Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 12 de xullo de 2011

Veraneantes

por Manuel Xestoso González en Terra e Tempo:

A política cultural da actual Xunta de Galiza foi tan absolutamente errática dende o inicio da lexislatura que a única dúbida que lle podía suscitar á abraiada cidadanía era a de se as súas actuacións estaban presididas pola incompetencia ou pola mala fe. O tempo, lamentabelmente, está demostrando que é unha combinación de ineptitude e hostilidade cara á cultura e a lingua propias a que dirixe o proceder dos responsábeis culturais do goberno galego. 

Un episodio recente pon de manifesto -por enésima vez- a estraña mestura de arbitrariedade e despiste que rexe as iniciativas da Consellaría de Cultura. Refírome á creación do denominado Festival das Rías Baixas, un evento que se celebra en Vigo e Pontevedra durante o mes de xullo e que pretende -segundo declararon as autoridades nunha presentación oficiada, por suposto, en Madrid- "converterse nun referente entre os grandes festivais das artes escénicas". 

Segundo o relato da propia consellaría, o festival xurdiu como unha iniciativa do actor Sancho Gracia, o director de escena Miguel Narros e o produtor Celestino Aranda. A idea contou co inmediato beneplácito da Xunta e da Deputación de Pontevedra, que non vacilaron en poñer á súa disposición os medios materiais para pór en marcha un proxecto cuxo incerto resultado poderemos avaliar nas cidades de Vigo e Pontevedra durante o mes de xullo. 

O primeiro que chama a atención é a receptividade da Xunta a unha proposta procedente de tres figuras cuxa relación coa dinámica cultural galega é tan espectral que a propia páxina web do festival -unha páxina que, por certo, só se pode consultar en castelán- debe botar man dun argumento patético para xustificala: Sancho Gracia posúe unha casa en Mondariz. Se non fose tan grotesco, poderíase ironizar tirando a conclusión de que a consellaría considera que son máis de fiar os veraneantes que os da casa. 

Non obstante, non queda moito espazo para sarcasmos cando obtemos o dato de que este festival de nova creación vai contar cun orzamento que duplica o que a Xunta lles asigna á totalidade dos festivais xa existentes. Até o de agora, o discurso oficial puña como pretexto a crise económica para aplicarlles voluminosas rebaixas ás axudas ao sector e, en xeral, á cultura. A este respecto, cómpre lembrar que dende a chegada de Roberto Varela á Consellaría de Cultura, o seu departamento protagonizou un enfrontamento practicamente ininterrompido coas compañías de teatro e danza por mor duns recortes que ameazan a súa existencia. Concretamente, os festivais viron como as subvencións que recibían da Administración se reducían, nalgúns casos, até os niveis de hai vinte e cinco anos. Pero, polo visto, a recesión non afecta ás ideas promovidas polos turistas. 

Non deixa de ser elocuente que, xustamente durante as datas nas que ten lugar o novo festival, se celebran dúas mostras con máis dun cuarto de século de existencia e unha relevancia indiscutíbel na historia do teatro galego: a Mostra de Teatro Cómico de Cangas e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Tamén coincide no tempo co desenvolvemento do Via Stellae compostelán, que malia a súa curta vida, estaba transformándose nunha cita obrigada para os amantes da música antiga. Estes certames enfróntase agora cun panorama incomprensíbel: por unha banda, a Xunta denégalles os recursos económicos necesarios para o seu crecemento e mellora apelando á austeridade necesaria en tempos de crise; pola outra, inviste os fondos que lles escamotea nun evento que competirá abertamente con eles. 

A perplexidade de calquera espectador informado se incrementará aínda máis cando descubra cal é a programación da primeira edición do Festibaixas. Un festival que aspire a unha certa densidade cultural debe compaxinar dous obxectivos: mostrar espectáculos, tendencias e compañías de difícil acceso durante o resto do ano e servir como estímulo para a creación de novos públicos. As escollas realizadas polos directores deste Festival das Rías Baixas, pola contra, semellan máis próximas á programación das festas de verán de calquera concello de tamaño medio -dirixidas a encher o ocio estival con representacións comerciais de entretemento- que a cumprir este duplo propósito de manterse en sintonía coa contemporaneidade e de propiciar o contacto entre a comunidade e os creadores. 

Co respecto debido a todos eles, as palabras do conselleiro a propósito do "estimulante camiño da experimentación, a vangarda e a relectura dos clásicos" atopan unha difícil aplicación a un programa inzado de nomes como os de Julio Bocca, Ana Belén e Luz Casal e de espectáculos con títulos tan ilustrativos como Romancero gitano ou Versos, bandoleros y canciones. Dende logo, hai meritorias excepcións, pero as súas virtudes quedan considerabelmente diminuídas entre a maravallada de obras que despiden o inconfundíbel aroma do consumo rápido. 

Pero, se cadra, resulta máis abraiante a inusitada docilidade con que a nosa sociedade se axusta aos excesos do salvaxe espolio que sofre a cultura. Son poucas as voces que exercen de conciencia crítica e as que existen son sospeitosamente esquivadas polos medios de comunicación. No canto de avivarse o debate promóvese o silencio. Un silencio que lle permite aos veraneantes gozar de barra libre. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario