Nin equilibrado nin harmónico, o adxectivo máis acaído para explicarmos o bilingüismo en Galicia é hipócrita.
Non fixen grandes estudos para chegar a esta conclusión, tampouco consultei manuais de sociolingüística nin as estatísticas da RAG ou do Instituto Galego de Estatística. Decateime de súpeto desta evidencia o domingo pasado cando fun á compra ao mercado de Cee, e supoño que calquera que esté un pouco atento pode contar capítulos semellantes ao que relato aquí e que demostran ben claramente como se desenvolve a relación entre o galego e o castelán na sociedade galega. No caso de estar eu no certo estaríamos diante dunha sociedade enferma de hipocrisía que cómpre tratar desvelando aquelo que se oculta continuamente para que abrolle a realidade espida de finximentos pois unha sociedade hipócrita é unha sociedade autodestrutiva.
En Cee hai feira os domingos. A vila énchese de xente e nun dos postos de peixe do mercado estabamos moitos agardando o turno. Levaba polo menos dez minutos agardando. Foi cando a dependenta da pescadería limpaba unha pescada do pincho cando unha muller cunha chaqueta vermella se achegou pola miña dereita e berrou abrouxándome o oído:
- Mira, perdona. Sólo quería saber a cuanto están los bueyes.
- A diez el kilo -contéstalle a dependenta sen deixar o seu traballo. Todos nos enteramos do prezo do marisco.
Ao pouco a parella da muller da chaqueta vermella xúntase ao grupo e, en voz baixa, que eu puden oir por estaren á miña beira:
- Que? levamos bois?
- Non. Están a des. Non sei que che parese,.... será mellor procurar outra cousa - contestoulle ela. E marchan ao tempo que chega un home con botas de auga e cunha caixa de xelo. Entra no despacho e repárteo entre as caixas expostas.
- Le parto la cabeza a la mitad? - preguntaba en voz alta a peixeira á clienta que estaba atentendo nese momento.
- ... si. Mejor si. A la mitad.
O home das botas de auga murmúralle á peixeira ao marchar cando pasa ao seu carón:
- Coidado co machete, que está ben afiado.
- Xa teño conta, xa teño - respóndelle ela, tamén moi en baixo. Entón diríxese cara a min e continúa, pero agora falando claro e alto:
- Es usted el siguiente, no?
A anécdota só ven constatar que o español é a lingua común de comunicación en Galiza, mesmo entre falantes habituais galego. O problema fundamental da política lingüística desta Xunta é que non vai por nunca en dúbida o status quo do español.
ResponderEliminar