humanización. A expresión do rostro do Castizo, co caudaloso río ao fondo, é un primeiro plano antolóxico. Expresa unha mestura de impotencia, indefensión, tristura e pánico, perante a implacábel persecución a que se ve sometido pola garda civil, como único supervivente, e a imposibilidade de fuxida, cercado entre a represión do poder e o abafante poder da natureza, a dun río desbordado. Con esta imaxe para a lembranza acaba o filme. A seguir, as palabras con fondo negro, do autor-narrador, para daren conta de cal foi tamén o final do Castizo, literalmente reproducidas da novela.
Após o devandito, quen lese A esmorga xa intúe que o filme optou por non romper o fío narrativo, a historia tal e como foi vivida, contada polo Castizo, como se for presente, antes que vela nunha retrospectiva que a marcase, rompese, visualmente, cinematograficamente, con personaxes, institucións ou espazos, alleos a ela, malia a determinaren ou condicionaren, por representaren aspectos fundamentais da opresión e represión que se exerce sobre a sociedade galega. O recurso a esta dualidade da novela, a esta estrutura complexa, é moi lene, moi suave (a escena inicial, a simple voz do Castizo dirixíndose ao xuíz, as palabras finais escritas do autor-narrador…) , tanto que non teño claro que os espectadores, que non lesen A esmorga, se vaian decatar plenamente dela, do seu significado. De non decatárense, hai máis posibilidades de que interpreten o visto como unha traxedia fatídica, ou como a historia, dura iso si, duns esmorgantes marxinais, sen maior simbolismo. Certamente, de intentar recoller cinematograficamente a complexidade estrutural da novela, as posibilidades de non lograr a coherencia visual e narrativa que o filme ten, serían maiores. Parece como se o esforzo, enorme, posto ao servizo de cómo contar o sucedido, desbotase maiores filigranas. Sen ir máis lonxe, o plano secuencia final que remata nas minas de Touro, un monte de inmundicia, onde malvive a pobre Socorrito, demostra a experimentación que se fixo para seguir aos actores, eles tamén sabedores de que estaban sendo acompañados, e polo tanto determinando, a forma de contar o que vivían. Porque, como bo cinema, A esmorga entra polos ollos, evidenciando unha liberdade da cámara, á vez que un servizo ao que os personaxes fan, que resulta unha combinatoria orixinal, rechamante.

Por último, sabemos que a novela de Blanco Amor non se escribiu para denunciar a opresión do franquismo. Foi redixida en Buenos Aires despois de 1954, como exercicio de preparación para un posíbel e cada vez máis desexado regreso ao país. Naturalmente, ambientouna na sociedade finisecular, a transición entre o XIX e o XX, a etapa da Restauración, en parte a Galiza por el vivida antes de se ir con 19 anos. Unha Galiza, que tiña, e ten, poderosos resortes de opresión e violencia sobre si mesma, de dominio. Esta adaptación cinematográfica ambiéntase no franquismo, anos cincuenta, se ben é certo que as referencias verbais son escasas. Sería mágoa que se puidese pensar que a atmosfera social que transmite e o que a traxedia evidencia sexan características da etapa franquista. A intención de Blanco Amor tiña maior calado. A adaptación fílmica, afortunadamente, tamén. Mesmo estou por asegurar que, aquí, e aínda máis fóra, van ver no filme a expresión, á marxe da súa ambientación, dunha modernidade caracterizada pola impotencia, violencia, brutalidade e desgarro a que están sometidos moitos sectores sociais, nun contexto no que todo xoga en contra dunha posíbel integración económica e social, incluída a problemática dunha sexualidade heterodoxa.

Espero que, após estas cavilacións, teñades máis razóns para ver A esmorga con dilixencia e facendo campaña ao seu favor, con toda seguridade. Trátase de nós, da imaxe que necesitamos, da nosa existencia perante nós mesmos e perante o mundo. Significa avanzar camiño dunha sociedade con plenitude de dereitos. A esmorga cinematográfica é un salto espectacular que demostra moita capacidade técnica e artística, moito empeño e convicción por unha causa, a de contarmos con cinema galego. É de xustiza agradecer ese esforzo colectivo, que unha fita é, na persoa do seu director, Ignacio Vilar. Sen a súa perseveranza, entrega, convición e fortaleza de ánimo, sen a súa capacidade como director, sería inexplicábel. Tratándose dunha necesidade vital para Galiza, estou certo de que a sociedade galega consciente vai responder coa asistencia masiva aos cines onde se exhibe. Nas nosas mans está, neste como en tantos outros campos, facernos cargo de nós mesmos e do noso futuro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario