Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 17 de maio de 2014

Por que en galego?

Editorial da Praza Pública para os días que non sexan o 17 de maio:


Na rimavera de 2011 unha campaña da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística espallou un deseño no que o debuxante Fran Bueno amosaba un elocuente diálogo: “Por qué hablas gallego?”, preguntaba un home alto. “Por que o preguntas?”, contestaba unha nena con cara de incredulidade. Os prexuízos contra os que loitaba aquela campaña e que pretendía reflectir este cadriño abordáronse tamén en anos pasados sen abandonar a retranca a través da rede social Twitter, onde un grupo de usuarias e usuarios popularizaron a etiqueta #díadelgallego para, en clave de humor, poñer o foco nalgúns usos máis ou menos rituais que a lingua sofre cada 17 de maio.
Entre os obxectivos máis recorrentes daquel #díadelgallego, nalgunha ocasión estendido ata converterse en #semanadelgallego, estaban os diarios impresos que deciden abandonar o castelán nas súas primeiras páxinas durante vinte e catro horas, xusto antes de volvelo utilizar de xeito maioritario, case total, ata o Día das Letras do ano seguinte. Esas primeiras páxinas e todas as demais son as mesmas nas que textos legais como o Estatuto de Autonomía ou a Lei de Normalización Lingüística, ademais do Plan Xeral de Normalización, se fixaron para tentar abrirlle o camiño ao galego pola vía da seducción, pero tamén a través das axudas. Dos cartos.
Colectivos profesionais como o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ou a Asociación de Medios en Galego, da que Praza Pública forma parte, levan reclamando dende hai anos unha nova regulamentación dese modelo de axudas para incrementar a súa transparencia e, sobre todo, para que que o seu reparto estea vinculado ao uso do galego nos medios e non a outros obxectivos. Trátase, en definitiva, de que o criterio sexa o lingüístico combinado con outros como o mantemento de postos de traballo de calidade. E non ningún outro. Sen prexuízos.

Neste 17 de maio as páxinas de Praza están, como cada día, escritas en galego. Nelas tamén se pode atopar hoxe un anuncio institucional inserido pola Xunta de Galicia co gallo do Día das Letras, o segundo da historia deste xornal. Mañá, cando xa non sexa #díadelgallego, grazas ao apoio da comunidade de lectoras e lectoras e das empresas e entidades anunciantes a lingua propia de Galicia seguirá sendo a destas páxinas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario