por Xavier Gómez Guinovart en Terra e Tempo:
Talvez fose unha casualidade do destino que, o mesmo día no que se anunciaba o peche deGalicia Hoxe por falta de axudas institucionais, se publicase en La Voz de Galicia unha entrevista na que o actual secretario xeral de Política Lingüística expresaba con convencemento que o galego "está nunha situación boa" e que quen diga que o galego é unha lingua en retroceso está a utilizar un "discurso apocalíptico". Esta coincidencia mediática non pasaría de ser un sarcasmo casual e de mal gusto, se non fose porque a entrevista foi publicada precisamente nun xornal propiedade dun grupo empresarial que recibe un trato preferente (máis de 285.000 euros nos últimos catro meses) nas xenerosas contratacións sen concurso outorgadas a dedo pola Xunta de Galicia.
É ben sabido nos estudos de sociolingüística que a presenza dunha lingua nos medios de comunicación constitúe un factor clave na normalización lingüística dun idioma, un indicador da súa vitalidade lingüística. Nos dous anos da política lingüística do Goberno de Feixóo, a falta de apoio institucional aos medios en galego auspiciou o peche de Vieiros, o xornal dixital máis importante na nosa lingua, despois de 15 anos de andaina na rede; tamén desapareceu pola mesma razón o semanal histórico A Nosa Terra en papel, con máis dun século de historia; e finalmente tamén tivo que pechar polo mesmo motivo o último xornal de venda nos quioscos, Galicia Hoxe. Porén, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, aprobada unanimemente no seu momento por todos os partidos políticos parlamentarios e aínda vixente, nos artigos 18 e 19 do seu título IV estabelece taxativamente que "o galego será a lingua usual nas emisoras de radio e televisión e nos demais medios de comunicación social sometidos á xestión ou competencia das institucións da Comunidade Autónoma" e que "o goberno galego prestará apoio económico e material ós medios de comunicación non incluídos no artigo anterior que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo". Obviamente, o goberno actual da Xunta, e nomeadamente os responsábeis da súa política lingüística, fan desta lei un pandeiro, sendo contraria á súa ideoloxía e aos seus obxectivos.
E non será por falta de cartos. Mentres a Xunta de Feixóo recorta as subvencións para o galego (para os medios en galego, para as traducións en galego, para o promoción da lingua galega nas escolas, para as industrias culturais...), ao mesmo tempo, por exemplo, dilapida catro millóns de euros na cobertura da visita do Papa a Galicia e 468.000 euros en dous anos para retransmitir a misa dominical pola televisión pública. Cuestión de fe, supoño. Amén.
Debemos concluír, logo, que a eliminación das subvencións institucionais aos medios xornalísticos en galego, ás traducións en galego e aos proxectos de fomento da lingua galega nos centros escolares non ten unha motivación económica, senón ideolóxica. Os seus obxectivos lingüicidas encádranse nunha acción de goberno perfectamente deseñada e dirixida á devastación da lingua propia, nun perverso plan de enxeñaría lingüística social que ten como fitos a supresión do exame obrigatorio en galego nas oposicións á función pública, a cancelación das galescolas e o funesto decreto sobre o uso das linguas na ensino, por culpa do cal o 90% dos nenos nas cidades son escolarizados en español, menos dun 25% das aulas son impartidas en galego, desaparece o galego da educación infantil, e se estabelece a prohibición de impartir en galego as materias de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química.
Minorizar o galego, afastalo da tecnoloxía, facelo innecesario, illalo nun recuncho de usos rituais e culturetas separado da sociedade, alimentar o autoodio, afondar na ruptura da súa trasmisión lingüística interxeracional, evitar a súa internacionalización: velaí a verdadeira política lingüística do PP que fai do esencialismo español imperialista, lingüicida e católico o seu estandarte. Polo ben deste país e da súa cultura, e mais polo ben da Humanidade e a riqueza da súa diversidade cultural e lingüística, debemos evitar que o logren. Cando unha lingua morre, morre unha identidade colectiva, morre unha cultura, morre unha visión única do mundo. Un pobo que renuncia á súa lingua perde a súa dignidade. De acordo, non é a apocalipse... pero a algúns dóenos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario