O recoñecemento da defensa da lingua encarnouse este ano en Alba Nogueira, Xosé Rodríguez Cruz e o Concello de Ames pois eses foron os premiados pola Fundación Lois Peña Novo na edición deste ano. Os galardóns entregáronse nun acto celebrado no Castelo de Soutomaior o pasado 30 de xuño e con eles recoñécese o exercicio da súa profesión á profesora de Dereito Administrativo da USC, Alba Nogueira, nunha facultade cuxo profesorado non se significa pola defensa do galego.
De Xosé Rodríguez Cruz é funcionario do corpo de policía en Ourense destacouse o seu traballo materializado en diferentes traballos de investigación etnolóxica e antropolóxica, así como o de ser un referente no impulso do galego no ámbito das forzas de seguridade.
Finalmente o galardón concedido a unha institución foi para o Concello de Ames por impulsar o labor do Servizo de Normalización Lingüística creado no 2004. Ademais tívose en conta que desde o concello entenden a normalización como un proceso no que ten que implicarse toda a sociedade. O concello de Ames puxo en marcha unha campaña, Calidade en Galego, centrada no pequeno comercio da vila e por isto, entre outras razóns, un non entende que facía o secretario xeral de política lingüística apoiando o acto cando o goberno do que forma parte hai ben pouco que aprobou unha lei de comercio na que non hai nin a máis mínima referencia á normalización, incluso máis, elimináronse todas as obrigas de rotulación en galego nos establecementos comerciais que establecía o proxecto do bipartito cando si que é obrigada a rotulación en castelán. Así non só queda desprotexida e desprezada a nosa lingua, senón que baleira de contido a declaración do galego como lingua propia ao tempo que se desaproveita unha medida que tería un impacto 100 veces superior á da política lingüística aplicada polo Concello de Ames.
Ningún comentario:
Publicar un comentario