Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 12 de xullo de 2011

«Perder unha lingua é case peor que perder unha especie»

Miguel Rodríguez Fernández entrevista a  Francisco Díaz-Fierros para o Cartafol da USC:

Francisco Díaz-Fierros é catedrático en Edafoloxía e Química Agrícola da USC. A súa meritoria carreira como docente e investigador neste eido está acompañada dun teimudo compromiso co idioma e coa nosa cultura, que o levaron no ano 2002 a ingresar como académico na Real Academia Galega e a coordinar a Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega. O profesor Díaz-Fierros desvélanos as súas impresións a respecto da situación do galego no mundo da ciencia e apunta as posibilidades que ten o galego para facerse espazo neste mundo.


Vostede é un home de ciencias e académico da RAG. En que pode contribuír a perspectiva dun científico á lingua?
A ciencia é un dos piares da Real Academia Galega, que sempre entendeu, dende a súa fundación, que era un valor cultural importante da nosa época e que non podía manterse allea a esa realidade. Por iso, dende que se fundou tivo científicos no seu corpo. Cando eu entrei, en 2002, o único que fixen foi encher a vacante que quedara trala morte de científicos anteriores, mantendo así ese vínculo entre ciencia e galego tan necesario. 

Como valora a progresión entre os usos que actualmente se lle dan ao galego na ciencia e aquel ideal do Seminario de Estudos Galegos, que era un ideal concreto con apartados específicos?
O Seminario de Estudos Galegos foi a primeira institución que decidiu que o galego non é só unha lingua popular e de literatura, senón que tamén é quen de expresar calquera tipo de contido cultural ou científico. Dende daquela mudaron moitas cousas e, en especial, mudou o papel da ciencia na sociedade. Daquela non había unha evidencia tan clara coma hoxe da importancia das tecnoloxías na nosa vida e a comunidade de científicos non era tan ampla coma agora. 
Pero o cambio substancial tivo que ver coa hexemonía que a partir dos anos oitenta acadou o inglés no campo científico en todo o mundo. Nos anos setenta, co espírito da transición, produciuse unha especie de novo renacer galeguista; moitos científicos do sector agrario, pesqueiro ou biolóxico comprometéronse co idioma, e mesmo impulsaron publicacións científicas especializadas en galego. Mais daquela non existía a enorme presión que existe hoxe en día sobre os científicos á hora de posuíren un bo currículo, un currículo que se compón en gran medida pola participación en publicacións que se valoran se están escritas en inglés. 

Cre que na actualidade, malia estas presións, rexorde o compromiso coa lingua por parte das novas fornadas de científicos?
Coido que si e ademais están a incidir no ámbito da ciencia onde o galego ten máis posibilidades, a divulgación. Publicar en galego investigación especializada xa é unha batalla case perdida. No ensino acadouse moito terreo e gañouse unha situación de estabilidade, especialmente no ensino medio. Na Universidade aínda queda, iso si, moito por facer, sobre todo se queremos chegar ás situacións como a que se vive en Cataluña, onde o 70% das horas clases na universidade son en catalán. Mais precisamente por iso é importante que esta comunidade de científicos galegos se comprometa co idioma, porque o labor do profesor na aula poda axudar moito a mellorar os usos do galego na ciencia en xeral.

É o profesorado, logo, o responsable desta situación?
Principalmente, os profesores; os alumnos, máis secundariamente. Se os docentes tiveramos máis compromiso poderiamos conseguir mellorar a situación. Isto tampouco é sinxelo se temos en conta a presión da que falabamos antes, que case obriga, se queres facer unha carreira investigadora, a darlle prioridade ao inglés na publicación dos traballos. E o estudantado xa foi máis receptivo ca hoxe en día. Téñenme marchado estudantes de clases de materias optativas que eu imparto, con poucos alumnos, porque as clases as dou en galego; e non porque sexan de fóra de Galicia...

Referiuse antes á necesidade de afianzar a presenza do galego no ámbito da divulgación. É un problema de canles específicas?
Hai bos divulgadores da ciencia e bos espazos de divulgación, como os museos científicos, como os da Coruña, que se pasaron ao galego. É un terreo onde o galego non está mal, se o comparamos con outros territorios, pero aínda así hai problemas. Non se trata só da inexistencia dunha canle, tamén ten moito que ver cos contidos. Os investigadores non saben pre-dixerir os resultados das investigacións para que logo os divulgadores poidan dispoñer dese material. Máis que de canles, o problema é a falla de alta divulgación, a que deben realizar os propios investigadores porque coñecen ben o seu traballo e poden rebaixarse a expoñelo dunha maneira sinxela. Isto, que se está facendo mellor en Cataluña ou Valencia, deberiámolo intentar aquí. 

Como podemos conseguilo?
Primeiro, valorando nos currículos o traballo de divulgación. Segundo, creando plataformas, por entes públicos ou privados, que recollan información sobre o que se está investigando no país e fagan unha pre-dixestión, unha recolección da produción científica para que os divulgadores saiban o que se está a investigar en Galicia. Iso si, cómpre facelo dende a obxectividade, porque cando se len os comunicados de prensa da Universidade parece que estamos inventando cousas todos os días e a realidade non é así. 

Ante a comunidade científica, un traballo en galego pode ter menos prestixio?
En divulgación, non. Esa barreira idiomática existe máis no traballo especializado pero na divulgación científica está superado.

Parécelle un problema a inexistencia de manuais de ciencias en galego na Universidade?

Elaborar e, sobre todo, manter un manual científico é caro e complicado, e os grandes manuais que se están a empregar na Universidade renóvanse máis ou menos cada catro ou cinco anos. Daquela, manter unha liña editorial de manuais en galego implica unha grande dificultade e custos importantes. Normalizar o galego nos manuais científicos é tarefa complicada. Porén, creo que o espazo que pode e debe ocupar o galego é o dos materiais de apoio na nosa lingua. 

En 1978, xunto co profesor Antón Santamarina, diferenciou os usos de chan, solo terra. O descoñecemento da terminoloxía técnica en galego é unha pexa máis para o emprego da nosa lingua na ciencia?
En absoluto. Nas linguas próximas o 70% dos termos científicos son comúns, así que iso non é un problema. Debemos ser precisos e rigorosos co noso capital cultural idiomático; poñer como escusa o vocabulario específico científico en galego é un absurdo. 

Na súa traxectoria como docente impartiu clase en Cataluña e noutros lugares do estado con lingua propia. En comparación co contexto científico galego cales son as principias diferenzas que percibiu?
O uso do idioma propio na docencia universitaria, sobre todo en Cataluña, é o máis salientable. Aló os profesorado emprega con moita maior frecuencia o catalán, mentres que aquí o uso do galego nas carreiras científicas anda polo 10%. En cuestión de textos e publicacións tamén hai unha maior normalización do catalán, pero a grandes riscos non se escapan desa presión do inglés que a nós tamén nos afecta tanto.
 
É comparable a defensa da diversidade ambiental coa defensa da diversidade lingüística?
Hai uns aspectos biolóxicos vinculados á linguaxe, xa que é o mecanismo de expresión dunha especie. Pero aínda así o idioma, ao meu ver, ten unha importancia maior, xa que é un valor cultural dunha riqueza indubidable. Un signo que pertence e identifica a unha comunidade humana. Eu atreveríame a dicir que perder unha lingua é case peor que perder unha especie, pois con ela vaise parte da historia e da pegada que un país deixou na historia. 

En Galiza a desprotección do medio natural e do patrimonio lingüístico semellan ir parellas. É cousa de que este pobo non valora o seu ou tamén inflúe ese falso progreso da economía de mercado?

As dúas cousas. Coa actual concepción de progreso estase a prexudicar a todos aqueles elementos ou valores intanxibles que non implican un beneficio económico inmediato. De todos os xeitos, comezan a emerxer movementos que pretenden precisamente poñer en valor todos eses intanxibles que o mercado deixa de lado e que son unha riqueza que non podemos perder. E por suposto, tamén afecta o coidado que cada pobo teña do seu. Hai comunidades que protexen o seu medio natural, o seu patrimonio cultural e o seu idioma. Isto en Galicia aínda é unha materia pendente. 

A mestura do moderno e do tradicional que se produce no terreo agrario, poderíase aplicar tamén á lingua?
Non me gusta moito a comparación co modelo agrario; o idioma ten que ser algo máis, non pode ser un reduto, debe enchoupar a toda a sociedade. Aínda que comece impulsado por pequenos grupos, co idioma temos que pretender gañar á maioría. Malia que, segundo os datos, a tendencia na sociedade é a de abandonar o monolingüismo en galego e castelán e converxer nun bilingüismo, no que haxa competencias semellantes entre galego e castelán, a nosa lingua ten que servir para manternos ligados ao noso país, á nosa terra.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario