Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 4 de xullo de 2011

Medios e axudas públicas

por Manuel Mera, no Xornal (en cal vai ser?, pois non hai outro):

A desaparición de varios medios de información en lingua galega amosan na práctica, e para alén de calquera especulación que se poida considerar interesada, que o goberno de Feijóo se vai distinguir (entre outras cousas) por exercer a máxima presión sobre a lingua galega e todo aquelo que sexa elemento de diferenciación nacional. Reducir todo a un problema de lectores, menosprezando a rebaixa ou eliminación das axudas públicas, ademais dunha análise simplista, é unha mentira calculada e perversa.
Non se pode ignorar que a lingua galega vén de séculos de marxinación e desvalorización polos grupos de poder. Ninguén pode soster que esta etapa ficou atrás, polo feito de que se normalizara parcialmente seu uso nalgúns ámbitos públicos, xa que como se reflicte a cotío mantéñense os efectos no subconsciente colectivo. Abonda con comprobar como, malia que os estudos din que o galego vende, poucos artigos están rotulados na nosa lingua, e son escasas as empresas que se anuncian en galego. Se asemade temos en consideración que os medios de comunicación se manteñen cos anuncios, resulta evidente que todo contribúe a penalizar aos que utilizan a lingua galega e favorecer aos que empregan o castelán. Daquela, para alén da leria, a redución de achegas públicas neste ámbito axuda a uns e castiga a outros.
Tampouco se pode ignorar que, malia que se predique a igualdade de trato, ademais das axudas públicas directas hainas indirectas a través dos anuncios pagados nos medios. Estas contías son moito máis grandes que as que se publican no Diario Oficial de Galiza. A xunta non xoga limpo neste tema, e favorece sen ningún limite a aqueles que reproducen acriticamente o seu discurso e gaban o seu xeito de axer político... por suposto en castelán. Cando se fala do número de lectores en galego, e se culpa á vítima (a xente do país) do peche dalgún medio, non se teñen en consideración dous feitos fundamentais. O primeiro, que vimos de séculos de marxinación da nosa lingua. O segundo, que isto tivo unha especial incidencia no eido escrito onde, para a maioría social, conviviu durante séculos o galego como idioma falado e a utilización (obrigatoria) do castelán como lingua escrita e do poder no senso máis amplo do termo. Por esta razón a televisión e a radio en galego ten moitos máis seguidores que o emprego na escrita do galego.
En definitiva, do que se trata é de normalizar ou non a utilización da lingua galega. Tendo en conta que o castelán ten grandes axudas e toda a protección do Estado, sería de necios pensar que o galego pode competir en pé de igualdade sen achegas semellantes. Aínda máis, por lóxica, terían que ser maiores as axudas a fin de compensar séculos de inxustiza e opresión. Non facelo así, é puro e duro auto-odio e submisión nalgúns (consecuencia da alienación colonial) e vella actitude imperialista noutros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario