A tese de doutoramento do filólogo Miguel Moreira Barbeito (Narón), que dirixiu a escritora e profesora Teresa Moure, converteuse nun libro que leva por título Contra a morte das linguas. O caso galego (Xerais) e que será presentado esta tarde na librería Brañas Verdes de Carballo (19 horas). O autor estará acompañado por Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e Paco Souto, representante da plataforma Queremos Galego en Bergantiños.-¿Como definiría a situación actual do galego?-Está a pasar por un contexto crítico, de alto perigo e o futuro, coa progresión actual, é desolador ata o punto de que hai moitos indicadores que afirman que non chegaría ao próximo século. Máis, eu descarto os argumentos catastrofistas, considéroos propios doutros momentos históricos e que non axudaron a reverter a situación da lingua. Considero que temos ferramentas abondas para cambiala. Unha delas, que considero fundamental, é o desenvolvemento de políticas que sexan favorables á lingua propia, mais con isto só non abonda. O paso que compre dar é a concienciación do conxunto de falantes da lingua; mentres estes non tomen conciencia do seu papel esta non terá futuro.-¿Que ten máis peso neste proceso: a escola ou o fogar?-O ideal é que sexan coincidentes. A escola é un axente normalizador fundamental, é unha forma de chegar a toda a poboación a unha idade temperá para garantirlle a capacidade lingüística mínima e desexable para todo falante na lingua propia de onde vive. No caso de Galicia, o galego é a lingua propia do noso país, tal como recoñece o Estatuto de Autonomía, e sentido que a educación non capacite a todo o alumnado nesa competencia mínima, porque é o que se fai en todos os países. Isto debería vir acompañado ademais dunha actitude consciente por parte das nais e dos pais para acompañar esta consecución dun dereito que se focaliza no ensino, mais que ten que vir acompañado por un traballo diario na casa, por transformar o galego na lingua de uso normal, non só nunha ferramenta de traballo na escola.-¿Segue a existir unha concepción negativa do galego por parte dalgúns falantes?-Si, claro que si, hai un autoodio, un sentimento de inferioridade que viu imposto desde fóra, que callou moi ben e foi asumido perfectamente pola poboación galega, e que fai que reneguemos do propio. Ademais, a escola traballa moitas veces como un axente normalizador, pero non do galego, senón do español e mesmo hai alumnos que aínda que se fale galego no seu entorno e no centro de ensino, ao rematar e educación obrigatoria saen falando español. Aí é onde se vén as consecuencias perniciosas dos decretos e as leis contrarias ao galego que promulga a Administración na actualidade.-¿Hai moitos casos como o do galego noutras partes do mundo?-Desafortunadamente, hai milleiros de linguas que se atopan na mesma realidade, porque en contra do que puideramos pensar en Occidente, a realidade de linguas como o español, o inglés, o francés ou italiano, non é a máis común, todo o contrario. A situación de linguas con máis dun millón de falantes e estabilidade é minoritaria. A inmensa maioría atópanse nunha situación de conflito e non teñen garantido o seu futuro; hai moitas linguas que están como o galego, nunha situación de alto risco e que no teñen garantida a súa chegada ao próximo século. Só fan falla tres xeracións para facer desaparecer unha lingua, de avós ou avoas a netos ou netas: chega unha lingua foránea que comeza a impoñerse sobre unha poboación monolingüe; na segunda xeración xa non son bilingües, e na terceira pasan a ser monolingües na foránea e a propia está perdida.-Pero, con todo, é optimista.-Si, porque eu estou convencido de que a solución pasa por nós, que no día a día podemos decidir se falamos a lingua propia ou non. A cuestión é chegar á xente, a esas persoas que ignoran a lingua que o poder lles roubou porque non son conscientes de que lla furtaron e están instalados no español e asimilan o cambio como natural.-¿Pode ser contraproducente nesa loita as polémicas sobre as variantes territoriais ou o reintegracionismo?-Son dous asuntos completamente diferentes. Por unha banda, en canto ás diferenzas dialectais, que eu respecto absolutamente, coido que nunha situación de perigo como a do galego resulta absolutamente necesario contarmos cunha estándar único e unitario, cunha lingua de referencia que sirva como guía para poder subsistir. Obviamente temos que recoñecer as diferenzas e asumilas como propias, pero non enfatizalas, senón tratar de aunar esforzos para traballar todos na mesma dirección. En canto á cuestión do reintegracionismo, trátase dunha liña de defensa da nosa lingua que traballa nunha dirección diferente á que defende o oficialismo, por iso eu o considero un compañeiro no camiño, na loita contra a desaparición da lingua. Estamos nunha sociedade viva e como tal non hai un ambiente homoxéneo e monocorde. Eu aplaudo o traballo do reintegracionismo qué e moi duro e sen ningún tipo de recoñecemento oficial.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
domingo, 16 de novembro de 2014
Moreira Barbeito: "Hai que chegar aos que o poder lles roubou a lingua"
Entrevista a Miguel Moreira Barbeito en La Voz:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario