Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 17 de novembro de 2014

O idioma da casta

por Miguel Anxo Abraira, no Sermos Galiza:


Ao xantar soemos comentar en familia como nos foi a mañá. Sobre todo Artur e Xoana na escola. Xoana, a nena que está deixando de ser nena, empezou este ano o instituto e polo tanto ten varios mestres e comentou sobre eles. O de Ciencias da Natureza sei que lles fala en castelán e mesmo ten a habilidade de traducir o libro do galego ao castelán con gran soltura. Sei que lle falta a "soltura" (non quero ser faltón) á hora de dar a sinatura en galego que é o que corresponde. Pola tarde fomos mercar libros, cadernos, gomas de borrar e tamén unha axenda escolar. Dentro do apartado das axendas estaban as feitas en lingua española e as feitas en inglés; por supostos non había nin unha soia axenda en galego.

Sen dúbida foi un día dos que dan ganas de botarse ao monte.
“Estás bébeda, Sue Ellen”. A suposta frase mítica da dobraxe ao galego da serie Dallas queda moi lonxe no tempo ao igual que lonxe queda a dúbida da utilidade do galego como idioma de comunicación para a escrita, prensa e audiovisual. A sociedade galega ten evolucionado desde o escepticismo da validez do noso idioma cara unha aceptación do uso normalizado do galego como idioma múltiple de comunicación sendo, hoxe, comprendido na escrita polo 100% da cidadanía de Galiza incluíndo as persoas de avanzada idade que apenas foron escolarizadas. Só as persoas que practican a galegofobia ou o desprezo ás clases populares argumentan, con mentiras, a súa incomprensión. O máis salientable desta situación é que hoxe por hoxe os posicionamentos políticos a respecto do idioma seguen sendo os mesmos que nos primeiros anos do inicio do seu uso como idioma cooficial pese a que é claramente perceptible o perigo de desaparición que corre o mesmo. Outro tanto temos que dicir do mundo empresarial tanto na empresa grande, media ou pequena. Agás excepcións contadas, moitas veces de empresas de fora de Galiza, o galego é usado como unha artimaña publicitaria para facer chamamentos á compra en base a galeguidade da empresa. O famoso “vivamos como galegos” nada ten que ver co uso interno do noso idioma pola coñecida empresa de supermercados e mesmo temos que admitir que a súa directa competidora (empresa de fora de Galiza) emprega o galego dun xeito máis normalizado nas súas marcas brancas, comunicacións internas e publicidade escrita. No mundo xudicial a situación inda é peor pois non só se negua a existencia do galego nas actas, comunicacións e sentencias senón que mesmo se seguen facendo chamamentos por parte de xuíces para que as declaracións orais e escritas sexan en língua española. No mundo da banca, organismos como os rexistros da propiedade e mercantil, notarios, ... a situación é igual de marxinal no seu uso.
Levamos case 30 anos co conto do bilingüismo e da cooficialidade e por moito que se empeñen os que din que algúns andamos a impoñer o galego o evidente - así o reflexan os estudos- é que cada vez somos menos os galegos e galegas falantes; trinta anos coas mesmas posturas políticas que fan que o galego tenda a desaparecer deixan ver as claras que a axenda oculta do PP-PSOE (parece que PODEMOS vai levar o mesmo ou peor camiño) é a inserción paulatina da cidadanía galega no español como único idioma de comunicación.
O galego é a máis importante obra cultural colectiva do pobo galego e forma parte do noso patrimonio colectivo sen distinción se se é ou non galego falante. É evidente que se o obxectivo é que o galego deixe de existir a finais deste século as políticas do bilingüismo harmónico son acertadas, se pola contra queremos conservar o noso idioma -sexamos ou non galego falantes-, urxe desmontar a mentira instalada na sociedade que consiste en confundir POÑER con IMPOÑER. O galego só seguirá existindo se os galegos e galegas asumimos que para que siga existindo é preciso POÑELO e deixar que se visualice sen artimañas bilingüistas por que o certo é que os medios de comunicación (radio, TV, xornais, cinema, etc) usan case en exclusiva o castelán ao igual que o fai o PODER económico, político, xudicial, eclesiástico, militar, policial,.... Sen dúbida, en Galiza, o castelán é o idioma da casta e o galego o idioma do pobo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario