por Iria Salvande Lorenzo, en Terra e Tempo:
A sociedade Galega actual non pode nin debe seguir ocultando conscientemente o papel da muller na nosa cultura; ou é que as galegas non teñen méritos e calidade suficientes para poder estar na RAG? Tendo en conta que neste momento de 30 membros, só 4 son mulleres, sorprende e resulta rechamante a case nula presenza do xénero feminino. O que subxace baixo todo isto é que por moito que falemos de igualdade, de listas paritarias ou cremalleira, o certo, o realmente certo, e por tanto dramático, é que ese discurso non está interiorizado, senón que é un brinde o sol. Un anuncio cara a galería. A nosa sociedade non pode nin debe permitirse o luxo de que unha boa parte da nosa literatura non este presente nin representada nas institucións.
Fagámonos unha pregunta. Sería posible a existencia dun organismo coma a Real Academia Galega onde non estivesen presentes os nosos autores ou se estivesen estarían tan infimamente representados coma o son na actualidade as nosas escritoras? Non estaremos a asistir, de maneira velada, ao debate de que a literatura escrita por mulleres carece da calidade suficiente? Estaría presente Rosalía cunha cadeira nesta RAG?.
Nestes últimos tempos estamos a vivir, iso si, sen a grande atención mediatica, un retroceso maior no que se refire os dereitos das mulleres. Desta maneira non podemos deixar de lembrar a nova lei de Familia aprobada recentemente no Hórreo. Unha lei lesiva e que ataca fundamentalmente os dereitos das mulleres. Así asistimos con perplexidade a esta volta ao modelo de familia tradicional, así non seu titulo xa a maneira de declaración de intencións falase da lei de Familia, non da lei das familias, porque non esquezamos que para o goberno do Partido Popular só existe un modelo, a familia católica, apostólica e románica.
De maneira que vemos como non hai moito tempo nunha comunidade Autónoma gobernada polo PP, negóuselle o dereito a unha muller a acceder a unha inseminación artificial por carecer de parella masculina. Ese é o modelo e ese é o camiño polo este partido quere que transite a muller.
Hoxe máis que nunca venme a cabeza aquela vella, e non deostada, reivindicación do momento Feminista: "Sexualidade non é maternidade. Parir non é o destino da muller".
Ningún comentario:
Publicar un comentario