Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 21 de novembro de 2014

Val de Xálima

por Xulio Pardo de Neyra na Praza Pública:


Tiven a gran sorte de traballar, durante máis dun lustro, na prestixiosa Universidade da Estremadura. E tiven a gran sorte, que tampouco a teñen moitas persoas, de vivir na cidade española de Cáceres. Cando me incorporei á vida ordinaria daquel pequeno núcleo, non ben comecei a comprobar a ledicia e o agarimo daquela comunidade humana, e o enorme afecto que me ían ter os e as compañeiras da Facultade na que ía desenvolver o meu traballo; observei que as cacereñas e os cacereños, castelán-falantes en boa lóxica, posuían un sotaque curioso, moi aproximado ao da próxima Andalucía, mais nada parecido ao da tamén próxima Castela á que se adoitaban aparentaren sentimentalmente. Con todo, e non curiosamente talvez, nas festas locais da cidade, polo padroeiro san Xurxo, case nada celebraban; agardando a chegada do mes de maio, moito máis benigno climatoloxicamente, cando realizaban unha rechamante “Feria de mayo” case copia literal da sevillana “Feria de abril”.

Socioloxicamente, polo tanto, o pobo de Cáceres ben pode resultar unha clara extensión do andaluz, onde tamén se proclama a validez dos símbolos españolistas, onde se apoloxiza unha cultura taurina e onde se rexeita, polo xeral violentamente, calquera ideoloxía que cheire a independentismo das nacións que se ven adscritas aos destinos do Reino da España que alá tanto se defende, mesmo até o punto de facer do por entón descoñecido escritor Alonso Guerrero, exmarido da actual raíña Letizia Ortiz Rocasolano, un conferenciante asiduo da Universidade estremeña; e mesmo até provocar unha campaña de rexeitamento dos produtos cataláns por parte, por caso, do Departamento de Arte e Ciencias do Territorio no que traballaba outro galego coma min que, segundo me manifestou, recibía correos electrónicos dun seu compañeiro coa fin de que se abstivese de mercar o que a industria da Catalunya ofrecía.
Mais ao lado dese Cáceres enchido de baiucas nas que cando eu pedía unha sidra me traían unha garrafiña de cava (non sei se catalán; mais champán non creo que fose), de bares carregados de símbolos españois e imaxes de touros e toureiros; ao pasear polas súas rúas un ou unha ben pode atopar persoas que van falando nun rexistro curioso fóra do sotaque estremeño, que pronuncian todos os sons á galega e que mesmo semella que falan propiamente en galego. Iso foi o que me aconteceu ao pouco de chegarmos e asentarmos en Cáceres, ao ir eu pola Avenida de la Virgen de la Montaña e observar como unha parella de mozos ía falando dun xeito diferente ao que se expresaban na miña Facultade. Calquera podería pensar que eran dous emigrantes máis, dous galegos que, como eu, tiveran de ir procurar o sustento fóra dunha casa que semellaba non dar para todos e todas, sobre todo para os e as desafectas ao amiguismo e a corrupción que disque reina en case todas as parcelas da vida do Estado Español. Mais non, non eran galegos.
O rexistro no que falaban non era totalmente idéntico ao dun de Lugo, ao dunha de Rianxo, ao dunha viguesa, unha canguesa ou unha ourensá; nin semellaba ser o galego que utiliza unha persoa d’A Fonsagrada, d’O Ribeiro ou, por exemplo, d’Os Ancares. Foi por iso como parei aquelas persoas e, en galego, pregunteilles de onde era que viñan. “Somos carecereños—dixeron—, somos do Val de Xálima”. E explicáronme que no que os e as españolas chaman provincia de Cáceres, cara ao norte, hai un val regado polo río Ellas que no que eles falaban, “a fala”, se chamaba Val de Xálima, olim Valle del Jálama, composto por tres “lugaris”: As Ellas, S. Martiño de Trevello e Valverdi du Fresnu, que en castelán disque son Eljas, S. Martín de Trevejo e Valverde del Fresno.
Despois souben que mesmo existía un movemento reivindicador daquela aparataxe lingüística, non tanto do territorio, e que mesmo formaba parte, ese falar, do espazo lingüístico galego, por máis que nas aulas da Facultade de Filoloxía da USC nada se dixese, polo menos no meu tempo de estudante. Mañego a de S. Martiño, lagarteiro a d’As Ellas, e valverdeiro a de Valverdi, son os nomes que segundo “os tres lugaris” recibe a variante tamén coñecida, mercé a certos estudos dialectolóxicos galegos, como “valego”, que é a variante galega falada no Val de Xálima estremeño. Claro que ese rótulo, o de “valego”, foille aplicado polos intereses dunha lingüística preocupada por explicar e/ou demostrar que todo o val é un reduto onde se fala unha variante idiomática dialectolóxica da Galiza, o cal é certo, mais onde os seus falantes e as súas falantes son galegos e galegas. Iso é o que aconteceu, malia que un promocionador da fala decidise aceptar unha corresponsalía da “Real Academia Galega”, cando un feixe de estudantes universitarios e universitarias se deixaron caer polo Val de Xálima para explicarlles, tal e como a min me sinalaron varios e varias xalimeses e xalimesas, que eran galegos e galegas.
Estes viaxeiros e viaxeiras son os que acreditan nunha inexistente, por non demostrada claro, repoboación galega medieval para esta zona hoxe cacereña, o cal ben podería levarnos a imaxinar a limpeza étnica dunha bisbarra poboada desde a Prehistoria na que, ao ser eliminado o factor humano propio, que é o responsábel dunha lingua, permitiu que se institucionalizase o galego como idioma natural. Nese sentido, e para vérmonos como as suposicións veñen por se faceren lei que seguirmos, é curioso como hai poucos días, un hostaleiro mañego dicía en Sermos Galiza que malia non existiren probas, “hai estudos que din que foi unha repoboación galega antes mesmo da independencia de Portugal”. Por suposto, habería que respondermos sobre de quen se independizou Portugal e estariamos a falar dunha “repoboación” anterior aos mediados do século XII, que é cando, seica en 1139, o conde Afonso Henriques foi aclamado internamente como primeiro monarca portugués, pois até 1179, o papado non recoñecería como rei o Afonso, outorgándolle así a necesaria validez de entón ao seu título e arelas territorialistas.
Hai tempo xa que a historiografía, mesmo española, abandonou as chuscas ideas dunha repoboación que se implicaba tras dunha reconquista inexistente; un asunto dun imaxinario nacional que pretende a propiedade inveterada de case toda, por non dicir toda, a Península Ibérica. E claro, o asunto repoboador tamén fica en suspenso… Daquela, malia que non coñezamos a carta foral daquel val hoxe español, se é que existe, o certo é que considero que o feito de que en Xálima se fale unha variante dialectal galega pouco ou nada ten a ver coa posíbel presenza de colonos e colonas galegas na redonda, persoas que en todo caso non deberon deixar trazo ningún no sistema apelativo familiar, nos apelidos logo, daqueles “tres lugaris”: non hai nin un só apelido galego nos libros rexistro parroquiais do val desde o Concilio de Trento, que é cando comezan a funcionaren, o cal asegura a falsidade do estremo repoboador, pois o feito de que desde o século XII ao XV non se mantivese algunha designación de familia deses e desas pretendidas colonas da Galiza, é algo revelador para botar terra sobre desa tese repoboadora. Xa que logo, non sería moito máis adecuado, a falta de calquera proba clara sobre dun posíbel e até o de agora indemostrábel traslado de persoas galegas (hai mesmo quen di da zona ourensá!) ao Val de Xálima sabe deus en que época ou século, considerarmos que no val falan o que en boa lóxica deben falar?
Sabido é que, como se recolle con firmeza na Crónica General de España por parte de frei Prudencio de Sandoval, seica en 1108, cando ao rei Afonso lle morre o fillo e herdeiro Sancho na batalla de Uclés—pouco antes, logo, de que seu curmán o Henriques decidise nomearse rei luso—; o monarca, no idioma galego en que se expresaba, di o Sandoval, laiouse deste modo: “ay meu fillo, ay meu fillo, alegría do meu coraçon et lume dos meus ollos, solaz da miña vellez […] Ay meu herdeiro mor; cabaleiros hu me lo leixastes? Dademe meu fillo condes?”. Deste modo, se o mesmo rei falaba en galego, como é lóxico ao ser monarca da Galiza, como non ían falar xa en galego os habitantes e as habitantes do Val de Xálima, mesmo as persoas que residían en calquera outro punto xeográfico do reino da Galiza? Ou é que por mor desa indemostrábel repoboación dun non moi numeroso grupo de homes e mulleres galegas no século XII se conseguiu que se implantase unha lingua estraña nun territorio onde era totalmente allea? Non sei, mais creo que o galego nunca chegou a se instituír como lingua xeral ou común en La Habana ou en Buenos Aires, moito menos na Cuba ou na República Argentina, onde a afluencia de galegos e galegas, durante os séculos XIX e XX foi máis que constante…
“A fala”, pois, ben podería representar ese primitivo estadio—ben que evoluído e coas lóxicas influencias nel dos rexistros lingüísticos despois desenvolvidos nas zonas limítrofes a Xálima: o castelán, o portugués e o leonés—da lingua que se falaba no reino da Galiza alá polos comezos do século XII, non ben moi afastado daquel romanzo primeiro vehículo idiomático derivado do latín implantado polas hostes romanas nos mesmos comezos da romanización da Península Ibérica, un medio de comunicación que habería se institucionalizar como lingua do que foi o primeiro reino católico do planeta, o daqueles suevos e suevas que organizaron a primeira chancelería monárquica na nómina do que máis tarde serían non poucas entidades territoriais europeas que falaban idiomas xurdidos así mesmo do vello latín do Imperio Romano ao que tanto lle debemos europeos e europeas. Esa é, ao meu xuízo, a verdade que se acolle tras do que hoxe falan os españois e as españolas que residen no Val de Xálima de Cáceres, orgullosos e orgullosas da súa realidade hispánica e orgullosos e orgullosas do seu rexistro lingüístico, certa e estreitamente aparentado coa lingua que, hoxe tamén, falamos os e as galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario