Este vello Reino de Galicia, que, segundo as estatísticas oficiais dos últimos quince anos, no seu movemento vexetativo vén perdendo máis de sete mil nativos por ano, celebra hoxe o Día da Patria cunha serie de actos, cerimonias e festexos. Este ano, o presidente da Xunta e outros servidores públicos que temos decidiron distinguir coa Medalla de Galicia o Instituto da Lingua Galega e o profesor Ángel María Carracedo Álvarez.
As caras destas dúas medallas non poden ser máis dignas de celebración e recoñecemento colectivos. Todos os habitantes de Galicia podemos sentir orgullo e maior estima despois dos 40 anos de traballo arreo do Instituto da Lingua Galega, que levou o noso idioma ós máis altos niveis dos estudos lingüísticos e promoveu a produción masiva de instrumentos de aprendizaxe da nosa lingua, mediante o asesoramento xeneroso a investigadores, escritores e editores.
Todos os habitantes de Galicia somos e podemos sentirnos máis universais como galegos ó sabermos que o profesor Carracedo, na vangarda da xenómica clínica, dirixe un equipo internacional no que traballan centos de investigadores pertencentes a dezaseis nacionalidades.
Este profesor é o mesmo que apadriña unha promoción de alumnos da universidade da capital de Galicia; é o mesmo que vai de pregoeiro na I Festa Celta de Santa Comba; o mesmo que dá unha conferencia e comparte unha cea no Instituto de Estudos Miñoranos. Este galego universal, doutor honoris causa por varias universidades, e o Instituto da Lingua Galega pertencen á cara máis fermosa simbolizada na mellor medalla institucional e pública que poidamos outorgar os galegos.
Outra cousa é a cruz das nosas medallas nestes últimos anos. Os criados públicos que escollemos os galegos e que Galicia contratou para este cuadrienio non saben o que é a fidelidade ó noso.
Prepotentes na súa ignorancia lingüística negan nos primeiros anos da escola a unión entre a nosa lingua, as ciencias e matemáticas, tan compatibles na mente do profesor Carracedo. Cun decreto de falso plurilingüismo desprezan 40 anos de traballo de mestres, artistas, escritores, tradutores, xornalistas e investigadores que tiñan e seguen tendo o Instituto da Lingua Galega como referencia segura da nosa lingua.
Esta cruz dos negativistas do noso patrimonio, que tan destemidamente denunciou o escritor galego e universal, Agustín Fernández Paz, é un coitelo envelenado para todos aqueles que queremos celebrar co ILGA e con Carracedo este Día da Patria coa esperanza de que nesta terra naza e medre xente nova sen que teñan que renunciar á propia fala deste vello Reino de Galicia
Ningún comentario:
Publicar un comentario