por Valentina Formoso, nas Voces de
Prolingua:
- Me o dás?
- Si, te o dou!!!
Pregúntome se os interlocutores da anterior conversa, de 4 e 7 anos, entrarán na seguinte enquisa do IGE como falantes de galego ou como bilingües. Estou barallando as diferentes opcións e non o dou visto claro. Vou expoñelas por se os e as lectoras que cheguen a este exercicio de sociolingüística de orella fosen quen de atopar a solución.Nun primeiro momento pensei que, na seguinte enquisa na que se analizasen datos de uso das linguas en Galicia, formarían parte dos falantes habituais de galego de menos de 16 anos. A razón: son dos poucos que en calquera localidade do país de máis de cinco mil habitantes tiveron como lingua inicial (materna, paterna e familiar) “só galego”. Seguen falando galego na casa, iso si, á forza de esixírenlle de cote os seus proxenitores que volvan á lingua que mamaron e na que falaban antes de entrar na escola. Daquela empregan o léxico galego nunhas estruturas que xa teñen interiorizadas da lingua de fóra da casa.Púxenme a cavilar nunha cuestión fundamental para a análise estatística: conseguir unha mostra significativa. E peor vin o tema, xa que considerando que nas aldeas é tan raro ver crianzas coma autobuses de liña, é de supoñer que o peso destas na mostra da seguinte enquisa (sexa aleatoria ou estratificada) vai ser practicamente nulo. Polo tanto, os protagonistas do diálogo van ser os “habituais” falantes de galego de mañá. Iso si, falantes de portas para dentro coa familia galegofalante, isto é “falantes na intimidade galegofalante”. De feito case poderiamos engadir este novo ítem no seguinte inquérito do IGE, da RAG ou de calquera outro organismo que se dedique a facer preguntas sobre cuestións lingüísticas.Pensándoo ben, máis ca engadiren, terían que substituír - en calquera pregunta feita sobre os menores de 16- a aquel “lingua habitual galego”. Este descritor –en aras dunha análise ben rigorosa- debería deixar paso a: “galego lingua habitual na intimidade” e mais a “galego lingua habitual estacional”. Aquí entrarían eses habitantes dun mundo rural que acabarán de extinguir cando se pechen as súas escolas, porque non sae á conta manter alí docentes, e recoloquen as e os discentes na vila ou cidade máis próxima. No seguinte inquérito, estes seres, perfectamente adaptables ao novo medio, xa terán uns usos que nada se parecen aos do seu nacemento e, cando volvan á aldea no verán, han conseguir aínda facer tradución á lingua vernácula e poderán dicir algo semellante á frase do comezo. E serán falantes habituais-estacionais ou habituais-vacacionais.Horas máis tarde de tal elucubración, decateime de que podía estar errada e que en realidade os interlocutores terían que, á forza, engrosar a porcentaxe dos bilingües. Ser bilingüe é a grande aspiración de todo cidadán de hoxe e do mañá. A nosa sociedade xa asumiu que o ideal é que os meniños e as meniñas falen dúas linguas desde o berce, mais… coidado! Unha desas linguas que non sexa a propia da terra, porque esa só se aprende impoñéndoa… e iso xa non se estila. A sociedade xa non está para imposicións lingüísticas, só quere formar cidadáns e cidadás que dominen dúas linguas… pero que teñan elas xa imperio e que haxa que axudarlles a asentalo.Os pícaros pronuncian “Six” e mais “Seven” antes de saber contar. As rapazas do parque alucinan co inglés tan raro que lle escoitan a algunha que chega nova dicindo frases do tipo “Escorreguei e batín o fociño diante desa poza pero a roupa téñoa enxoita”. Xa estamos na vía rápida cara ao verdadeiro bilingüismo! O de catro anos e a de sete dos que falaba arriba por agora terían que engrosar a estatística dos bilingües. Falan castelán (que non sabería se para eles agora é L1 ou L2) e mais “inglés de parque” (que comezou sendo L1 e agora é L2).Mais con tantísimo diñeiro que a Consellería de Educación está investindo nun plurilingüismo excluínte, o éxito para “bilingüizar” cativos e cativas está asegurado. O máis importante xa o teñen logrado: a sociedade toda está concienciada de que o inglés é o idioma que temos que falar si ou si e en Galicia. Ao prestixio que xa tiña de por si gañado, aínda lle deron algún lustre máis e conseguen que toda familia que ten un mínimo de posibles envíe os seus descendentes a clases de inglés como actividade extraescolar durante o curso todo e tamén a campamentos de inglés no verán.Na seguinte enquisa, para non facer sociolingüística-ficción é mellor que pregunten se os menores de 16 xa son bilingües de verdade, dos de castelán (L1) e “inglés de centro plurilingüe”(L2). Tal e como se están esforzando en corrixir unha visión endocéntrica e reducionista que limita o futuro da nosa mocidade, calquera outro tipo de “bilingüismo” non ten cabida.En chegando a este punto caín na conta de que todos estes consellos para elaborar a próxima enquisa non teñen ningún sentido, porque en realidade agora xa toda a xente vai escoller libremente que lingua quere falar, sobre todo as novas xeracións. Para que se vai preguntar por unha lingua habitual? Mellor unha única pregunta: vostede escolle libremente ou aínda lle impoñen a lingua?
Ningún comentario:
Publicar un comentario